6.9.10

Rubén Ruibal. Delimvois

1. Delimvois é a escenificación dun estado do comportamento dos individuos que teñen a “sorte” de vivir nun Estado Único. O espectador -integrado no mesmo escenario que os tres personaxes da obra- vai vivindo o pesadelo de calquera habitante de Estado Único:
a) O poder exérceo un Comité mudo e omnímodo co que non se pode comunicar directamente.
b) Todo habitante debe profesar unha fe cega no Estado e no seu modelo de sociedade.
c) O Estado Único é o creador dun mundo perfecto e imperecedoiro, por principio.
Mais así e todo
d) A xente ten unha existencia virtual para o Comité para o que non ten máis categoría ca unha rata de laboratorio.
e) Nese mundo perfecto, as persoas vense sometidas a un proceso de “kippelización” (pp. 47-48).
f) Nas leis do Estado Único, o pensamento, a imaxinación e a fantasía son delitos.

2. A obra baséase en Nós (1921),  de Ivanovich Zamiatin (Lebedian 1884-París 1937), obra prohibida pola censura soviética. Aínda que Zamiatin se inspira no seu coñecemento e experiencia do socialismo ruso, inicia unha ampla e rica liña de sátiras futuristas que critican os totalitarismos e o seu obxectivo de controlar cientificamente a vida de todos e cada un dos seus súbditos.
Entre a novela de Zamiatin e a peza teatral de Rubén Ruibal median case que cen anos, pero constatar a actualidade do tema que tratan non deixa de causar certo desazo no espectador, quen se ve implicado na escenificación (unha furna transparente que permite ver e ser visto; que permite vixiar e ser vixiado).
En Delimvois o experimento para controlar os sentidos e a memoria dos cidadáns fracasa. Os tres personaxes que se moven pola furna son “disidentes” xa no seu propio físico: un cego, un xordo e unha científica de sexo indefinido máis próxima ó seu obxecto de estudo ca ó Comité... Como para esperaren un final feliz.

3. Sobre a obra:
  • Noticia da estrea da peza en Compostela “un espectáculo a cargo do grupo portugués Teatro Oficina en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG)”, baixo a dirección de Marcos Barbosa (La Voz de Galicia, 20-05-2009).
  • Alicia crece recolle a crítica de Manuel Xestoso (“Vladimir e Estragón nun mundo feliz”) publicada n’A Nosa Terra: “Delimvois: primeira crítica”.
  • El Correo Gallego, sección agenda, dá breve noticia sobre o horario do espectáculo e a trama da obra.
  • Dossier Delimvois, presentado polo CDG. Fornécenos de información sobre autor, obra, espazo escénico e outros datos de interese.
  • A páxina de Xerais recolle a crítica de Armando Requeixo publicada no Faro de Vigo e no suplemento “Saberes” de La Opinión A Coruña: “Literatura visionaria. Zamiatin en Ribadeo”.
  • Crónica da fuxida eterna” é o título con que nos achega a Delimvois o Galicia Hoxe de 21-05-2009.
  • Vía Láctea: vídeo (42:16 minutos) coa entrevista a Rubén Ruibal por mor do Premio Nacional de Teatro.
  • Diario de Felgueiras dános noticia de Delimvois e doutros espectáculos.


Rubén Ruibal, Delimvois, AGADIC/Xerais, 2009.

1 comentario:

r. dixo...

Agradecido!