No suplemento "Los domingos de La Voz" que deixo enriba enlazado, atoparedes unha reportaxe fotográfica sobre Cuba. A información que nela se dá, sen ter que ver directamente coa novela que estamos a ler, axuda a entender algunhas situacións que só se insinúan no relato, pero que non reciben maior desenvolvemento por razóns bastante obvias.
Cos datos que se facilitan na reportaxe pódense entender mellor algúns comportamentos dos personaxes da novela, e os seus devezos. Así e todo, considero que as preguntas 17 e 20 do cuestionario proposto veranse con mellor claridade despois de ler -e ollar- esta reportaxe.
Na edición en papel tamén aparecen as fotos de tres carteis: un, coa imaxe do Ché e a lenda "Tu ejemplo vive"; outro, a dúas cores, coa lenda "Nuestras armas: la moral, la razón y las ideas"; por último, o cartel que lembra a efeméride: "47º aniversario. Multiplicando acciones junto al partido, a Fidel y Raúl".
Se a información non resulta útil, polo menos espero que aumente os coñecementos.
Para calquera dúbida, consultade co profe. Tamén vos lembro que dispodes dun estupendo caderno dixital, que tedes algo esfameado.
Abur.
(A foto é de Xosé Castro e está publicada na reportaxe enriba citamos.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario