27.11.08

Do xuízo de Romasanta

"O avogado defensor [Manuel Rúa] non cre que o procesado sexa un farsante senón un enfermo. Ao seu xuízo carece de valor o testemuño dos veciños acerca do estado mental do acusado, porque uns rústicos labradores galegos non son as persoas máis aptas para apreciar unha monomanía. 'Eu que por desgraza, aínda que con honra -di- administrei xustiza entre campesiños galegos, sei o difícil que é ás veces darse a entender no seu dialecto, e o máis difícil aínda que é comprender o valor das explicacións no seu patois. Ditoso o xuíz que consegue que o labrego o entenda fiel e exactamente; máis ditoso aínda se logra comprender a súa mente'".
Teñamos en conta que ó bo do avogado caeulle ó lombo esta causa pobre e non o deixaron librarse dela. Nin tempo lle daban para estudar o sumario. Así e todo, fixo unha boa defensa. E as palabras textuais enriba transcritas cómpre entendelas como recurso para amolecer o corazón do xuíz. Lembremos que o caso saltara á prensa e era coñecido no estranxeiro. Na época foi todo un xuízo mediático.
Mais non só se xulgan os crimes de Romasanta. No subconsciente de todos os que se achegaron a aquela feira estaba fixada a ficha do país:
-Un país de rústicos.
-Que falan un "dialecto" ou patois no que resulta difícil expresarse e mesmo entender o que queren dicir os rústicos que o usan.
-Uns rústicos incapaces de entenderen o que lles ten que dicir o administrador da xustiza. (Que o xuíz os entenda ou non parece ser o de menos).
-Tamén se insinúa que tales rústicos non deben de ter a cabeciña á altura necesaria para entender o lerio da xustiza que lles administran.
Pobres. Aínda menos mal que na xustiza non hai prexuízos.


NOTAS SEN GASTOS
O libro que se cita é un estudo do caso Manuel (bautizado Manuela) Branco Romasanta, baseado no sumario do xuízo. Tamén é un excelente retrato da sociedade galega do momento, como reza na presentación.
Para os estudosos da nosa literatura ten interese especial o capítulo titulado "Reflexións desde a antropoloxía", como guía para entender a figura do lobishome que protagoniza relatos maxistrais nas nosas letras.

Citado de MARIÑO FERRO, Xosé Ramón, Manuel@ Branco Romasanta, o lobishome asasino, Vigo, Nigratrea, 2007. P. 127.

Ningún comentario: