Xesús San Luís Romero recuperado por Toxosoutos, que nos achega a inédita Foliada no rueiro:
O carballés Xesús San Luís Romero deixou na súa lonxeva vida (1872-1966) un interesante ronsel de composicións líricas ademais dun labor teatral, moi significativo, ao que dedicou unha parte esencial do traballo como escritor. Das numerosas obras creadas e ideadas para a escena, ocupa un lugar moi sobranceiro O fidalgo (drama en tres autos e un cadro, en verso) coa cuberta ilustrada por Asorey, que se editou no ano 1918 (Tipografía "El Eco de Santiago") coincidindo no tempo coa súa estrea no Teatro Principal. Incluía un prólogo de Ricardo García Rivas e varias noticias de xornais e revistas que fixaron a súa atención na representación e no autor. Sete anos despois, unha nova edición (coa cuberta ilustrada por Camilo Díaz) poñía na rúa tres mil exemplares, o que viña de ser a demostración do éxito da peza e da consideración do dramaturgo (Galicia Hoxe, 19-03-2011).
María Xosé Queizán profunda na figura de Mary Shelley en Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial :
A obra, un ensaio con ronsel de novela, afonda non só na figura de Mary Shelley e a súa familia, senón no contexto histórico e en especial no escenario intelectual da época: científicos, artistas... "Foi un traballo de moitos anos. Sempre me interesou moito o Frankenstein de Mary Shelley. Levo moito tempo recollendo material e, si, documenteime moito. O obxectivo é explicar como xorde unha novela tan fantástica, da man dunha escritora tan nova, que ademais tivo unha vida tremenda. Súa nai morreu no parto dela, perdeu fillos, a irmá suicidouse... e a súa novela foi un xeito de optar pola vida, de crear vida ante tanta morte", indicou Queizán (Galicia Hoxe, 19-03-2011).
Entrevista coa autora: “As mulleres deberiamos reaccionar dun xeito moito máis radical” (El Mundo, 26-03-2011).
Lois Pereiro: Xerais publica a poesía completa e mais unha biografía novelada do autor:
Lois Pereiro: Xerais publica a poesía completa e mais unha biografía novelada do autor:
dous volumes que, de xeito ben diferente, xiran en torno ao universo de Lois Pereiro. Trátase da biografía novelada de Marcos Calveiro, Náufrago do paraíso, e da Poesía completa de Pereiro, reunida por primeira vez pola profesora e investigadora Ana Acuña (Xornal de Galicia, 20-03-2011).
Artigo sobre a vida de Lois Pereiro no Faro de Vigo (20-03-2011).
Isidro Novo fala de Cabalos do demo e outros invertebrados (Trifolium), e tamén da situación da lingua. Cabalos do demo...
Isidro Novo fala de Cabalos do demo e outros invertebrados (Trifolium), e tamén da situación da lingua. Cabalos do demo...
É unha compilación de relatos espallados en distintas publicacións. O primeiro, o que case lle impón o nome ao libro, é Cabalos do demo, que foi en 1995 o gañador do Premio Murguía. Hai outro relato, O voyeur e a dama intanxíbel, que conmemora o décimo aniversario dese galardóns. Despois hai dous relatos que foron publicados en periódicos. Unha asombrosa sombra, que foi escrito para o Xacobeo de 1993, no que eu facía o percorrido inglés. O último é un microrrelato, que escribira para outro xornal no que un escritor facía o seu traballo e un pintor facía a ilustración. Chámase Vostede siga ben, señor fiscal. O espírito do libro reúne relatos diferentes e de distintos formatos e tamaños. O primeiro é moi longo e o último é micro. Todos teñen a diferenza de continente e de contido. Quixen saír dos modelos academicista tan marcados. Pareceume axeitado romper con eses criterio e estou satisfeito co resultado.
No que portén á lingua:
A palabra normalización está en desuso. É unha palabra obsoleta, xa non se usa para nada. Agora só temos a palabra SOS, a ver si podemos salvar a lingua e dende logo se este goberno segue gobernando terémolo moi cru para que a lingua permaneza. A lingua vai sufrir moito cos gobernantes que teñen dentro o autoodio. Aspiran a ser madrileños de rexional preferente. Pero tamén hai que botarlle a culpa a impasibilidade da xente que lle quitan o seu e se deixa ir. A culpa non é só do goberno, senón tamén desa actitude da xente (Xornal de Galicia, 20-03-2011).
Bernardino Graña entrevistado en El Mundo (21-03-2011) por mor da publicación da antoloxía Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008:
Recolle cousas que eu xa non tiña. Eu creo que os mellores son 'Profecía do mar', 'Himno verde' e 'Sen sombra e sen amor'. Porque aí están expresados os sentimentos máis importantes: o mar, o amor e tamén o desamor...
Dionisio Pereira estuda un aspecto do franquismo en Loita de clases e represión franquista no mar (1864- 1939):
O autor asegura que a ditadura franquista foi capaz de espallar con éxito unha visión que despolitizaba a represión, reducíndoa a cuestións como as loitas entre familias (Galicia Hoxe, 23-03-2011)
Manuel Lourenzo: artigo de Dolores Vázquez en La Voz de Galicia (25-03-2011):
foi á volta de Alemaña cando, nos setenta, foi o impulsor do Teatro Independente Galego. A partir de aí unha prolífica carreira como tradutor, escritor, director teatral e profesor, e numerosos recoñecementos.
O pintor do sombreiro de malvas e Contos para nenos que dormen deseguida na lista White Ravens 2011. Parabéns.
Variacións enigmáticas, de Eric Emmanuel Schmitt e Eloxio da Sombra do xaponés Junichiro Tanizaki (1886-1965) en galego:
Variacións enigmáticas, de Eric Emmanuel Schmitt e Eloxio da Sombra do xaponés Junichiro Tanizaki (1886-1965) en galego:
Eric-Emmanuel Schmitt naceu en 1960 en Sainte-Foy-lès-Lyon (Francia). Profesor de filosofía na universidade, comezou a ter éxito como dramaturgo nos anos noventa con obras como A noite de Valognes ou O visitante. Entre outros recoñecementos, recibiu o Gran Premio de Teatro da Academia Francesa polo conxunto da súa obra no ano 2001. É tamén autor de varios ensaios, volumes de relatos e novelas.
Junichiro Tanizaki é un dos autores xaponeses con maiores influencias occidentais nas súas lecturas. Edgard Allan Poe ou Oscar Wilde son algúns dos escritores adivíñanse nas súas liñas. O seu estilo neorromántico, de elegancia serena e refinada, chegou ao cumio na súa obra A neve tenue, que escribiu no transcurso de moitos anos. (Xornal de Galicia, 26-03-2011)
Carlos Solla e Xerardo Quintiá fanse cos premios Johan Carballeira e Fiz Vergara Vilariño:
A necesidade de, polo menos, superheroes, que os galegos temos para conseguir salvar a nosa lingua e a nosa cultura ante os ataques dos poderosos. E a recuperación da memoria da infancia. Son os principios que moven cada un dos poemarios que resultaron gañadores (Galicia Hoxe, 27-03-2011).
O teatro e os seus atrancos son analizados no artigo de Mar Mato en Faro de Vigo (27-03-2011). Na mesma dirección apunta o artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia (27-03-2011).
Xavier Quiroga conversa con Manuel Vidal sobre narrativa, lingua e democracia:
Xavier Quiroga conversa con Manuel Vidal sobre narrativa, lingua e democracia:
Resulta que moitos dos meus personaxes miran conscientemente para o pasado coa finalidade de atopar o seu presente e mesmo para procurar o futuro. É como se nese pouso que se vai acumulando ao cabo dos anos por dentro de nós estivese a verdadeira esencia do ser humano. De aí esa procura, constante e esencial. Afóndase no que se coñece, no que pasou, no que sentimos, para asentar o que descoñecemos e será (Galicia Hoxe, 28-3-2011).
Xesús González Gómez, Dicionario de surrealismo e surrealistas. Presentación da obra no Verbum:
O surrealismo foi un movemento artístico, político e cultural que marcou as vangardas do século XX.
Os seus posicionamentos ante a arte, a literatura e a cotidianidade aniñaron con fortaleza en propostas posteriores ata concretar influencias que hoxe son recoñecidas por historiadores, sociólogos e filósofos. As súas principais figuras son igualmente senlleiras personalidades do século pasado. Mereceron e seguen a merecer recoñecementos, restauracións biográficas, publicacións e mostras conmemorativas e recuperadoras (Xornal de Galicia, 28-03-2011).
Víctor Freixanes, autor do ano por Cabalo de ouros:
Antes dera ao prelo Unha ducia de galegos (1976), fito na recuperación da memoria do galeguismo a través do xénero da entrevista, e Memoria dun fuxido (1980), baseada na vida do guerrilleiro Manuel González Fresco. No ano 2010 publica en Galaxia a novela Cabalo de ouros (Galicia Hoxe, 30-03-2011).
A noticia escura é a da situación do libro. En 2010, cae o número de títulos publicados e mantense a invisibilidade do libro galego.
A noticia triste é a do pasamento de Valentín Arias. Quédanos o seu maxisterio.
A noticia triste é a do pasamento de Valentín Arias. Quédanos o seu maxisterio.
Etiquetas: narrativa, teatro, ensaio, Xesús_San_Luis_Romero, María_Xosé_Queizán, Lois_Pereiro, Isidro_Novo, Bernardino_Graña, Dionisio_Pereira, Dionisio_Pereira, Marcos_Calveiro, Carlos_Solla, Xerardo_Quintiá, Xavier_Quiroga, Xesús_González_Gómez, Víctor_Freixanes, Valentín_Arias, tradución
Ningún comentario:
Publicar un comentario