"O PP deixou un "cemiterio de libros" na Deputación de Lugo
Antonio Veiga, do BNG, describe a paisaxe coa que se atoparon na institución, con cuartos cheos de edicións que nunca se distribuíron".
Antonio Veiga, do BNG, describe a paisaxe coa que se atoparon na institución, con cuartos cheos de edicións que nunca se distribuíron".
Quen se decida ler a noticia enlazada atopará datos interesantes sobre a política editorial das institucións do país. A xente do meu gremio pode contar anécdotas sobre a cuestión para rir e chorar. O asunto xa vén de vello, e non é cousa dunha soa deputación nin só das deputacións.
Se hai algo bo nesta noticia é que nos informa dunha das utilidades deses organismos. Non hai tanto tempo había quen se preguntaba para que servían as tales deputacións. Pois velaí vai un detalle. E podemos engadir que tamén serven para xestionar o chapapote das corredoiras e as luces da entrada ós eidos (aínda que disto último non estou moi certo).
Volvendo ó lerio dos libros, quero incidir na suxestión que se fai na propia noticia. Non importa que algúns deles os usen os políticos para acantazarse, pero seguro que algúns dos "mortos" dese cemiterio poderían volver á vida nas bibliotecas públicas, nos centros docentes, nos círculos e asociacións culturais, nas encrucilladas de libros... Xa non me atrevo a dicir nas mans dalgúns particulares interesados en profundar en certas áreas do coñecemento e contribuír á súa difusión. (Isto último igual cheira a corrupción. ¿Meter diñeiro público en mans privadas? Claro que tamén se poden comprar se se poñen á venda.)
O que non se comenta na noticia é se ás institucións lles resulta máis caro editar en galego ca en calquera outro idioma. É unha dúbida que sempre tiven.
Tamén entendo que haxa xente que comprende esta política de cemiterio libresco. Non invento a queixa dun titor que informaba ó pai dun alumno que nunca levaba libros á clase. O pai, aínda non sendo do país, respondíalle á galega:
-¿Libros? ¿Pa qué?
(Imaxe dun libro editado pola Deputación Provincial de Lugo. http://www.culturagalega.org/bd/extra_detalle_imaxe.php?id=252.)
1 comentario:
Pois anda q non fan falla libros nalgunhas bibliotecas do pais... abandonadas a súa sorte e cos libros pudrindose polo abandono das institucións...
Publicar un comentario