20.10.09

Noticias de literatura-68

Daniel Cortezón na memoria. Xosé María Palmeiro lembra o derradeiro encontro co escritor (Galicia Hoxe, 12-10-09). Xosé Luís Franco Grande fala da súa vella amizade con Daniel Cortezón.
Xohana Torres: unha achega á súa obra no Galicia Hoxe: "O Consello da Cultura organizará o vindeiro 29 de outubro unha xornada para abrir novos enfoques arredor da obra de Xohana Torres".
Santiago Jaureguizar e Marica Campo publican O contador de estrelas e E Xoel aprendeu a voar (Obradoiro-Alfaguara), respectivamente:

E Xoel aprendeu a voar conta a historia dun rapaz de 13 anos que apenas ten vida fóra da PSP e da rede. Xunto a Xoel, aparecen outros moitos personaxes, como os seus atarefados pais, Paco e Carme; Eunice, a moza brasileira pola que suspira o protagonista; o seu avó don Santiago ou os seus amigos Fabio, Daniel e Sara.

O contador de estrelas está recomendado para mozos de 14 anos en diante. O libro narra a historia de Antía e o peculiar verán que pasa nunha base de servizo antilumes na compaña da súa nai. Alí, a protagonista coñecerá a Enver, un mozo albanés que traballaba de mecánico. Xunto a el, a rapaza descubrirá o amor e a aventura. (Galicia Hoxe, 14-10-09.)

Vicente Risco: unha achega fotográfica á súa figura. "Amberley edita unha biografía do creador de "O porco de pé" que inclúe 150 imaxes, a maioría do fondo da Fundación que leva o nome deste auto" (Galicia Hoxe). "A escolma apaña en todos os campos da vida do autor da ‘Teoría do nacionalismo galego’, dende a súa nenez até o seu labor político" (Xornal de Galicia).

Novelas de Suso de Toro (Sete palabras) e Diego Ameixeiras (Dime algo sucio) en papel e formato dixital.

Xosé Cid Cabido anuncia para novembro a novela Unha historia que non vou contar:
Cid fía agora retallos dun suceso que azougou Vigo "entre 1973 e 1974". Non quere adiantalo, pero o libro inclúe entrevistas reais, reconstrución histórica e un narrador "facendo que o material lle vén do ceo" (El País, 16-10-09).
Manuel Lourenzo gaña o premio Álvaro Cunqueiro de teatro con Flores de Dunsinane. No mesmo xornal dáse a noticia de premio Manuel María para X. A. Neira Cruz (por Sopa de xarope de amora) e do Barriga Verde para Ignacio Vilariño (por Auga que non vas beber...) e Begoña García (por Bon appétit). Parabéns. No Galicia Hoxe, Manuel Lourenzo fala con M. Dopico da súa obra:
"O tema que quería traballar é a conciencia. Os Macbeth foron moi insidiosos. Conseguiron o poder cometendo un crime, mantivéronse nel cun crime... Na miña peza, Fleance, o fillo decompañeiro de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar, emprega a súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth. O texto ten que ver con limpar a cabeza de pantasmas..."

Imaxes: Xohana Torres,
Vicente Risco e Manuel Lourenzo (Galicia Hoxe).

Ningún comentario: