20.2.08

O Bóveda de Xosé María Álvarez Blázquez (2)

Alexandro Bóveda, de Xosé María Álvarez Blázquez, Vigo, Ir Indo, 1992.
Tocante ó carácter político, o Bóveda de Álvarez Blázquez é un home tecnicamente moi preparado, hábil para unificar criterios e vontades, temperado, que prefire o convencemento á imposición, que trata de coñecer as opinións dos demais, que procura o seu entendemento e busca a mediación cando se producen conflitos (cfr. pp. 81-82).
O idealismo de Alexandro Bóveda tamén resulta incontestable. Nin o pelotón de fusilamento deu acabado con el. Lembremos que rexeitou fuxir, aínda que puido facelo. Mais non era o seu un idealismo de iluminado. Coñecía as súas forzas, medios e capacidades; e no terreo da política amosou un evidente sentido do pragmatismo: velaí están as tarefas de organización do Partido Galeguista e o labor inxente que supuxo a redacción, difusión e plebiscito do Estatuto do 36.
A lectura de Alexandro Bóveda amósanos unha vida curta pero fulgurante, chea de esforzo e sacrificios pero exitosa, brillante, pero cun final inxusto e cruel. Bóveda foi pasado polas armas, pero el só usou e recomendou estoutras armas: vontade, optimismo e fe.
Vontade para o traballo duro e o combate nobre de quen se sabe vítima, mais rexeita ser algún día vitimario. Optimismo para soñar un mañá de esperanza. E fe para superar os íntimos desgarros (cfr. p. 103).
Non é un mal programa para a educación cívica ou para educación en valores. O descoñecemento da súa figura histórica non debería ser a coroa exitosa dos que o asasinaron para enterrar canda o seu corpo os seus ideais. Debiamos aprender algo da historia. Polo menos o seu biógrafo así o fixo. Se estudamos a traxectoria vital de Xosé María Álvarez Blázquez recoñeceremos en moitos dos seus proxectos os gromos novos dun vello idealismo fondamente enraizado na Terra.
(Imaxe: Caricatura de Alexandro Bóveda, publicada no libro do que falamos.)

Ningún comentario: