11.12.09

Yashmina Shawki. Contos ao carón da lareira

Publica Yashmina Shawki neste volume dous contos precedidos dunha brevísima introdución que lles serve de marco. Estamos nas vésperas de Nadal. O avó alecciona e consola o neto frustrado por non gañar un premio. O vello, á calor da lareira e co recendo do caldo que prepara a avoa no ambiente, tenta aclararlle ó neto que hai cousas máis importantes na vida.
O escenario é vello, e hoxe case que se pode dar por desaparecido. Así e todo, a mensaxe do avó é intemporal: "Hai que ter soños e loitar para que se fagan realidade". Como exemplificación bota man de dous contos:
1. "O xílgaro" dá voz ó trasno dos desexos ocultos de Mercedes, unha sacrificada muller de aldea sempre pendente de todo e de todos menos de si mesma.
Mercedes coida do marido, un bo home algo tosco que non pode vivir sen ela. Mercedes coida a casa e a horta. Mercedes é diabética, e ultimamente non se atopa moi ben. Os médicos non saben como darlle a noticia: está preñada e na súa situación...
Mercedes decide seguir adiante co embarazo e o marido acompáñaa na súa decisión; saben que lle están a dicir adeus á tranquilidade. Así e todo, rechouchía "un xílgaro na póla do carballo que daba á ventá do cuarto. Había anos que ningún paxaro se achegara polo hospital".
2. "O berce" conta a ilusión do vello Antonio. Xubilado había ben anos, con netos casados e un bisneto en camiño, o vello xa non lle facía falla a ninguén. O anuncio do bisneto créalle unha nova ilusión. O vello comeza a facer un berce para o meniño coas súas propias mans. Quere desmostrarlles ós seus que, aínda que non dependan del, significan todo na súa vida. Quería que o agasallo fose unha sorpresa e, para manter o traballo en segredo, comportábase dunha forma estraña que os máis achegados interpretaban como mostras de senilidade. Mais "o berce dixera o milagre. O osco, teimudo e mal encarado vello, incapaz de amosar a súa tenrura fixera o que nunca puido facer antes, abrir o seu corazón".

Deixando á marxe a (in)corrección política da escena marco (a avoa cociña, o home vai recoller o neto á escola, un cálido ambiente familiar, a proximidade do Nadal...) queremos reparar nun par de aspectos educativos:
a) A competitividade e o éxito recoñecido non deben ser as guías do noso labor.
b) Somos un elo na cadea de xente que pasa polo mundo. O esforzo ten sentido cando se proxecta para deixarlles un mundo mellor ós que nos han suceder.
Velaí están, cremos, os temas fundamentais que Yashmina Shawki ganduxa en Contos ao carón da lareira.


Yashmina Shawki, Contos ao carón da lareira. Vigo, Nova Galicia Edicións, 2007.

Ningún comentario: