Cóntasenos na Wikipedia que esta novela "constitue la suite de Faire l'amour", motivo polo que o lector que se achegue a ela anda ó principio algo desnortado ó non entender a "fuxida" do protagonista, que aparece en Shangai sen que o lector teña moi claras as razóns da viaxe. Viaxe un tanto atolada e rápida, chea de acontecementos non controlados polo protagonista, que nos leva a Shanghai para seguir nunha abafante viaxe ó corazón da China e rematar na illa de Elba para asistir ó enterro do pai da súa parella.
Na presentación editorial, saliéntase que esta novela "logra reflectir o movemento" e "que capta as emocións".
Esta obra figura entre as principais novelas do autor, que se caracteriza por "un style et un récit minimaliste, dans lesquels les personnages et les choses n'ont d'autres significations qu'eux-mêmes".
Terres de femmes advirte que tamén o lector se verá levado polo ritmo desenfreado que se apoderou do narrador. Así e todo, este lector aprecia que o ritmo narrativo é máis rápido na terceira parte do relato, onde remansa a acción atolada.
A editorial francesa presenta a obra como "unha novela rocambolesca de aventuras", na que fuxir "sobre todo a expresión dunha fractura permanente entre un e o mundo. O pensamento non deixa de vagabundear, a aprehensión da realidade parece sempre falseada e o interlocutor imperceptible ou perplexo".
Na análise de littexpress saliéntase o valor do teléfono móbil (dállo ó protagonista o chinés co que se ten que encontrar e non sabe ben se para telo comunicado con Marie ou para espialo) como símbolo de malos agoiros. Destaca tamén a viaxe omnipresente, a relación amorosa frustrada pola incomunicación, o carácter pasivo do narrador en toda a novela e insiste na fractura entre o pensamento difuso do protagonista e o mundo que o rodea. Isto último interprétase en litexpress como un trazo inherente á sociedade actual na que a evasión, sexa cal for, é indispensable.
No encontro de Maison Descartes, Jean-Claude Le Brun tamén repara neste aspecto da incomunicación: "Percórrese o mundo, e as palabras da vida interior ora non se deixan saír ora non veñen . Estase por tódalas partes localizable, óense unha multitude de falas, e o esencial parece non poder dicirse . ¿Se cadra, a mensaxe non será unha posibilidade aínda aceptable para unha reflexión deontolóxica, alí onde o espírito de seriedade é percibido como unha inconveniencia? É, en calquera caso, unha das posibles leccións deste libro extremadamente rematado, sedutor e profundo".
Jean-Philippe Toussaint, Fuxir, Vigo, Galaxia, 2007. Tradución de Carmen e María Dolores Torres París. A novela obtivo o premio Médicis 2005.
Imaxes: Editorial Galaxia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario