22.8.10

Xosé Monteagudo. Un tipo listo

0. Xosé Monteagudo cóntanos en Un tipo listo a historia dun desfalco considerable. Manolo, director dunha sucursal bancaria en Vigo, montara unha banca paralela co único fin de facerse cunha boa fortuna persoal.As manobras financeiras do director só se descobren despois da súa morte repentina. Os seus fillos (Darío e Ricardo) vense envoltos nunha perigosa lea xudicial, porque o banco procura recuperar nos herdeiros o roubado polo pai.
Darío, o fillo máis vello e  narrador da historia, leva a cabo dúas pescudas paralelas sobre a figura de seu pai: a profesional, que chega ó cume co desfalco artellado, e a persoal, que bota luz sobre o papel de marido e pai de familia. Ambas as dúas serán os fíos que ganduxen a vida do individuo e da época que lle tocou vivir.
Se aforranmos a indulxencia que se ten cos falecidos, resulta que este Manolo --o fillo tamén se refire a seu pai polo nome-- vén sendo un rapaz morto de fame fillo dun republicano asasinado polos falanxistas. Na posguerra, primeiro por necesidade e despois por comenencia, acepta a axuda e a amizade dun peixe gordo do réxime (non exento de responsabilidade na morte de seu pai) para medrar económica e socialmente. Deste personaxe apredeu que se non tes habilidades para facer diñeiro non es un tipo listo. Tampouco dubida en abandonar a moza embarazada para casar con outra que non ama, pero que considera un bo partido. Os fillos teñen na memoria a frialdade do trato familiar.
Cando o padriño político cae en desgraza e o botan fóra da vida política por un escándalo financeiro, Manolo ve coutadas as medras no banco e queda profesionalmente confinado na súa sucursal, como nunha especie de xubilación.
Darío descobre un cambio na vida de Manolo: o namoramento de María, que fai espertar o lado humano que nunca antes amosara. Así e todo, a morte repentina non deixa lograr esta nova faceta.


1. O narrador tamén nos amosa a súa propia vida, que se vai facendo á contraimaxe da do pai. O diñeiro e o éxito profesional non son os valores máximos polos que se rexe; as relacións que establece cos semellantes baséanse no afecto, no respecto e na ética; asume as súas responsabilidades como pai. Aínda que isto último semella máis unha promesa de futuro, o desexo de non repetir erros de seu pai.
O lector atópase cun relato que confronta sistematicamente dúas épocas, dúas personaxes e dous modelos de vida incompatibles.


2. Francisco Martínez Bouzas inclúe esta novela "dentro do subxénero detectivesco", advertindo que os detectives profesionais son aquí personaxes marxinais. O contratado por Ricardo é simplemente unha cita. Quen leva o peso das pescudas e nos fai vivir a intriga é o narrador (Darío).
Se ben a aclaración do desfalco é o fío principal da novela, o narrador toca coa mesma intensidade outros temas. Deste xeito, amósanos a falta de escrúpulos dos que se fixeron co poder despois da guerra civil; a loita pola supervivencia dos vencidos; a mentalidade dos triunfadores de calquera época e condición, sen asomo do menor sentido ético; as relacións de parella; as relacións pais-fillos...


3. Falan da novela:

Xosé Monteagudo, Un tipo listo, Vigo, Galaxia, 2009.

Ningún comentario: