15.7.07

Lingua revolta (5)

Segue o líder do PP teimando na ilegalidade do "novo decreto do galego". Nada novo sobre o xa dito, pero a forza de insistir as cousas acaban por volvérense certas. Velaí temos exemplos venerables como a tumba do Apóstolo (negada por algúns incrédulos) ou a Santa Compaña, mesmamente, da que hai quen di que son alucinacións de "endroghados".



A teima central de hoxe é que "O decreto abre a porta ó monolingüismo". Supomos que se trata do monolingüismo en galego. E abofé que non sería mala cousa, despois de todo. Non sería morte de cristián, supoño. Coñezo xente que morreu monolingüe (en galego). Morreu por vella, non por monolingüe. E viviu máis ou menos feliz, e ata lle deixou algo en herdo ós seus fillos.



Hai moita xente monolingüe, aquí no país e mais no resto do mundo. Moitos dos "líderes mundiais" tamén son monolingües, e non por iso deixan de cortar o bacallao.



Tocante ás portas abertas ó monolingüismo, nestes lares xa hai ben tempo que o están. Atopamos algo máis ca indicios xa no século XIII (trece). Non choveu nada dende aquelas. Pero este monolingüismo é "cordial" e desexable. Tan desexable, se non máis, coma "que cando un rapaz remata os seus estudos ten que coñecer tres idiomas, 'non só un'". Mágoa que ata o día de hoxe ningún político poida pendurar do pescozo a medalla do éxito no lerio do multilingüismo. Os que andamos a pé (con e aberto) achamos máis semilingües ca outra cousa; e iso mesmo en ámbitos monolingües por natureza. Seguramente son máis ricos en hipotecas. En fin...



Outra das teimas é a dos dereitos rabelados: "Non se lle poden cercenar os dereitos ós alumnos; os pais son os responsables da educación dos seus fillos, non os gobernos, os pais". Isto ten a súa miga: podiamos empezar pola contribución dos pais no deseño dos plans de estudo, seguir pola obrigatoriedade da escolarización e rematar pola escolla (obrigatoria) de determinadas materias optativas... Resumindo, como dicía un tal Ford, podes escoller libremente a color que queiras sempre que sexa branca ou negra.



Para tentar de entender as razóns profundas de Núñez Feijoo podemos botarlle unha ollada ó artigo de Xosé Manuel Beiras: "Glotofaxia á galega". Comeza o autor por explicar a orixe e sentido do termo, que describe plasticamente como "canibalismo lingüístico". Tamén se refire ás causas que o provocan e exemplifica con casos actuais que se dan en sociedades máis desenvolvidas cá nosa. Céntrase logo no proceso de normalización lingüística en Galicia, ó que acaba comparando cun baile de máscaras:


Arredor do idioma galego lévase xa demasiado tempo a praticar unha hipócrita e
tartufa ceremonia da confusión social e ideolóxica. Estáse a bailar o rigodón da
normalización lingüística, que todo o mundo asegura anceiar, mais que cáseque
ninguén di, nen sequer sabe, en qué consiste. Trasladada a ceremonia da confusión á instancia política institucional, convirtiuse nun interminábel baile de máscaras, sen a fermosa partitura musical da ópera de Verdi, mais cun enredo análogo no libreto, poisque tamén neste drama hai un crime -e a vítima é mesmamente o noso idioma na carne dos seus falantes.
O actual debate sigifica que algún dos danzantes quita a máscara e ensina o seu verdadeiro rostro: "Millor, xa que logo, que remate o baile de máscaras. Millor, daquela, que quen encarna a antítese no conflito da lingua retire a careta e así poidamos, os do común, recoñecer a sua auténtica visaxe: o rostro do colonizador. O glotófago - á galega".
(Imaxes de http://www.ppdegalicia.com/PPGaliciaGallego/Presidente/Alberto/ e de http://vello.vieiros.com/galicia97/beiras.html.)





Ningún comentario: