17.3.08

Fobias, de José Luis Prieto

Fobias, de José Luís Prieto, Edicións Embora, Ferrol, 2005. Premio Max de teatro dese ano.

Na páxina da Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos aparece así de resumido o argumento desta peza:

“Cuatro pacientes son invitadas a una íntima, divertida y especial velada de despedida para poder llevar a cabo una exclusiva y revolucionaria terapia de grupo con el Dr. Luis Mendía”.

A sinopse da páxina de Biblos Clube di: “Conta unha estrafalaria sesión de terapia de grupo na que cada personaxe ten unha fobia distinta. A peza desenvólvese no salón comedor da casa de Luis Mendía”.

Non haberá outro escenario. Non veremos o doutor. Só saberemos del a través do diálogo das mulleres que, por fuxiren das súas fobias, acabaron convertidas en amantes traizoadas.

Estraña ó lector do texto a familiaridade coa que se moven pola casa as convidadas a súa derradeira cea, porque o lector ten claro dende o principio que as mulleres que van entrando na casa son convidadas, non se coñecen entre si pero móvense con familiaridade polo domicilio do doutor.

A través do seu diálogo coloquial, retranqueiro e rápido, imos coñecendo a realidade. Todas elas tiñan unha fobia da que se querían ver libres; todas acabaron sendo enganadas polo psiquiatra; todas deciden librarse del matándoo; e todas o matan, mesmo sen saber que xa era cadáver.

Así e todo, o convite preparado polo doutor acaba con éxito: logra ser a derradeira cea das catro mulleres. A cea era unha trapela pensada para desfacerse delas. Cando se consideran libres e donas das súas vidas, saben que o viño que beberan estaba envelenado.

O lector sospeita algo disto case que no remate da peza, mais non chega á certeza ata que se vai indo a luz do escenario.


(Imaxes da páxina de Edicións Embora.)

15.3.08

Álvarez Blázquez. Novidades editoriais

Para o club de lectores d' A pega rabilonga.
No Galicia Hoxe aparece a nova que deixo aquí ligada.
Os membros deste club de lectura reparade no comentario que pecha o artigo.
Sobre a obra citada tedes nesta páxina unhas breves notas.


(Imaxe de A Caza en Galicia.)

10.3.08

Mª do Carme Kruckenberg. As complexas mareas da noite.

María do Carme Kruckenberg, As complexas mareas da noite, A Coruña, Espiral Maior, 2006.
No limiar de Marita Vázquez de la Cruz atopamos descrita a cerna poética de de Mª do Carme Kruckenberg:
"(...) hai intimidade e fondura nos seus versos, e deles mesmos emana a comunicación do seu propio sentimento do que está a acontecer no mundo. Hai canles soterrados que veñen directamente do espírito da poeta que sente o que pasa e o conta dende o seu sentir, xa incidido pola externalidade do gran drama da vida, do gran drama do mundo. E todo dito e feito coa precisión cuase matemática do canon estético que emana de la mesma, como pode apreciarse dunha soa ollada, o seu físico, sempre cumprindo coa normativa Kruckenberg: sen disonancias, elegancia austera, harmónica, cunha sabedoría que lle vén de lonxe".
En "Poesía para ler en primavera" (A Nosa Terra) lemos: "Mª do Carme Kruckenberg danos As complexas mareas da noite, un dos libros máis existenciais dentro desta vea que sempre caracterizou a autora".
En Pajaro perdido temos unha ampla visión deste poemario. Na presentación, Victoria Iglesias López describe o libro como un cadro do que a primeira pincelada é "a intrincada metáfora do título" e a última, "a apoteose final da beleza", o derradeiro poema:
Todo o que me doe
está ao pé da escaleira.
Ninguén quere subila.
Tampouco ninguén quere baixala.
E alí queda inservíbel
como adorno da paisaxe.
A verdade da mazá morre na herba.
Comenta tamén Victoria Iglesias outras liñas do pemario: o diálogo coa Natureza, os temas da vida, do amor e da morte; a guerra e o sufrimento; o totalitarismo e a fame... E remata animándonos a que nos atrevamos a ler a obra e a gozar "coa fascinación desta escaleira".
Mais esta non é a escaleira tópica onde colocan os galegos que non saben se soben ou baixan. Aquí non hai máis dúbidas cás existenciais. Os corenta chanzos deste poemario soben ou baixan como a vida mesma, mais todos eles presentan a seguranza do sentir da poeta, que serve de pé dereito a cada un dos seus poemas. Por iso rezuman autenticidade, outras das características da poesía de María do Carme Kurckenberg.


(Imaxe Proxecto Meiga.)

7.3.08

Curros Enríquez. Centenario

Tal día coma hoxe hai cen anos morría na Habana Manuel Curros Enríquez. A prensa do país publica crónicas e reportaxes sobre a efeméride. A súa figura é unha pinga no mar dos programas de literatura e os temibles exames de selectividade tampouco se ocuparán del. Se cadra, mellor que así sexa. Se houbo xente que se alegrou da súa morte física, tamén a haberá que se contente coa súa conversión en mito morto. Mentres tanto, os que teñamos curiosidade por este vulto da nosa cultura podemos botarlle unha ollada ós xornais.
La Voz de Galicia dedica unha páxina moi ilustrada e salienta a vixencia da obra currosiana recollendo a opinión de Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez. Como exemplos: os mozos e o progreso son temas recorrentes na poesía do celanovés. "¿Que se está viva a mensaxe de Curros Enríquez? -pregúntase Antonio Piñeiro-. Máis viva e vixente ca nunca. Só hai que ter interese por lela".
Galicia Hoxe incide na faceta periodística do Curros, salientando o feito de ser o primeiro correspondente de guerra galego así como o traballo realizado tanto na prensa española coma na da emigración.
El País debe ser o xornal que hoxe dedica máis artigos á figura do noso poeta, con traballos de Daniel Salgado ("O Estado contra Curros") sobre o xuízo ó que o someteron por blasfemo, de Dolores Vilavedra ("Un inconformista rabudo") que analiza a súa figura pública, e de Manuel Rivas ("Curros, Rouco e a nova Inquisición") que dá un repaso á actitude da Igrexa no onte e no hoxe de Manuel Curros. Neste mesmo periódico, D.S. advirte de "A escasa visibilidade dunha efeméride" e fai fincapé na magnitude do poeta civil.
Son todos eles traballos de circunstancias, pero conteñen máis información ca que podemos atopar nos manuais de texto.
Que Curros nos sirva de proveito.
(Imaxe de http://xosel2.googlepages.com/curros).

6.3.08

Galego piomoído

Atopei hai un tempo un artigo na bitácora que Pío Moa ten no prestixioso diario Libertad Digital. Vai camiño do ano tal escrito, pero non pasou de moda. Máis aínda, no curso que estamos e achegándose a campaña electoral a fe nas teses de Pío Moa arrastrou montes e moreas de xente ben pensada na procesión das liberdades lingüísticas. Nesta materia somos un país de fe (de carboeiro): non só cremos o que non vemos, senón que acreditamos e sostemos o contrario do que percibimos polos propios ollos. Esta fe ten dous mandamentos básicos: 1. O galego é un perigo para o (mal llamado) castelán. 2. O galego non se pode impor (a la fuerza). Estes dous mandamentos están, ademais, sostidos por sisudos estudos históricos incuestionables que todo o mundo coñece e sería insultante citar. Por outro lado, darlle a volta á tortilla dos dous mandamentos básicos só se lle podería ocorrer a cerebros podres. E se non estades convencidos, lede en alto estes dous axiomas: 1. O castelán é un perigo para o galego. 2. O castelán nunca se impuxo pola forza. ¿Vedes como soa a mentira cochina? Se alguén o dubida é que está tolo de vez.
Sigamos, pois. Segundo Pío Moa (¿español "Muela"?), o galego ten dous problemas:
a) "En primer lugar, el ámbito exclusivamente regional de esos idiomas, unido a su falta de valor utilitario, por cuanto cualquier persona puede desenvolverse allí en la lengua general de España".
b) En segundo lugar: buscádeo vós, porque eu non o dei atopado no artigo. Si atopei afirmacións que me soan a non sei que de tempos idos:
1. Que o galego é cousa de separatistas tercos, antidemocráticos e antihistóricos, ademais de ladróns que queren impoñer su lengua regional co diñeiro de todos os españois.
2. Que o galego non ten valor utilitario.
3. Que culturalmente ten un interese pouco acentuado (para el forastero).
4. Que os galegos "han preferido elaborar lo más y mejor de sus literaturas en el español común".
5. Que "las literaturas regionales" veñen deteriorándose polo influxo do nacionalismo.
6. Que ninguén "en su sano juicio aprendería los idiomas regionales para tragarse esa verborrea menos que mediocre".
Eu acredito en todo isto porque son home de fe. No que portén ás razóns históricas nas que se sustentan tales incuestionables principios, deixémosllas a Pío Moa para que as busque cun farol. Estade seguros que dará con elas. Se cadra empeza por Afonso X o Sabio, aquel castrón separatista do século XIII...
Quero, de paso, entoar o mea culpa e confesar que este artigo me abriu os ollos sobre a cuestión lingüicida, porque ata que non o lin pensaba que o galego só tiña un problema: os indíxenas do país.
Así e todo, non quero rematar sen recoller estoutro artigo de Jaume Pros: "Pío Moa asimila el gallego, el catalán y el euskera a la Alemania nazi". Lédeo con coidado, non vai ser un "separatista terco, antidemocrático y antihistórico".

Celui qui a été privé de nourriture se nourrit de paroles. Bavardage à n´en plus finir (Nacer KHELOUZ).

Abur.

(Imaxe de France Culture, "La glotophagie coloniale".)

5.3.08

Lingua esgallada (38)

LINGUA ESGALLADA-38

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e indica a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

380 Había tenido un accidente coa moto
381 El foi quen ensinoullo ó seu neto onde esconderse
382 Un lugar seguro onde había estado el
383 Co embarrancamento do barco, a xente se queda sin traballo
384 Xóvenes ingleses hospitalizados
385 Non se encontra ben ela misma
386 Pastillas que quítanche o apetito
387 Non lle parece suficente
388 Escoitaba ós enfermeros falar
389 Tiña que estar 6 meses co suero



CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog.
(Imaxe de langue chargée.)

3.3.08

Manuel Darriba. Vostede non sabe con quen está a falar.

Manuel Darriba, Vostede non sabe con quen está a falar, A Coruña, Espiral Maior, 2006. XIII premio de poesía Espiral Maior.
Ninguén diría que detrás deste título se agocha un poemario, pero é así. Atrae a curiosidade e, asemade, resulta un punto ameazador. Hai unha trintena de anos, esta expresión era o preludio de ameazas maiores: olliño con saíres do rego, porque empezas a subverter a orde e, como sigas por ese camiño, vaiche caer o pelo. Tamén podía ser un farol, pero cando o medo voa sobre os cidadáns de a pé, mellor será pórse a cuberto.
Así e todo, aínda que a primeira ollada ó título nos traia á memoria épocas pasadas, o libro de Manuel Darriba non vai por esa derrota. Na presentación que se nos fai en Biblos, clube de lectores vemos que "nesta entrega lírica do autor brillan as luces do cotián, o pulso do diario e o sabor da experiencia do inmediato". Tal afirmación parece confirmada nada máis abrir o poemario, que comeza polo "Final":
A luz é máis espida
detrás daquel saínte
(...)
Abrolla a cara sur
e un sol moi branco segue
estacionado na pedra.
O levantador de minas matiza máis esa descrición xeral: "presenta descricións sinxelas de visións fugaces, materializadas en simples concatenacións de imaxes, seccionadas en versos curtos. Pinceladas leves sobre a vida cotidiana, bocetos poéticos sobre o lenzo do real".
Non se podería describir mellor en menos palabras. Poemas como "Espertar", "Feliz", "Mencer", "Erótica", "Crónica"... non apuntan a ningún mundo transcendente, senón á visión sinxelamente poética dun mundo e dun momento presentes. Así de "Natural":
O reflexo da lúa ignora
se o cristal está poeirento.
Non deixa de producirse.
E o peso, tan estraño
dunha meixela; a luz dos ollos.
Outro mencer esperando
a fráxil ración de día.
Salpresando a alegría de vivir, presente en moitos poemas, aparécenos a sombra do sufrimento, nomeadamente neste "Cotián" que pecha o poemario:
Vermes reptando; pólipos
camiño da gorxa; ás veces dentro.

Este ton pesimista é, cremos, predominante nun poemario que vén sendo unha "visión irónica da realidade", como podemos ler nas páxinas d'A Nosa Terra.

2.3.08

Jordi Sierra i Fabra entrevistado

Para os clubs de lectores de Jordi Sierra i Fabra.

Na revista XLSemanal publican hoxe unha entrevista de David Benedicte con Sierra i Fabra. Trátase dun faladoiro cheo de frescura, mais non por iso deixa o autor de tocar temas que lle afectan á mocidade e que aínda son tabú para moita xente madura. Os que estades a ler Durmido sobre os espellos ou Soidades de Ana poderedes velos reflectidos dende outro ángulo.
Déixovos a ligazón da entrevista por se queredes botarlle unha ollada.
Algunhas das cousas que di deberían considerarse seriamente, como a "refundación da escola", por exemplo.
Abur.
(A foto de Lucía Antebi está na revista XLSemanal)

25.2.08

Lingua esgallada (37)

LINGUA ESGALLADA-37

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e suxire a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

370 Non se rendiu

371 Despois de casarse, el suicidárase

372 Pensaba que si xuntábase e casábase, ela iba morrer

373 Os persoaxes son...

374 A novela transcurre...

375 Tamén ocurre en América

376 Xente da zoa

377 Relación amorosa entre dous xóvenes

378 Zonas alexadas do perigo

379 Eva e Rafa se escaparon e se meteron nunha cova


CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación. Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación. Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos nin sábado inglés.

(A foto titúlase Langue percée.)

24.2.08

Harmonía bilingüe

Miremos cara ó futuro ou cara ó ceo, porque se miramos para os lados ou para atrás na procura da liberdade no uso da lingua... igual nos esmorramos.
Arrastro para aquí este testemuño. Pero na páxina da que o c0llo (Archivo de la experiencia), desgraciadamente, hai máis. E non son nada comparado co que podemos atopar a pouco que escaravellemos.

22.2.08

As mans do medo. Cuestionario (2)

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Como vos comentaba esta mañá na aula, déixovos unhas poucas preguntas máis sobre esta lectura. Velaí van:

7. Baseándote na obra e noutras que coñezas (mesmo no cine), comenta esta curiosidade: cando se constrúe un ser monstruoso con pedazos “prestados”, ¿de que partes do corpo estamos a falar? ¿E de que partes non se adoita falar, porque se supoñen?

8. Repara no relato titulado “As mans do medo”, compara os dous primeiros parágrafos (páxina 9): “Ímolo contar...” / “Hai tres anos que comprei...” ¿Podes explicar ese cambio de narrador?

9. ¿A que criatura, universalmente coñecida, feita de anacos de carne morta, se refire no relato “As mans do medo”? [pp. 17, 24]

10. ¿Como cres que se puido cerrar ese final aberto co que remata “As mans do medo”?

11. “Un conto de Reis”, ¿pode ser considerado un conto de medo? Compárao con outros relatos e xustifica a resposta.

12. Os personaxes principais dos relatos, ¿son infelices? Xustifica a resposta.

13. ¿Atopas nalgún relato personaxes que actúan movidos polo odio á humanidade?

14. ¿Que relato trata o tema da rexeneración física? ¿Vivir eternamente pode ser un castigo? Á luz do conto en cuestión, comenta este aspecto.

15. ¿Que relato se basea no mundo de ultratumba? Nese relato, ¿cal é o motivo polo que o defunto anda á procura dos vivos para levalos consigo?

16. Baseándote no relato titulado “Mondoñedo”, describe as premonicións de morte.

17. Hai un relato baseado na técnica da carta persoal. Sinala cal é e valora a capacidade deste recurso para crear tensión.

(Imaxe en Covarrubias)

20.2.08

O Bóveda de Xosé María Álvarez Blázquez (2)

Alexandro Bóveda, de Xosé María Álvarez Blázquez, Vigo, Ir Indo, 1992.
Tocante ó carácter político, o Bóveda de Álvarez Blázquez é un home tecnicamente moi preparado, hábil para unificar criterios e vontades, temperado, que prefire o convencemento á imposición, que trata de coñecer as opinións dos demais, que procura o seu entendemento e busca a mediación cando se producen conflitos (cfr. pp. 81-82).
O idealismo de Alexandro Bóveda tamén resulta incontestable. Nin o pelotón de fusilamento deu acabado con el. Lembremos que rexeitou fuxir, aínda que puido facelo. Mais non era o seu un idealismo de iluminado. Coñecía as súas forzas, medios e capacidades; e no terreo da política amosou un evidente sentido do pragmatismo: velaí están as tarefas de organización do Partido Galeguista e o labor inxente que supuxo a redacción, difusión e plebiscito do Estatuto do 36.
A lectura de Alexandro Bóveda amósanos unha vida curta pero fulgurante, chea de esforzo e sacrificios pero exitosa, brillante, pero cun final inxusto e cruel. Bóveda foi pasado polas armas, pero el só usou e recomendou estoutras armas: vontade, optimismo e fe.
Vontade para o traballo duro e o combate nobre de quen se sabe vítima, mais rexeita ser algún día vitimario. Optimismo para soñar un mañá de esperanza. E fe para superar os íntimos desgarros (cfr. p. 103).
Non é un mal programa para a educación cívica ou para educación en valores. O descoñecemento da súa figura histórica non debería ser a coroa exitosa dos que o asasinaron para enterrar canda o seu corpo os seus ideais. Debiamos aprender algo da historia. Polo menos o seu biógrafo así o fixo. Se estudamos a traxectoria vital de Xosé María Álvarez Blázquez recoñeceremos en moitos dos seus proxectos os gromos novos dun vello idealismo fondamente enraizado na Terra.
(Imaxe: Caricatura de Alexandro Bóveda, publicada no libro do que falamos.)

19.2.08

O Bóveda de Xosé María Álvarez Blázquez (1)

Alexandro Bóveda, de Xosé María Álvarez Blázquez, Vigo, Ir Indo, 1992.
A publicación de Ir Indo trátase en realidade dunha segunda edición dez anos posterior á primeira, secuestrada polo editor que a encargou: o Banco del Noroeste. Dez anos máis de hipoteca da memoria histórica do galeguista e outro trago amargo máis para o biógrafo.
Encabeza Álvarez Blázquez o seu traballo con tres citas que poderían considerarse como os tres pés nos que alicerzar a figura de Bóveda: o espertar da conciencia, a vida vivida segundo esa conciencia e o significado histórico do personaxe. Destacamos a primeira das citas, referida por Xosé Sesto López:
Eu estaba sentado á beira do meu pai, sentados os dous na soleira dunhas obras. Meu pai lía un xornal. Alguén pasou e rosmou: “Que tempos: agora hastra os obreiros len o periódico”. Si, alí comezou a miña vida política.
Eran aínda tempos en que, segundo algún político, “no necesitamos gente que lea, sino bueyes que aren”. Bóveda tiña intelixencia e posibilidades para facerse político desta caste. Mais a conciencia levouno polo camiño do compromiso co país e a súa xente: “Galicia, o home galego, estaban inxustamente arrumbados nas cunetas do progreso, aferrollados, aldraxados, esquecidos. Ou, o que aída era máis triste, lembrados soamente á hora da explotación e do sacrificio” (p. 36). Pagouno coa vida.
Álvarez Blázquez amósanos o Bóveda que el coñeceu persoalmente. Por iso avisa, con lealdade, ó lector:
Fun amigo de Bóveda, máis que curmán, porque unha mutua corrente de simpatía nos ligou. Sabía eu da súa dimensión política, pero moito máis souben da súa humanidade. Ao longo destas liñas, que escribín con devoción e mágoa, cecais non me fose posíbel en moitos casos acadar a ríspeta obxectividade do historiador imparcial. confésoo e sinto orgullo de dicilo: son parcial de Bóveda, é dicir, comparto o seu pensamento e a súa conduta. Foi baixo desta óptica que aceptei o encargo de escribir a súa biografía. Pero esta parcialidade non impide que nas informacións e xuízos que aquí se verquen siga eu honestamente o recto camiño da verdade. Non facelo así sería tanto como traizoar a aquela vida exemplar e traizoarme a min mesmo (p. 15).
O percorrido biográfico que se nos ofrece incide nestes trazos da personalidade do persoeiro que se manteñen constantes ó longo da súa curta vida: conciencia, compromiso, preparación intelectual e vontade de servizo a Galicia: “O futuro dista é o único que interesa” (do diario político, p. 76). A par do compromiso social, cómpre salientar a súa valoración do civismo, como deixou patente no comportamento observado nos primeiros días do alzamento (cfr. p. 159).
(Imaxes: capas da edición que se cita e mais da secuestrada.)

18.2.08

Burra, no hables lenguas menores

Sen comentarios.
A este paso, volverán tempos idos nos que non convivían cidadáns que se respectaban, senón vencedores que lle perdoaban a vida ós vencidos. Iso cun pouco de sorte.
Agora que imos sendo todos mileuristas ou xubilados con mísera pensión, haberá que ter coidadiño coa lingua. Os empregados non os consideran, porque teñen mil para o mesmo posto. Detrás irá a clientela.
(Imaxe de Xaquín Marín en Vieiros.)

17.2.08

As mans do medo. Opinións e crítica

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Xa vos deixei nunha anotación anterior desta mesma sección o cuestionario-guía e mais un par de enlaces de interese: ficha do autor e mais o seu blog, no que recolle unhas interesantes notas da presentación da obra.
N' As uvas na solaina podedes atopar máis anotacións críticas. Copio aquí o treito que máis nos interesa como axuda para interpretar a nosa lectura:
Falo de As mans do medo (Xerais). Ten catro relatos redondos: As mans do medo, Lambirón, Mondoñedo e Seis dedos. O último dos citados xa figuraba na Antoloxía do conto galego de medo (1995) de Silvia Gaspar. O vizoso mundo fantástico do lugués ofrécenos agora corpos mutilados e suxeitos a rexeneración dexenerativa, partes do corpo que cobran vida propia, homes peixe, os aparecidos da nosa tradición popular, etc. O medo, consubstancial á especie humana, impreso nos xenes dende o tempo das cavernas: ben o sabían Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft, os mestres do xénero.
Sobre a mesma obra e o ambiente da súa presentación escribe este post o mesmo Marcos Valcárcel, no blog citado. A maior abondmento, botádelle tamén unha ollada a Brétemas e seguide os seus enlaces.
Por mor da presentación da obra publica Vieiros unha pequena biobibliografía do autor.
Os que lle teñades medo á lectura podedes pulsar a autorizada opinión de rapaces novos que xa lle meteron o dente e non saíron fanados: en Pinga lector inclínanse por un relato concreto;
vós podedes ter outras preferencias: non é ilegal. En Paidovento non se estenden en comentarios, pero demostran seren uns verdadeiros leóns. Imitádeos.