O idioma galego estorba.
Dito así soa moi mal, pero non por iso deixa de ser verdade. Polo menos no tocante a aquela xente que sente conculcados os seus dereitos pola "obriga" de estudar o ou en galego. Sobre todo se lle afecta a los niños (de papá y mamá). Un non quere ser malpensado, pero case estou por afirmar que hai familias que toleran mellor unha blasfemia que unha frase no idioma do país: mellor bocapodre que ben educado pero en galego. Por Dios.
Levamos un tempiño en que non deixa de escoitarse queixas pola "imposición" del gallego. A min, pola contra, gustaríame que houbese unha boa manifa contra a obrigación de estudar. ¿A ver quen é o papaíto guapo que se nega a meter os seus retoños neses alxubes de Herodes que son os institutos? E unha vez metidos, ¿que é o que podemos escoller libremente? ¿Acaso non temos a obriga de escoller mesmo as optativas?
Honradamente, os que vivimos en sociedade, como xente "normal", ¿que aspectos das nosas vidas escapan á "imposición" das normas, das leis, do sentidiño, da necesidade...?
E tornando ó rego da lingua, ¿por que aceptamos sen rosmar a imposición de calquera lingua que non sexa o galego?
Diredes: porque estudiando el gallego nos esquecemos del castellano.
Bromas á parte, haivos xente que considera atinada semellante estupidez.
Os estudantes de bacharelato debiades botarlle unha ollada a este artigo. Cunha simple lectura decatarédesvos da perigosidade que entraña o noso idioma. Non pretendo que vos sirva para cambiar de actitude ante a lingua, pero si que esteades ben informados. Os datos son incontestables e poden servirvos mesmo para aprobar algún exame (pensade no 13 de xuño). Lembrade o refrán: sempre é preferible un inimigo intelixente a un amigo imbécil. Así que, a quen vos veña con loias, crédelle se vos peta pero non vos deixedes encher a cabeciña de carroucha.
E tocante ás linguas facede tamén o que vos pete. Se considerades que o descoñecemento é un timbre de gloria, que vos dean unha medalla.
(As imaxes son de http://www.fotosdehumor.com/.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario