4.11.09

Alda Merini

Hoxe celebrouse un funeral de Estado por Alda Merini. Morreu o primeiro de novembro. Os lectores de Cartas de amor (Fran Alonso) demos cunha cita da poeta que lle serve de cabeceira ós relatos:

Escribe
unicamente unha
carta de amor
que teña a
semente
dun gran salaio
e logo esquécea
na memoria
para que eu
poida escoitala.

Na prensa destes días lóase a figura e a obra de Alda Merini, considerada unha das poetas máis grandes de Italia, capaz de profundar como poucos na ánima humana. O xornal La Reppublica defínea como a cantora da dor dos marxinados. Ela mesma padeceu unha das peores marxinacións: a da tolemia. Tampouco non tivo moito que lle agradecer a unha vida que a levou de ganchete pola enfermidade, a necesidade, o desafecto...
Morreu de cancro de óso no hospital San Paolo de Milán, ós 78 anos. Levou unha vida "entre a arte e unha lúcida tolemia".
Segundo o presidente Giorgio Napolitano "apagouse unha voz límpida e inspirada". Mais a súa obra non se apagará e os lectores teremos de lla agradecer. Descanse en paz, Alda Merini.

Imaxe: reprodución da páxina web de Alda Merini en Il Corriere della Sera.

Ningún comentario: