13.12.09

Noticias de literatura-72

Ánxela Gracián publica Pinga de choiva (Xerais). Fala da súa obra, de lingua e de filosofía con Lupe Gómez:
Sempre lin moito. Cando tiña dez anos xa lera toda a biblioteca do colexio. Teríame gustado estudar Cine ou profesións máis artísticas. Filoloxía era unha carreira que estaba ao meu alcance xeográfico e eu tiña amigos que escribían, cos que compartía lecturas e poemas. Quería traballar coas palabras, con esa reflexión filosófica que hai detrás da lingua (Galicia Hoxe, 22-11-09).

Eduardo Estévez e mais Eli Ríos desenvolven un xogo de seducción en Rúa da cancela:
"A idea xa foi, desde o principio, escribir o libro entre os dous, Eli e mais eu. Os meus textos están escritos en primeira persoa, e os de Eli en terceira, desde a perspectiva do seu personaxe. Os meus están en verso, e os dela en prosa. É unha historia que sucede nunha noite, contada dun modo narrativo, de xeito pausado, demorado", explicou Eduardo Estévez (Galicia Hoxe, 25-11-09). Véxase tamén Galicia Hoxe, 22-11-09.

Xoán Babarro gaña o Premio Arume de Poesía:
O xurado quixo destacar que se trata dunha "poesía fresca e orixinal, moi relacionada coa natureza e co medio xeográfico. É unha poesía do galego estremeiro, e dende o punto de vista léxico utiliza dialectalismos do galego oriental. A métrica e as estrofas son moi variadas, e xoga coas onomatopeas e cos recursos gráficos para facer os poemas máis atractivos par nenos e nenas (Galicia Hoxe).
Manuel Darriba fala con Lupe Gómez sobre a novela Branco e outros temas da vida e da literatura.
Manuel Rivas presenta en México o seu poemario A desaparición da neve:
Asegurou que a viaxe lle resultou doada porque a emigración galega construíu unha ponte con México, xa que é unha das máis numerosas no país americano.
O autor, que sentía de antemán gran curiosidade por coñecer o certame literario, explicou que “antes de que McLuhan escribise aquilo da aldea global, xa o inventaron os galegos, esa especie de internet da alma que é a diáspora; Galicia é unha especie de país portátil” (El País, 4-12-09).
Marcos Calveiro, premio Lazarillo 2009 por O pintor do sombreiro de malvas. Segundo recolle o Galicia Hoxe (5-12-09):
A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comentaba no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas...".
Marcos Sánchez Calveiro declara a Xornal de Galicia:
“Éncheme de orgullo poder gañar un premio en Madrid cunha novela escrita en galego, ese idioma que algúns din que non serve para nada, competindo en igualdade de condicións con textos en castelán, catalán e éuscaro”.
No Galicia Hoxe atopamos unha ampla reportaxe de V. Oliveira sobre Marcos S. Calveiro e a súa obra.

Manuel Lourenzo publica Medea dos fuxidos e outras pezas:
Un conxunto de pequenas pezas teatrais que acaba de publicar o dramaturgo e académico Manuel Lourenzo. O obxectivo do volume, segundo subliña o propia autor, é duplo: permitir o goce como lectores pero tamén ofrecer textos de fácil montaxe para afeccionados, escolares ou adultos (Galicia Hoxe, 5-12-09).
Manuel Pérez Rúa premiado co Ramón Piñeiro de ensaio por Retrato da xeración de 1950:
O autor (...) falou do libro como “unha maneira de entender o cambio social” que se produciu nas últimas décadas no que se fai unha comparativa xeracional a través de trinta entrevistas. Neste sentido, o premiado considerou a obra “un álbum ilustrado con voces”, unha forma de “ilustrar o cambio dándolle voz aos participantes” (Xornal de Galicia, 10-12-09).
Miguel González Garcés, vixésimo cabodano. Lembranza do poeta en artigos de Plácido Lizancos, "Non omnis moriar", e Miguel Anxo Fernán Vello, "Lembranza de Miguel González Garcés".
Diego Ameixeiras fala en El País sobre Dime algo sucio:
En Dime algo sucio hai algúns personaxes tremendamente insatisfeitos, tamén no plano sexual. Pero o que lles pasa é que non soportan a vida. Por iso buscan que alguén dende fóra lles veña solucionar o seu desacougo, ben a través da sexualidade entendida como posesión, ou ben a través desa alquimia que os faga sentir desexados polo outro, únicos e reverenciados. Esa xente é tremendamente infecciosa.
Acto de entrega do Premio García Barros de novela a Xosé Monteagudo. A obra gañadora titúlase Un tipo listo. Entrevista con Xosé Monteagudo en La Voz.
Manuel Rivas presenta Episodios galegos. Tempos de esperpento:
"Pasouse dunha fase na que "facer país" era a máxima tanto dun conservador como de calquera membro da esquerda, ao seu reverso, á deconstrución nacional. Pero non só nos seus símbolos como lingua ou cultura senón tamén na materialidade das cousas: cada día temos un recurso menos" (Galicia Hoxe, 1-12-09).

Rivas na RAG:
“Se hoxe falamos dunha cultura viva, dun país portátil , dunha arca en movemento, é porque se mantivo unha cadea de resistencia ecolóxica coas palabras, unha ecoloxía cun dobre sentido, porque na medida en que coidamos do sentido, da alma, das palabras, as palabras coidaron de nós” (Xornal de Galicia, 13-12-09).

El País recolle deste xeito o ingreso de Manuel Rivas na RAG; a noticia en La Voz de Galicia.
Galiciaé destaca no discurso de Manuel Rivas o compromiso coa defensa do idioma e o patrimonio cultural. A Nosa Terra salienta a asfixia da lingua; Vieiros destaca as palabras "memoria, ecoloxía e lingua"; Galicia Hoxe: Manuel Rivas ingresa na RAG para "defender e espallar o idioma, o patrimonio e as expresións culturais de Galicia" e pídelles ás novas xeracións seren "custodias das palabras".

Imaxes: Galicia Hoxe (Ánxela Gracián); Xornal de Galicia (Rivas); Xornal de Galicia
(Marcos S. Calveiro)

Ningún comentario: