Gústame como escribe Julio Camba, independentemente do prestixio que lle recoñezan como publicista. Ten saídas xeniais. E un gran sentido do humor. O que pasa é que algúns galegos sufrimos de desconfianza ontolóxica e temos tendencia a dubidar de todo canto se nos diga con seguridade absoluta, mesmo tratándose de cousas de comer.
Julio Camba naceu no país, disque. Con trece anos marchou de polisón para as Américas. As malas linguas din que se fixo anarquista na Arxentina para que o devolvesen a España sen ter que pagar a pasaxe.
Fose como for, se tes que marchar ás agachadas é posible que non lle teñas moito que agradecer ó país que te bota fóra. Mais se Julio Camba se fixese caso a si mesmo ("Para soñar es igual cualquier rincón de la tierra, y para mirar al porvenir nada mejor que deshacer el pasado".), podía dar atopado razóns para non ser tan desleigado coa terra na que o pariron.
Non se sabe que mal lle puido ter feito o idioma a Julio Camba, pero resulta evidente que lle tivo unha verdadeira tirria sarracena. Transcribo estes anaquiños dun seu artigo:
PARA HACER VERSOS, COMPRAR PESCADO Y HABLARLES A LAS GALLINAS, A LOS PÁJAROS Y A LOS ALDEANOSEl gallego, que es un idioma dulce, armonioso y abundante en vocales, no sirve para la vida ni para la literatura. En gallego se pueden hacer algunas poesías -Rosalía las ha hecho maravillosas-, comprar pescados y hablarles a las gallinas, a los pájaros y a las muchachas de aldea. Pero, ¿como va a tener nadie la pretensión, no ya de escribir una obra filosófica, sino de hacer en gallego un artículo político o una crónica periodística?
O artigo de Julio Camba segue aducindo razóns da nulidade do galego que resultarían unha ledicia para Galicia Bilingüe, por exemplo. Algunhas desas razóns atopámolas reforzadas pola autoridade publicística de Pío Moa: "los gallegos y los catalanes han preferido elaborar lo más y mejor de sus literaturas en el español común". "(...) toda la cultura de Galicia, desde muchísimos años a esta parte, se ha hecho en castellano", deixou escrito Julio Camba, quen segue describindo e comentando, con moito humor, as características del gallego.
O artigo que me trouxo á memoria a noticia do Faro atoparédelo en Playas, ciudades y montañas, entre as páxinas 50 e 51 da edición de Espasa-Calpe (colección Austral), ano 1947. A obra é do ano 1916.
Julio Camba foi un bo escritor, cun gran sentido do humor.
Non sei como foi o Camba anarquista, mais o Camba lingüista deixou testemuños dalgunha parvada cruel. Que Deus llo perdoe.
Por certo, o artigo anterior ó que aquí se cita remata deste xeito:
"Ya lo saben los currinches que quieran tener un éxito. Escriban en gallego".
(Imaxe de El poder de la palabra.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario