Como vos comentaba esta mañá na aula, déixovos unhas poucas preguntas máis sobre esta lectura. Velaí van:
7. Baseándote na obra e noutras que coñezas (mesmo no cine), comenta esta curiosidade: cando se constrúe un ser monstruoso con pedazos “prestados”, ¿de que partes do corpo estamos a falar? ¿E de que partes non se adoita falar, porque se supoñen?
8. Repara no relato titulado “As mans do medo”, compara os dous primeiros parágrafos (páxina 9): “Ímolo contar...” / “Hai tres anos que comprei...” ¿Podes explicar ese cambio de narrador?
9. ¿A que criatura, universalmente coñecida, feita de anacos de carne morta, se refire no relato “As mans do medo”? [pp. 17, 24]
10. ¿Como cres que se puido cerrar ese final aberto co que remata “As mans do medo”?
11. “Un conto de Reis”, ¿pode ser considerado un conto de medo? Compárao con outros relatos e xustifica a resposta.
12. Os personaxes principais dos relatos, ¿son infelices? Xustifica a resposta.
13. ¿Atopas nalgún relato personaxes que actúan movidos polo odio á humanidade?
14. ¿Que relato trata o tema da rexeneración física? ¿Vivir eternamente pode ser un castigo? Á luz do conto en cuestión, comenta este aspecto.
15. ¿Que relato se basea no mundo de ultratumba? Nese relato, ¿cal é o motivo polo que o defunto anda á procura dos vivos para levalos consigo?
16. Baseándote no relato titulado “Mondoñedo”, describe as premonicións de morte.
17. Hai un relato baseado na técnica da carta persoal. Sinala cal é e valora a capacidade deste recurso para crear tensión.
(Imaxe en Covarrubias)
Ningún comentario:
Publicar un comentario