Noticias de literatura-85
Manuel Rivas anuncia a próxima saída de Todo é silencio:
Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema - coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, "quedará gravado na historia da Literatura galega" (Galicia Hoxe, 16-09-2010).
María do Carme Kruckenberg publica A voz da auga (Barbantesa):
un libro que, segundo a autora, marca un círculo existencial onde vai conectando diferentes etapas da súa vida. Son 84 poemas que percorren as catro estacións do ano e os seus 84 anos de vida (Galicia Hoxe, 17-9-2010).
Noticia da presentación da obra e entrevista coa autora no Xornal de Galicia (18-9-2010).
Entrevista con María do Carme Kurckengerg en La Voz de Galicia (18-9-2010).
O frade das dúas almas (Ed. Galaxia) foi escrita en tres ocasións diferentes, (a devandita edición desaparecida, otra redactada desde o labor memorístico da primeira e unha terceira datada por volta dos anos sesenta), os seus once capítulos encádranse arredor dos espazos e da vida aldeá, vilega e urbana (Compostela ten un peso importante e sobresaen algúns espazos típicos) e encaixa no que acostumamos denominar novela de aprendizaxe como sinalan os autores da edición Teresa López e Xoán López Viñas: "A infancia de Leliño e dos seus compañeiros de estudos, Mingos e Manuel, as probas a que son sometidos, a súa iniciación amorosa, a crise vital que se manifesta como crise de fe..." (Galicia Hoxe, 18-9-2010).
Xavier López publica Os libros prestados:
o importante son os personaxes de cada un dos relatos: un catedrático de literatura ao que as súas lecturas de mocidade o levaron a ser voluntario da División Azul; un vendedor de enciclopedias; un pensador, ou un teórico da literatura que sostén que o trascendente non é o que se escribe senón por qué se escribe (Xornal de Galicia, 18-9-2010).
Sobre Libros prestados e outras obras, véxase este post de Ferradura en tránsito.
Inma López Silva gaña o premio Pousadas de Compostela
cun relato titulado O despacho de Molly Bloom, “unha historia sobre un cura trotskysta que un día decide facer o Camiño... e non conto máis”, sinalou a escritora (Xornal de Galicia, 19-9-2010).
Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos (Xornal de Galicia, 19-9-2010).
Retranca, Premio Ourense de Banda Deseñada.
Aínda que a Santa Compaña os persegue, desta volta coa gadaña da crise -o que os obrigou a reducir a súa perioricidade de mensual a bimestral ante a caída de publicidade-, o certo é que o seu humor gráfico "sen censuras e politicamente incorrecto" conseguiu facerse cun público fiel. A súa sátira diríxese tanto á polémica da lingua como aos "chistes" de Rosa Díez ou o feísmo urbanístico. "O noso interese é falar do que na prensa seria nunca se fala, sacarlles punta ós temas que están na rúa, nas cafeterías, nas tendas... A crítica chega mellor a través do humor. E iso é algo que falta en Galicia. Aquí non houbo nunca revistas satíricas senón que o humor se dirixía máis á reflexión. Agora que levamos tres anos, nótase que os autores que colaboran con nós foron perdéndolle o medo a falar de determinados temas", comenta Kiko (Galicia Hoxe, 21-9-2010).
A Porta Verde presenta Sétimo andar, poesía alén:
Os seus integrantes afirman que máis ca un colectivo pretenden ser un espazo, xa que consideran a poesía como “un espazo aberto onde sempre é posible un encontro que se constitúe nunha máxica coincidencia de soños (im)posíbeis” (Xornal de Galicia, 20-9-2010).
Manuel Núñez Singala, entrevistado no Xornal de Galicia (22-9-2010) por mor da presentación de Menú de enganos:
Ofrécese un conxunto de relatos que teñen un punto en común: o engano. Ademais, preséntase ao xeito dunha carta, xa que en función do tamaño de cada relato e se é máis ou menos dixestivo, cada conto se converte nun entrante, nunha sobremesa ou nun primeiro prato.
Os Ancares, a serra esquecida acaba de saír á luz publicado por Teófilo Edicións. Trátase dunha compilación de reportaxes do periodista Enrique de Arce que denunciaban o illamento e abandono desta terra (Galicia Hoxe, 22-9-2010).
Ningún comentario:
Publicar un comentario