18.7.07

No es calvicie, que es alopecia

O artigo de XOSÉ MARÍA MÁIZ TOGORES que aquí enlazamos recolle as actitudes lingüicidas da paisanaxe. No fondo, todo se reduce a un sinxelo complexo de inferioridade que o sufridor tenta solucionar custe o que custe. Pero no canto de buscar a causa para controlar a doenza, o sufridor quere curarse matando os efectos.
Lendo o artigo veume á cabeza a historia dun amigo. Cando alguén lle comentaba que estaba a perder o pelo, sempre lle retrucaba:

--Ei, ei... Que lo mío no es calvicie. Que es alopecia.

Sexa o que for, o couquizo estáballe quedando pelouro. Mais con isto non lle quero quitar a ninguén o dereito a se consolar ou a xustificarse como boamente poida. Ser parvos non é un dereito recollido na Constitución; pero pode considerarse un accidente que todo quisque sofre algunha vez na vida.

Mais cando a parvoíce adquire unha dimensión social empeza a ser perigosa e pode pagarse cara. Vén ser como querer curarse con placebos cando o mal existe realmente. Poñamos un exemplo lingüicida: moita xente moza foxe do galego "porque en gallego se siente montuna". Entón míraslle a ficha e ves que se trata dun vigués do Poulo ou da Guía ou do Castro... ou que viu a primeira luz no Pirulí. É do monte porque fala galego, non porque teña nacido ou viva no monte. E non hai alma viva que o convenza do contrario. ¿Como facerlle entender que é de monte, aínda que fale en esperanto?

Con esta razoable actitude, sexa calvicie ou alopecia, a lingua vai quedar pelona. O pensamento tópico non nos vai levar a ningures nin nos vai eximir de culpa nin vai servir de consolo.

Que Deus nos atope sorrintes e sen pelos na lingua.

Ningún comentario: