De especial interese para os bachareis.
As noticias ás que me refiro non sorprenderán a ninguén. Xa levamos uns aniños oíndo as advertencias das organizacións que falan con coñecemento de causa. Así que, cada nova que apareza sobre a cuestión do pasamento dunha lingua soa a "era visto" ou "ben se vía vir".
A primeira noticia atopámola en Vieiros: "Cada dúas semanas morre unha lingua". Organizacións como a National Geographic apunta unha data moi próxima para a morte da metade das linguas que andan polo mundo: 2010. Na noticia danse ligazóns de interese sobre o tema. Tamén se apuntan algúns dos remedios para esconxurar o perigo inminente de morte. Un deles baséase no principio activo da implicación dos estados. Tal implicación debería ter a consideración de medicamento xenérico, pero...
No pero entra a segunda noticia á que me refiro: "O PPdeG exixe que se anule a obriga do galego nas oposicións do profesorado". Vina en varios xornais. Supoño que esta esixencia é fundamental nun programa de bilingüismo cordial ou harmónico. Ademais, os servidores da patria fan ben en protexer o débil, inútil, deostado e semianalfabeto gremio dos profesores. É ben sabido: os que non servimos para nada metémonos a ensinantes. E por riba, boa soldada (iso cren os que non son do gremio) e mellores vacacións. Vamos, que nin o porquiño larés leva mellor vida.
Pero volvamos ó rego da lingua. A voceira do partido esixente, que foi a máxima autoridade do país en educación hai uns anos, vén a dicir que os docentes que mellor se expresen en galego poden non ter coñecementos abondos en física ou matemáticas. Non o dixo exactamente así, pero non se pode entender doutro xeito a esixencia do seu partido se non pensase xustamente isto. ¿De non ser así, que sentido ten a esixencia?
Por outro lado, un hipotético docente nado ó norte do Miño e ó oeste do "telón de grelos", licenciado pola universidade de Santiago ou Vigo ou da Coruña, ¿poderá ser considerado unha nulidade en galego? Daquela, ¿en que quedou o obxectivo -logrado- do bilingüismo harmónico? ¿Non estabamos xa camiño do trilingüismo?
En apoio da esixencia danse máis razóns de semellante teor. E todas son reflexo da seria implicación que as xentes de poder amosan para coa "lengua propia".
Que Deus nos atope sorrintes.
(Imaxe da páxina de Living Tongues Institute.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario