13.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas


1. Cóntanos a historia un adolescente a quen a nai envía a vivir á casa dunha tía en Auvers para afastalo da vida de malote que levaba en París. O rapaz, urbanita parisino, non é quen de establecer boas relacións cos rapaces do rural, dos que anda medio fuxido para aforrar tundas. A aparición do pintor Vincent [van Gogh] ábrelle un abano de posibilidades para darlle emoción á súa vida. Entre outras cousas, apréndelle a ver o mundo doutro xeito, a reparar en aspectos para os que os ollos do rapaz estaban cegos. Tamén lle servirá de conselleiro sentimental, aínda que de dubidosa eficacia.

2. O tempo reducido da novela (69 días) representa para o protagonista un curso intensivo de educación, mesmo sentimental: coñecerá a crueldade dos convencionalismos, pensará sobre o seu escuro pasado, abrirá os ollos a un mundo novo, gozará da ilusión dos amores vixiados, sufrirá a presenza da morte e da ausencia dos seres queridos, aprenderá a tomar as súas decisións mesmo sen saber se son as correctas...
Por veces, o lector coida -isto é algo atrevido- que é o adulto Vincent quen, á vista da traxectoria vital escalazada, “educa” a un Vincent adolescente que aínda ten a vida por diante. En todo caso, o relato transmite ó lector a intensidade da etapa final da vida do pintor.

3. A historia sitúase en Auvers no verán de 1890. Nesta viliña dos arredores de París enfróntanse dous mundos irreconciliables. Dunha banda, a sociedade reaccionaria que segue pautas de comportamento preestablecidas; destacan as autoridades políticas, relixiosas e as beatas. Da outra banda, os que tentan vivir seguindo os impulsos do corazón, sen facer mal a ninguén e sen o corsé de normas sociais de obrigado cumprimento. O pintor, o narrador, súa nai... son paxaros que pretenden voar fóra da abafadora gaiola das convencións sociais.

4. A sociedade convencional amosa ante o lector unha crueldade agachada. As normas, por si soas, non son quen de substituír os afectos nin de construír sociedades máis xustas. O lector ve, por exemplo, como se pasa o trámite do enterro das vellas sen importarlle ó familiar que as sepulta nada máis que a herdanza que poida apañar (segundo murmuracións da veciñanza); sospeita cal puido ser o “delito” que lle produce o baleiro social á nai do narrador; sospeita e non se explica o comportamento hostil do xendarme co rapaz... Unha sociedade, en definitiva, que non lles deixa ós diferentes outra saída que non sexa o suicidio ou a fuxida.

5. Falan desta  novela en:

  • Trasfegando ronseis, que salienta especialmente os valores que transmite o relato, así como a súa riqueza pictórica e léxica.
  • Ramón Nicolás: recensión publicada no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia recollida na páxina de Xerais.
  • Ars legendi achégase a esta e a outras obras de Marcos Calveiro. Destaca d’ O pintor a traballada construción de espazos e personaxes.
  • Xornal de Galicia (12-07-2009) dá noticia da concesión do premio e publica unha entrevista co autor.



Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.

Ningún comentario: