14.4.08

Non hai dúas sen tres. Novas lingüicidas

Para os estudantes de "lingua e socie".

A esixencia do Partido Popular para que non se obrigue ós opositores a desenvolver as probas en galego (cómpre evitar o odio xerado polas protestas; o amor polo idioma galego sempre se lle supón a quen non ten a máis mínima intención de usalo) aparece tamén hoxe na prensa. Non será a derradeira vez. Recoñezo que o PP ten razón: cómpre protexer os infelices que teñen dereito a escoller o idioma que lles pete sempre e cando sexa castelán (ou inglés): "A portavoz de Educación do PP, Manuela López Besteiro, que se entrevistou en Ourense cun grupo de opositores descontentos, asegurou que o obxectivo é que os afectados elixan "o idioma no que prefiren expresarse tras acreditar o seu coñecemento de galego". A noticia xerou saborosos comentarios.
Imaxinemos o panorama:
a) Ourense: terra onde o galego enraizou mal; neste territorio o idioma foi traído ó lombo dunha roda de afiar e imposto á forza de coitelo ben aguzado.
b) Opositores descontentos. Pois non sei... ¡Co subidón que che meten as oposicións...! ¿El haberá algo máis parecido ó gozo eterno cá ledicia que che meten no corpo as oposicións?
c) Elección de idioma "tras acreditar o seu coñecemento de galego". E logo, ¿que mellor acreditación que o uso do idioma como lingua de administración dun traballo? E se coñecen o idioma, ¿que problema poden ter en usalo?
Os políticos descontentos son inefables. Pero fan ben en esixir.
E xa de postos poderían esixir tamén:
a) Que a xustiza nos asista en galego. Tiempo ha que la Justicia nos escuece. Ata para casar en galego tes que pedilo de favor. ¿Será para evitar divorcios?
b) Que o cativo compromiso que as institucións e as empresas teñen para coa lingua se fixese realidade, aínda que non máis fose pola aplicación de que "menos dá unha pedra".
c) Que a lingua se sentise como un ben común. ¿Non se pode facer nada por promover este sentir?
En resumidas contas, ¿por que non deixan de falar DA lingua e comezan a falar NA lingua? Só por aquilo do cambio. Ademais de nada, ¿que teñen que perder? Proben, ho. Só quince días, e verán que a fibra lingüística activará de vez o tránsito glotofáxico. Sentiránse máis lixeiros e de mellor xorne. En serio.
Salut.
(Imaxe de http://picasaweb.google.com/csintelisano/NousEtLesCopains/photo#5112052449559500418.)

Ningún comentario: