Na prensa de hoxe volvemos dar con dous artigos. Un deles parte da vivencia, outro da comenencia. Contrastade as lecturas e convencerédesvos.
O artigo de Leo F. Campos recolle de pasada o vello tema da educación na escolla da lingua segundo o interlocutor. Digo vello polo tempo que leva actuando, non porque o deixasen de padecer os máis novos: alumnos da ESO consideran a eito que contestarlle en galego a alguén que non che faga unha pregunta neste idioma é sinxelamente de mala educación. ¡Menos mal que son teoricamente multilingües! Ollo: a mala educación só lle afecta ó galego.
Non é que o artigo estea enfocado deste xeito. É a primeira frase a que me trouxo á cabeza o prexuízo inhibidor: "A boa educación sempre foi a mellor virtude dos criados". En síntese, o artigo "Tan gallego como tu madre" pasa revista ós magros logros do bilingüismo harmónico para demostrar que a pax lingüistica que se practica por estes lares vén sendo a paz dos cemiterios.
No outro bando atopamos a dona Esperanza Guisán queixándose do acoso lingüístico que sofre. O seu artigo é un terrible memorial de agravios: topónimos que asaltan las carreteras; La Coruña que perdió su L de libertad; unos aviesos normalizadores que nos harán colgar la bandera azul y blanca de nuestros balcones...
A vea sentimental obrígame a pórme do lado desta vítima. Doulle a razón na súa queixa contra eses catro gatos "radicales y aviesos". Porque aquí, neste país que triunfou en Europa cantando lalalá, nunca se obrigou a ninguén a ser escolarizado en lingua ningunha; e cadaquén casou e defuntou no idioma que lle petou; e ninguén andou uniformado -salvo militares e policías, cae de seu-; e as bandeiras non adornaban nin santos nin pecadores...
A única chata que lle atopo a este último artigo é no referente ós datos estatísticos. Non sei de onde os sacou. Pero polo demais...
Tampouco sobra pedirlle ós santos o que non achamos entre humanos. O da barba dourada pégalle a todo: catástrofes, diglosias... A estas alturas, debe de estar xurando en arameo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario