Seguimos co conto de nunca acabar. E mesmo así é motivo de ledicia, ou debe selo. Porque o día que esta leria da lingua remate ou é que xa se normalizou -cousa de non crer hoxe por hoxe- ou que xa morreu de vez e non paga a pena falar dela. Salvo que ós políticos lles interese esta requitaterna e sigan coa súa versión da historia da piollosa.
Para os alumnos interesados na cuestión -e debiades interesarvos malia que xa cheire a podre- van unhas achas máis para o lume desta agre polémica.
Anxo Tarrío lémbranos o sentidiño que o padre Sarmiento recomendaba ós seus contemporáneos, sobre todo ós compañeiros do gremio. Tampouco non lle fixeron moito caso. E os que llo debían facer hoxe, se lles soa Sarmiento, coidarán que só era un frade calvo e gordo de tempos idos sen ilustración.
Pola súa banda, Marisol López lembra que, se de discriminación se fala, a lingua discriminada é o galego. Lémbrallo a unha xente que xa o sabía, pero fai coma que non. E mesmo llo lembra con respecto, aínda que se cadra non o merecen. (Tamén pon unha fe no decreto que ós que somos politicamente ateos non nos entusiasma máis do que xa o estabamos con outras medidas que pretendían o bilingüismo harmónico que tan ben se vendeu.)
O xornal La Voz de Galicia recórdanos que "este modelo lingüístico -impulsado polo Partido Popular en Baleares, a través dun decreto asinado en 1997 polo entón presidente Jaume Matas- foi utilizado como guía de cabeceira polo bipartito para que o PPdeG apoiase mimeticamente a nova normativa". Este xornal comenta tamén as características básicas doutros modelos bilingües que, dito sexa de pasada, tiveron máis éxito cós aplicados en Galicia (se é que aquí se aplicou realmente algún).
Un enfoque político da cuestión atopámolo no artigo de Navia Franco publicado en Xeración Web. Lamenta a autora "que sexa a nosa lingua (feble, desprotexida e tantos anos marxinada) o instrumento elixido para intentar gañar liderado a conta da personalidade do PP (antes de Galicia)".
Abonda por hoxe. Mañá seguramente teremos máis, porque neste asunto sempre hai alguén a facer o ganso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario