20.2.11

Noticias de literatura-96

Mariano Casas presenta A historia xamais contada:
"Será unha boa ocasión tamén para que os escépticos vexades como se pode ler un cómic nun ipad, porque irei facervos unha demostración para que vexades que é un soporte interesante, e no dos meus cómics, que lle senta como un guante ao tipo de cousas que fago,... aínda que eu sempre, (creo) serei máis de papel", di o autor no seu blog (Galicia Hoxe, 11-2-2011).
Yashmina Shawki fala en La Voz de Galicia (12-2-2011) sobre Fundación Libélula:
Unha novela curta que aborda a cooperación entre mulleres, persoas que non terían porque atoparse senón fose por unha avogada. María Xosé Muradás despois de gañar moitos cartos sen demasiados escrúpulos decide que ten que devolver algo a sociedade a través daquelas persoas que teñen máis dificultades. Máis que unha novela de personaxes e profundización nos carácteres, a min interesábame as coincidencias e o destino que fai que as veces as persoas se atopen unhas as outras.
Álvarez Cáccamo presenta Cántico dos topónimos esdrúxulos:
xoga coa musicalidade dos topónimos, combinándoos de diferentes maneiras. Subliña o efecto con cores, coa forma dos poemas caligráficos... E, aínda que non concibiu o libro pensando niso, defende os topónimos na súa forma orixinaria, real, primixenia, contra os ataques dos que queren traducilos (Galicia Hoxe, 16-2-2011).
Xavier Castro gaña o Premio Nacional de Gastronomía Álavaro Cunqueiro con A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia:
Existe, segundo este traballo, un substrato común entre a cociña popular e a distinguida: o emprego dos recursos do país, a impronta da mentalidade relixiosa católica, o emprego duns mesmos instrumentos culinarios (lareiras e cociñas de ferro) e a adhesión a unhas premisas gastronómicas semellantes. Tamén coinciden en e as verduras, o rexeitamento da mestura do doce co salgado, os tabús, a adhesión ós viños da terra, etc. Certamente, o contraste é maior se comparamos os xantares dos ricos cos dos labregos de bon pasar, xa que a maioría dos labradores tiña que se abster, de xeito case indefectible, das mellores carnes en fresco, dos peixes e mariscos caros, etc. A culinaria fidalga e burguesa empregaba ademais xéneros de importación e aplicabar receitas foráneas que os paisanos descoñecían. Quizais a maior diferencia resida no recurso preferente a cocción por parte dos sectores populares, por resultar máis barata e non requirir tanta atención (Xornal de Galicia, 16-2-2011).
Urco e Sacaúntos, novos proxectos:
O Corvo de Edgar Allan Poe, A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos de Washington Irving, O retrato de Dorian Gray de Oscar Wilde, Solomon Kane de Robert E. Howard, Conan: A filla do xigante de xeo de Robert E. Howard ou A praga escarlata de Jack London son algúns dos títulos que, traducidos á nosa lingua, forman parte do catálogo de Urco, a única editora galega especializada en ciencia-ficción, literatura gótica e fantástica (Galicia Hoxe, 17-2-2011).
Pinto e Chinto van coa segunda edición dos Contos para nenos que dormen deseguida:
O primeiro neno que tes é o neno que ti mesmo fuches e pídeslle que che bote unha man. O neno ten unha lóxica diferente á nosa. O seu mundo está moi pegado á imaxinación e vive moito "na súa mente". Trátase de entrar nesa mente e xogar con ela. A literatura é a busca de beleza e pretende reafirmarnos no que somos. A literatura para nenos é facer o mundo máis bonito a través das historias. Tamén formas as persoas no gusto pola arte e polas cousas ben feitas (Galicia Hoxe, 19-2-2011).
Federica Montseny, Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 (Trifolium):
A xira tivo lugar entre os días 3 e 16 de decembro de 1935, e transcorreu polas localidades de Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, A Coruña, lugo, Carballo e Ourense. Federica Montseny, tal como indica o historiador Eliseo Fernández no limiar do libro, non só fixo un frutífero traballo propagandístico entre os homes e mulleres do mar, do campo e da cidade, senón que ademais, levantou acta da existencia daquela Galicia libertaria que pasou diante dos seus ollos por algúns días. E difundiu o que vira neste vívido relato da súa andaina por Galicia, publicado orixinalmente por entregas en La Revista Blanca, nos primeiros meses de 1936 (Galicia Hoxe, 20-2-2011).
Teaza de brétema, publicado en 1994, sería o seu primeiro título individual. Seguiríalle o western Por unha presa de machacantes e a continuación Carne de can, un feixe de oito relatos, e o libro de poemas Dende unha nada núa. No 99 sae a rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro anos sen publicar, aparecerán, consecutivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio. No ano 2007 ve a luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas (Xornal de Galicia, 20-2-2011).
Etiquetas: , , , , , , ,

Ningún comentario: