6.1.08

Manuel Rivas. Contos de Nadal (1)


MANUEL RIVAS, Contos de Nadal, Vigo, Xerais, 2003. Ilustracións de Miguelanxo Prado.
Ábrese este mollo de contos cunha cita do inquietante poema “Natal”, de Miguel Torga. O fío condutor dos relatos xa está explícito no título e mais na cita do coimbrán. Remata o volume cunha breve indicación biobliográfica do autor e do ilustrador.
Os relatos lévannos a épocas, ambientes, temas e situacións moi diferentes, pero teñen como pano de fondo esa época na que a vida debería transcorrer en paz.
1. En “O namorado de María” atopámonos coa representación dun belén vivente nas bravas terras de Xallas. A organizadora, unha antiga actriz de teatro ascendida a duquesa, gustaba de montaxes profesionais que desen autenticidade á representación. Nesta ocasión, os “actores” vanse ver involucrados nunha acción da guerrilla: o papel de María resultoulle adxudicado a unha moza que acababa de ter un fillo; o pai, de quen a moza non revelou a identidade, posiblemente fose un guerrilleiro, e aproveitou a ocasión para visitar os seus seres máis queridos. Foron descubertos e o conto remata coa fuga exitosa dos maquis e mais dos seus socios involuntarios.
A historia nárranola un dos protagonistas, en primeira persoa.
2. “Okay” é o monólogo dun tolo –ou iso parece– que presta declaración ante un interlocutor que non intervén no relato. Con este retrouso –¿Okay?-- pretende asegurar as súas afirmacións. Deféndese achacándolle o naufraxio de pesqueiro no que traballaba a un golpe de mar e non a un incendio provocado por el.
3. “Madonna” é o nome familiar dunha vaca rubia. Para a adolescente que nos conta a historia, o número de matrícula do gando non lle di nada. Pero un nome propio converte o animaliño nun membro da familia. O trato que se lles dá ós animais marca un estilo de vida, de ver a vida.
Madonna tivo un fillo polo Nadal, mais o xato naceulle cego…
4. “O amor das sombras” é unha historia de amor frustrado e imposible de recuperar: “Un milfollas de bacallau por todas as cartas sen resposta, Lorena. Non o crerás, pero o meu corazón aravesou mil veces o océano na túa procura. Cando iso ocorría, non tiña papel a man” (p. 57).
Os protagonistas fóronse facendo vellos, mais o amarguexo da felicidade malograda acentúase nas datas sinaladas do Nadal.

Ningún comentario: