En galego publicou unha importante obra dirixida ao público infantil, a maior parte en Ediciós do Castro: Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia. Na colección Merlín de Xerais publicou en 1995 unha reedición de Cantarolas, na que incluíu unha ducia dos seus poemas para nenos e nenas escritos en galego (Xornal de Galicia, 23-20-09).
Escritora, entusiasta activista e muller de notable temperamento, destaca Galicia Hoxe.Miranda
entrou á literatura galega da man de Neira Vilas. Mesmo dende a Cuba revolucionaria -aló residiron entre 1961 e 1992-, o activismo literario da escritora desenvolveuse en galego (El País).
O Porto dos Escravos lembra os anos duros de Anisia Miranda e Neira Vilas na etapa de Follas Novas. Manuel Vidal Villaverde fai unha "Lembranza da escritora recentemente falecida cando se fan dez anos que a AELG homenaxeou a Neira Vilas co "Escritor na súa Terra" (Galicia Hoxe). Baixo o título de "Anisia Miranda" atopamos tamén a sentida lembranza do poeta Miguel Anxo Fernán Vello.Maribel Gómez Arto, co seu poema "Eles non saben" foi recoñecida co accésit do Premio Manuel Oreste Rodríguez de Paradela (Galicia Hoxe).
Dolores Vilavedra bota unha ollada ás últimas letras nun artigo que leva por título "Na procura da identidade" (Luces, El País).
Daniel Salgado escribe sobre Suso de Toro por mor da publicación de Sete palabras.
Camilo Franco e Vieiros fálannos dos dez anos de "Por conto alleo", unha interesante experiencia de literatura na rede.
Xavier Alcalá publica Habana Flash, unha crónica da Cuba castrista:
O libro é a crónica ficcionada dunha viaxe real a Cuba que mestura o periplo da emigración galega a Cuba e o presente revolucionario de Fidel Castro. Escrita nunha prosa lixeira, Habana Flash é, deste xeito, unha mestura de documento xornalístico con ficción realista (Galicia Hoxe).
Lembranza de Uxío Novoneyra no décimo aniversario do seu pasamento: "A RAG decidiu dedicarlle por unanimidade o Día das Letras pola "excelencia" da súa poesía, polo seu galeguismo e por ser "profundamente democrático" (Galicia Hoxe, 26-10-09). No mesmo xornal (27-10-09), Xosé Lois García bota unha ollada sobre a figura de Uxío Novoneyra e sitúa o escritor no contexto do conflito lingüístico actual.Francisco Pillado conversa con Manuel Vidal no Galicia Hoxe.
María Canosa fala da súa literatura con Rodri García (La Voz de Galicia, 26-10-09).
Xavier Lama, premio Borobó:
Xavier Lama (1962) ademais de xornalista conta con máis de doce libros publicados onde destaca a súa obra poética. Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid é xornalista na Televisión de Galicia, posúe númerosos premios que dan conta do seu bo facer como xornalista e literato. Entre eles o "Galicia de xornalismo" 1989 ó mellor artigo do ano e galardóns literarios como o "Álvaro Cunqueiro" ou "Rafael Dieste" (Galicia Hoxe, 27-10-09).
Xosé Lois Rúa Núñez fala do seu último libro con V. Oliveira:Rúa Núñez define Memoria dos ríos perdidos como "o libro das homenaxes a amigos, á poesía galega, aos mártires de Palestina, á "nación oblicua", Galicia".
Rosa Aneiros presenta Sol de inverno:Aínda que Sol de Inverno poida incluírse no xénero da novela histórica -reconstrúe a peripecia dunha familia republicana que debe exiliarse para fuxir do fascismo-, Rosa Aneiros rexeita falar dese tipo de etiquetas: "Toda novela está ancorada nun espazo ou nun tempo que ás veces é a actualidade e outras varios séculos atrás". Por riba de todo, o seu obxectivo era "defender a historia de Inverno" até o punto de que este personaxe -central na trama- "ten voz propia e traballei nel para que o lector percibise non tanto a miña voz como narradora senón a da protagonista da novela" (Galicia Hoxe, 28-10-09).
Imaxes: Galicia Hoxe (Anisia Miranda); Miguel Villar, La Voz de Galicia (María Canosa).
Ningún comentario:
Publicar un comentario