Deixámola aquí pegada.
Editorial Trifolium publica
POR QUE NON SON CRISTIÁN
de Bertrand Russell
Editorial Trifolium, dentro da súa colección Musa pedestris, vén de sacar do prelo “Por que non son cristián”, de Bertrand Russell.
“Por que non son cristián” é o texto dunha conferencia impartida por Bertrand Russell o 6 de marzo de 1927, no consistorio de Battersea, baixo os auspicios da Sección do Sur de Londres da Sociedade Laica Nacional.
Bertrand Russell foi un escritor prolífico durante toda a súa vida e parte dos seus mellores traballos está contido en pequenos folletos e en artigos publicados en diversos xornais. Isto pode aplicarse en especial aos seus estudos sobre relixión, pouco coñecidos fóra de certos círculos racionalistas.
Aínda que é valorado sobre todo polas súas contribucións a temas tan abstractos como a Lóxica e a Teoría do Coñecemento, cabe esperar que Russell sexa igualmente lembrado como un dos grandes herexes en moral e relixión, tal como apuntaba en 1956 Paul Edwards, compilador de varios dos seus ensaios relativos a temas teolóxicos.
Consideraba Bertrand Russell, un dos pensadores máis lúcidos do século XX, que todas as grandes relixións –o budismo, o hinduísmo, o cristianismo e o islam- son falsas e daniñas, á vez que avogaba por un mundo no que a educación tendese á liberdade mental en lugar de encerrar a mente da humanidade na ríxida armadura do dogma.
Porque o mundo, engadía, necesita mentes e corazóns abertos, e estos non poden derivarse de ríxidos sistemas, vellos ou novos.
O Autor
Bertrand Russell (1872-1970) foi un home dunha curiosidade intelectual case ilimitada. Estudou Matemáticas, Física e Ciencias Humanas en Cambridge. Autor da Teoría dos tipos, coa que daba resposta á grave crise que atravesaba a Teoría dos conxuntos, abriu un novo campo á Lóxica formal. En Filosofía moral e social abordou as contradicións entre individuo e sociedade, liberdade e orde, progresismo e pesimismo, etcétera.
A súa insubornable actividade crítica fixo que fose encarcerado en dúas ocasións. Enfrontado á carreira armamentística nuclear e á violencia, presidiu o tribunal que xulgou os crimes de guerra en Vietnam.
Foi profesor en Cambridge e conferenciante en universidades e centros culturais de todo o mundo, e en 1950 foi galardoado co Premio Nobel de Literatura.
Cómpre salientar da súa vasta obra “Principia mathematica”, “A educación e a orde social”, “Historia da Filosofía Occidental”, “A sabedoría de Occidente” e, “Crimes de guerra en Vietnam”, entre outros títulos, neste mesma colección “Eloxio da ociosidade”.
Datos
Título: Por que non son cristián
Autor: Bertrand Russell
ISBN: 978-84-938669-1-4
Etiquetas: russell, relixión, cristianismo, racionalismo, trifolium
Ningún comentario:
Publicar un comentario