4.9.10

Noticias de literatura-83

Xosé Carlos Caneiro fala en La Voz de Galicia por mor da presentación de Un último destino:
Esta novela é unha meditación poética sobre a existencia. As miñas dez novelas son unha novela. Chamarémola novela fenomenolóxica: procuro sempre a esencia dos personaxes, a súa humanidade, non o mero relato das súas peripecias. A miña linguaxe fáustica non tería sentido noutro mundo literario. En Ámote ou Un xogo de apócrifos ou A vida nova de Madame Bovary ou Ébora está plenamente xustificado. Un último destino é a consumación de todo o mundo novelesco anterior (La Voz de Galicia, 6-08-2010).
Ánxel Vázquez de la Cruz presenta Luz de tebra. No artigo “Un escritor tardío”, Pablo Vaamonde fálanos do autor e da súa obra (Galicia Hoxe, 9-08-2010):
Trátase dun feixe de relatos situados en contornos xeográficos que forman parte da súa propia biografía: Tui -a súa infancia-, Santiago -os anos de Universidade- e A Coruña -onde desenvolveu a sua vida profesional durante moitos anos-. É, polo tanto, un libro autobiográfico, na medida que recolle historias de personaxes reais ou inspirados na realidade vivida polo autor, que son retratados nestas páxinas con grande habilidade narrativa e intensa proximidade afectiva.
Artigo en El País (14-08-2010) sobre Ánxel Vázquez de la Cruz e a súa obra.
Diego Ameixeiras anuncia a publicación de Asasinato no Consello Nacional para setembro:
O caso é nada menos que o asasinato dun dirixente do BNG cando sae dunha reunión do Consello Nacional. A novela é «unha clara homenaxe a Vázquez Montalbán», autor dunha novela negra publicada en 1981 que levaba por título Asesinato en el Comité Central (Planeta), na que nunha reunión rutinaria do PC español apáganse as luces e aparece morto o seu secretario xeral; a investigación corre a cargo do comisario Fonseca, designado polo Goberno, e de Pepe Carvalho, o detective creado por Montalbán que cumpre aquí o encargo do PC (La Voz de Galicia, 21-08-2010).
Agustín Fernández Paz tamén anuncia para setembro a presentación d’ As fronteiras do medo, un libro de relatos de misterio.

Ningún comentario: