Desde unha óptica de estrañamento da realidade, de distanciamento respecto ó mundo tal como o coñecemos, Oriana Méndez formula en Cero, (Galaxia), o seu segundo libro, reflexións posibles sobre o poder, a opresión, a memoria ou a incomunicación (Galicia Hoxe, 1-3-2011).Euloxio Ruibal presenta Labirinto da memoria. Friso contemporáneo (Toxosoutos):
O fascismo volve abrollar nas sociedades occidentais contemporáneas. A burguesía prefire mirar para outro lado e non facerse preguntas sobre un pasado cuxa resposta enfía cun presente inzado de violencia explícita e implícita. Mozos protestan contra unha guerra que é a da Iraq, pero podería ser calquera outra. Mentres uns políticos serven o imperialismo, o Estado reprime as protestas populares. Este é o escenario no que agroma Labirinto da memoria. Friso contemporáneo (Galicia Hoxe, 2-3-2011).Manuel Lourenzo entrevistado en El Mundo (2-3-2011) por Montse Dopico:
A compañía Casahamlet acaba de recibir o premio Otero Pedrayo pola súa traxectoria de dignificación e promoción da cultura galega. Manuel Lourenzo é, xunto con Santiago Fernández, o fundador deste proxecto, ademais dunha das figuras clave do teatro galego. Dramaturgo, actor, director, investigador, docente... non hai campo da nosa escena que Lourenzo non teña axudado a desenvolver, desde a etapa do teatro independente dos 70. O seu traballo foi recoñecido xa con moitos outros galardóns: Abrente, Ditea, Cangas, Xeración Nós, Rafael Dieste, Premio Nacional de Literatura Dramática, Premio Nacional das Artes Escénicas, Álvaro Cunqueiro ou Pedrón de Ouro, entre outros.Manuel Monge presenta A historia secuestrada do franquismo:
O libro amósase especialmente crítico coa política desenvolvida pola Xunta na recuperación da memoria pero tamén co incumprimento da lexislación que apoia os traballos (Galicia Hoxe, 4-3-2011).Xelís de Toro fala no Galicia Hoxe (5-3--2011) do seu novo proxecto de música e poesía:
presenta hoxe na Sala Nasa de Compostela o seu Laboratoro, un proxecto que desenvolve desde Brighton xunto ao músico Ed Briggs. O Laboratoro, que o escritor concibiu ao primeiro como un alterego, naceu nun momento crucial da súa vida creativa: cando descubriu que non lle interesaba xa escribir novelas e recuperou a poesía, ámbito no que se deu a coñecer a finais dos anos oitenta.Stèphane Hessel indígnase en galego:
En Indignádevos!, Hessel –o único redactor da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que segue con vida–, diríxese directamente á xuventude, á que lle ofrece un manifesto a prol da “insurrección pacífica” empregando como argumento a súa propia biografía. Defende que el non contribuíu á loita que permitiu acadar tantas conquistas sociais na segunda metade do século pasado para que todos eses avances se derrubasen dende a década do 2000 en diante (Xornal de Galicia, 5-3-2011).1Q84, de Murakami, recomendado por La Voz de Galicia (6-3-2011, edición papel). Os que non teñan inconveniente de lelo en galego, con permiso da autoridade, poden atopalo (polo mesmo prezo) na edición de Galaxia, como este periódico nos fixo saber e nos lembra hoxe na última liña da recomendación.
Etiquetas: Oriana_Méndez, Euloxio_Ruibal, Manuel_Lourenzo, Manuel_Monge, Xelís_de_Toro, Hessel, Murakami
Ningún comentario:
Publicar un comentario