3.10.07

Confuso

Segundo este xornal
"O 90% dos escolares galegos ten ordenador Setenta e cinco de cada cen posúen MP3 ou MP4 e nove de cada dez usan messenger habitualmente, segundo Audiovisual nas aulas".

Lido o artigo así, de súpeto, veume á cabeza a vella definición de fe deprendida na catequese: "Creer lo que no vemos".

Se acredito no xornal -e non teño por que non facelo- os meus prezados alumnos mentíronme. Se cadra, para que evitar propostas de traballo, agacharon datos nas súas fichas. E se acredito nos meus prezados alumnos -e tampouco non teño por que non facelo- estamos nun instituto depauperado, que non merece estar neste primeiro mundo que nos venden.

E velaí está a miña pobre neurona sen saber a que carta quedar. E canda o desazo que produce a incerteza vénme ó espírito -se é que o teño- o desasosego da sospeita de non ter pedigrí.

Tampouco me convence moito o feito de que haxa máis ordenadores ca móbiles. O outro día lin nun xornal -non lembro cal- que había nas Españas uns oito millóns máis de móbiles ca de habitantes... Mais así e todo, se o din as estatísticas...

No que si acredito é nos índices de lectura. Facendo a operación polo método da vella nin saen a cinco libros por alumno e ano. O que significa que nin sequera se debruzan sobre os libros propostos por eses profes sádicos, maníacos da lectura. E isto si que me cheira a experiencia coñecida.

Se asociamos o permiso para ir de botellón ás lecturas realizadas, teriamos un país abstemio. Salvo esa ducia de ratas lectoras que andarían calcadiños perdidos.

Ningún comentario: