Anda estes días a prensa tola por mor da lingua, mellor dito, polo decreto que pretende regular o uso do idioma no ensino. O diario que aquí enlazamos faise hoxe eco dun bo abano de opinións ó respecto.
(Por certo, este xornal non lles vai resultar moi fiable porque se expresa en galego e xa se sabe que tal palabriña revólvelle o estómago a máis dun.)
Volvendo ó tema, atopamos unha noticia na portada:
Feijóo e o Consello Consultivo usan o galego para crisparSe cadra é unha acusación infundada, pero confeso que tampouco entendo moi ben certas posturas se as intento enfocar polo lado puramente lingüístico. Ó principio pensei que me regalaran a carreira, pero comprobo polo que leo na prensa que non son o único parvo da nazón de Breogán.
Os outros artigos ós que me refiro son:
a) "Neste estraño verán chamado inverno", de Manuel Vidal Villaverde, que fai un repaso pola (ás veces esperpéntica) actualidade cultural do país e remata:
Falando da liberdade de escoller idioma; contra a "Educación para a cidadanía"; ou "tan gallegocomo", e detrás AGLI, o PP español, e algún que outro socialista tamén español, aínda que exerza en Galicia. E como benzón urbi et orbi, a Conferencia Episcopal española, con Rouco Varela ou sen Rouco, que, xa non bebe viño tinto polas rúas de Compostela, como noutrora, nin fuma ducados. Co decurso dos anos, e con este mesmo barruzo do comezo desta Fai fume paseará en sombra polo anoitecido do Vilar, cecais de camiño ao Obradoiro, para lle chiscar un ollo ao Mestre Mateo, ao Pórtico da Gloria.
Chove maino no tedio desta mañá, co mirar atento dos xeranios, eses ollos.
b) "'Con senso' sobre a lingua", de Xosé Ramón López Boullón, reflexiona sobre a cuestión que nos ocupa e tamén conclúe:
Opoñerse ao novo decreto evidencia terlles zuna á normalización lingüística e ao galego que non son as súas prioridades, porque a normalización non responde a esa "preferencia" lingüística dos galegos, o castelán. Co cal, os galegos estariamos mellor se seguise vixente o Real decreto de 1926 de Primo de Rivera, continuación do Decreto de 1902, que prohibía o uso das linguas minoritarias na escola. E... volta ás andadas!
c) Isidro Novo en "Observando o idioma" repasa o proceso que nos levou a esta situación e incide no dereito inalienable que temos os galegofalantes no uso do idioma:
Pero o que tiñamos claro tódolos alí asistentes é que á nosa lingua, por selo, asístelle o dereito inalienábel a seguir sendo a emitida polas nosas voces galegas e nada nin ninguén conseguirá facernos renunciar a ela. Porque é a lingua de acó. Porque é o noso gran sinal de identidade. Así pois, tódolos que alí asistimos consideramos que había que tomar medidas dende xa en canto a facela o máis necesaria posíbel na nosa terra, en canto a poñela en valor, en canto a encarecela. Que sen ela no noso país todo sexa moito máis difícil. E tódolos representantes fixemos nosas as palabras de Francisco Fernández Rei, que asistía en nome do Instituto da Lingua Galega: A solución pasa por "ser amabelmente intransixente no cumprimento da lei".
d) Para rematar, creo que é Rosa Aneiros en "O conflito lingüístico" quen atina a describir cabalmente a actitude dos políticos que defenden a harmonía e a liberdade lingüística. Se cadra pretenden explicarnos que la libertad bien entendida consiste en que yo hablo la lengua que me da la gana y tú te callas si no quieres hablar como yo. E iso cun pouco de sorte. En tempos -Deus queira que non volvan- podías meterte nunha boa lea. ¡E logo!
Os alumnos do vindeiro curso xa tedes algún texto máis sobre os que facer algún comentario crítico que ilustre o tema de "Lingua e sociedade" ("Lengua y sociedad").
(Imaxe de http://fr.wikipedia.org/wiki/Varan.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario