5. En “O carteiro de papá Noel”, Risco atende este frustrante traballo temporal. Faino debaténdose entre seguir as consignas comerciais do seu xefe (“Nada de confianzas. Chega co sorriso, ¿entendido?”) e os mandados do seu propio corazón que levaba mal o que sentía como unha estafa. Excepción feita dos nenos descarados e rabudos.
Mais tocoulle a vez de entregar a carta a aquela nena que lle pediu que a abrise alí mesmo. O escrito remataba cun “E ademais hai que devolver o que non é. Antes de que cante o galo” (p. 72).
A nai da rapaciña resultou ser “unha das pitas (...) do harén do Cempés”.
Risco aproveita o disfrace de papá Noel para dar un pau ó seu xefe. Foxe, mais non atopa un agocho onde quedar. O soño de futuro queda nun amargo espertar controlado polo seu xefe, tamén chamado Cempés.
6. “O partido de Reis” é a historia de Félix=Feliz, un rapaz grandote con síndrome de Down. Obtén un especial agasallo de Reis porque o deixan participar nun partido no que se xoga a honra da panda do barrio. O neno marca un milagroso gol que o converte nun ser especial ó que os seus compañeiros abrazan. Un gol marcado co seu balón de Reis.
7. “A barra de pan” é un relato precioso e tristísimo. O enterro da nai do Fontana ábrelle as portas á lembranza. Á cabeza vénlle especialmente o consolo que a nai lle dera despois de ter zampado polo camiño unha barra de pan que lle soubo a gloria, pero que era o único alimento logrado coa cartilla de racionamento nos anos da fame. Era o alimento esperado na casa: “Abrín a porta e unha ducia de ollos, naquel tobo afumado, mirou con brillo de ansia cara a min”. Mais a nai non lle bateu: “Levoume ao seu ventre e secoume a cara con aquel mandil que tiña, estampado en flores de macela”.
8. “A chegada de Ingrid” conta o regreso a casa do pai da nena –emigrante–, que lle trae de agasallo unha boneca que fala alemán. Sempre di: “Quérote, ¿quéresme?
Con este pretexto, o autor conta a vida de dous amigos que emigran e volven, non fracasados pero si comestos polo tempo. ¿Que se agocha na mirada ida do pai da rapaciña?
Os relatos amosan todos eles o peculiar lirismo narrativo de Rivas. Algúns dos seus personaxes resultan moi familiares: reparemos neses nenos espelidos ou nesoutro neno grandón máis necesitado de afecto ca de intelixencia.
O Nadal é nesta obra o marco no que se recollen todos estes relatos. Pero as historias que se nos contan van máis alá do Nadal e do espírito da celebración. Vidas enteiras de xentes e mesmo do país pasan diante dos ollos do lector, e o esperado ambiente de paz non agocha, nin pretende facelo, o sufrimento ou a miseria que veñen sendo como unha pandemia mala de arranxar.
(A imaxe de Miguelanxo Prado, ilustrador do libro do que falamos, atópase no blog Miedo a volar.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario