17.2.08

As mans do medo. Opinións e crítica

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Xa vos deixei nunha anotación anterior desta mesma sección o cuestionario-guía e mais un par de enlaces de interese: ficha do autor e mais o seu blog, no que recolle unhas interesantes notas da presentación da obra.
N' As uvas na solaina podedes atopar máis anotacións críticas. Copio aquí o treito que máis nos interesa como axuda para interpretar a nosa lectura:
Falo de As mans do medo (Xerais). Ten catro relatos redondos: As mans do medo, Lambirón, Mondoñedo e Seis dedos. O último dos citados xa figuraba na Antoloxía do conto galego de medo (1995) de Silvia Gaspar. O vizoso mundo fantástico do lugués ofrécenos agora corpos mutilados e suxeitos a rexeneración dexenerativa, partes do corpo que cobran vida propia, homes peixe, os aparecidos da nosa tradición popular, etc. O medo, consubstancial á especie humana, impreso nos xenes dende o tempo das cavernas: ben o sabían Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft, os mestres do xénero.
Sobre a mesma obra e o ambiente da súa presentación escribe este post o mesmo Marcos Valcárcel, no blog citado. A maior abondmento, botádelle tamén unha ollada a Brétemas e seguide os seus enlaces.
Por mor da presentación da obra publica Vieiros unha pequena biobibliografía do autor.
Os que lle teñades medo á lectura podedes pulsar a autorizada opinión de rapaces novos que xa lle meteron o dente e non saíron fanados: en Pinga lector inclínanse por un relato concreto;
vós podedes ter outras preferencias: non é ilegal. En Paidovento non se estenden en comentarios, pero demostran seren uns verdadeiros leóns. Imitádeos.

1 comentario:

Anónimo dixo...

En liñas xerais, "As mans do medo" lese ben, aínda que o interese dos relatos resulta desigual. De calquera xeito, Miranda segue a manter o tipo como narrador de misterio.