22.2.10

Lingua sen pelos

Estas cousas aquí non pasan. Deixo a ligazón do vídeo porque é un bonito exemplo do uso terapéutico da lingua. Está en estranxeiro, pero unha orella galega pode pillar algunha palabriña solta.
Que nos sirva de proveito.

21.2.10

Eric-Emmanuel Schmitt. O señor Ibrahim e as flores do Corán


Esta noveliña curta e intensa cóntanos a vida de dous seres solitarios que viven na rúa Azul, en París. Ambos os dous personaxes, que acaban sendo unlla e carne (legalmente pai e fillo) preséntanse ós ollos do lector separados por muros habitualmente insalvables: raza, idade, relixión... Mais os lazos afectivos que se establecen entre eles dous acaban por cambiar o rapaz ata convertelo no continuador da vida do vello:
Así que, agora son Momo, o que ten a tenda de ultramarinos da rúa Azul que non é azul.
Para todo o mundo son o árabe da esquina.
Árabe, que quere dicir:'tenda aberta das oita da mañá ata as doce da noite, domingos inclusive' (p. 61).
Remata a novela con estas palabras. Pero cando chega ó remate, o lector xa coñece que Momo tanto pode ser o hipocorístico de Moisés coma de Mohamed, e que a definición de árabe coa que se queda non é a racial. Na mesma liña podemos engadir outros detalles, nomeadamente o nome do señor Ibrahim, aceptable en máis dunha etnia ou relixión.
En poucas páxinas cóntansenos as vidas dunhas persoas marcadas que non se renderon ante a desgraza, senón que apostaron pola comprensión e por agarrarse á man tendida.

Sobre a obra:


Eric-Emmanuel Schmitt, O señor Ibrahim e as flores do Corán. Vigo, Faktoría K de libros, 2007. Tradución de Emma Lázare Rodríguez.
Imaxes: Consello da Cultura e Wikipedia.

18.2.10

Noticias de literatura-75

Sarah Waters

maniféstase orgullosa de ver a súa obra en galego. Refírese a Rolda nocturna (Galaxia), novela ambientada "no Londres de 1947". A escritora galesa gañou o VI Premio de Narrativa Europea Casino de Santiago con esta obra.
conversa con Manuel Vidal Villaverde sobre lingua e literatura.
Rematados os estudos universitarios, desempeñou diversos oficios e no 2004 emigrou a Canarias durante dous anos. Alí coñeceu de preto as condicións de vida terribles dos emigrantes chegados do chamado terceiro mundo. Na súa volta a Galicia publicou en 2008 o poemario Plan de Fuga en Estaleiro Editora, libro sometido a licencia creative commons. Logo da publicación duns poemas na Revista das Letras deste xornal, edítanlle as novelas Unha puta percorre Europa e Sidecar (Galicia Hoxe).

Román Raña
publica O incendio das palabras (Espiral Maior):
Román Raña viaxa á súa infancia e á sua adolescencia neste libro de incendios, luz cegadora e furor eterno. Gústalle estar nas alturas dos tellados, bailando coas mozas, el só ou cos amigos. As palabras precisas e luminosas do poeta conviven cos bosques tropicais de Australia, as rúas salgadas de Lisboa e o cheiro bíblico a churrasco. Se Román Raña tivese que definir o amor diría que "no amor aniña sempre a estrañeza" (Galicia Hoxe).
Marcelino Fernández Mallo presenta Klásicos:
Fernández Mallo aproveita a figura dun fillo de bo berce para retratar con ironía as miserias dunha clase social que, inda sendo minoritaria, é a máis visible e, seguramente, a máis envexada. A este príncipe destronado polo cansanzo dos seus ricos proxenitores ábreselle diante dos ollos un mundo totalmente descoñecido que non comprende e que o asusta: a vida real. Eses temores materialízanse da forma máis cruenta cando se ve involucrado nun homicidio (Xornal de Galicia, 3-2-10).
Áncora Producións representará a obra Colgados: "a compañía galega continúa a darlles a voz a "personaxes perdedores na sociedade opulenta e marxinadora" (Galicia Hoxe).
Pablo García Martínez,
gañador do Premio Biblos con Relato dun estalido xordo, fala con Manu López. Véxase tamén a entrevista de Pablo García con Ramón Vilar en Vieiros.
An Alfaya entrevistada no Galicia Hoxe (8-2-10).
Branca Novoneyra
publica Dentro do labirinto (Espiral Maior). Sinala Xosé Lois García que
Branca Novoneyra postula por unha poesía limpa, nun amplo espazo conceptual, mergullándose nunha dialéctica de contenda coas cousas que merecen definilas para utilizalas dentro de cada un do noso labirinto. Nese seu labirinto tan particular e nada estraño atopamos "unha fauna sobrenatural: arañas, moscas, cabalos, saltóns, zombis, peixes, desaparecidos. Tamén unha variada flora chea de palmeiras, acacias, rubideiras e capudres (Galicia Hoxe, 9-2-10).
PEN Clube de Galicia: VIII edición dos Premios Rosalía de Castro.


Palabras para un baleiro
Xavier Castro comenta no Galicia Hoxe(13-2-10) o poemario de Baldo Ramos (Espiral Maior): "Quen se
deixe levar polas secuencias dos poemas e arrastrar pola eufonía de cada liña poética atopará poesía-límite, pintura e música, tres artes expresivas, comunicativas e plásticas indisociables do poeta e do pintor. Será que a pintura forma parte desa poesía calada e silenciosa e que a lírica, como afirmaba Leonardo, é a pintura cega..", conclúe o comentarista.


Súper López vai falar galego.


Imaxes: Sarah Waters (foto Tamara de la Fuente / Xornal de Galicia), Alberto Lema (Galicia Hoxe), Súper López (Galiciaé).

14.2.10

Francisco Castro. Chamádeme Simbad


0. A través dos ollos dun neno de 10 anos vemos os problemas que o alzhéimer causa en quen o padece e mais na súa familia.
Entre o avó e o neno establécese unha complicidade e unha comprensión que escapa ós adultos da familia, se cadra porque a enfermidade do avó convérteos en compañeiros de xogos. Só nun momento de lucidez o vello chama o neto polo seu nome (Paulo); habitualmente son o Capitán e Simbad, nome do personaxe do relato que o mariñeiro lle contaba ó fillo, primeiro, e ó neto despois. O ancián irase recluíndo no mundo da súa nenez.

1. En Chamádeme Simbad atopamos un matrimonio novo cun fillo de dez anos e un vello con alzhéimer que os vai volvendo tolos co seu comportamento estraño e errático. O neno, que se leva moi ben co avó, non entende as cousas dos maiores. Tampouco non entende as frases feitas.
O rapaciño séntese esquecido do pai, home trasfegado polo traballo, que trae a oficina á casa, que vive colgado do móbil e anda sempre atodavelocidade. Cando a nai non está na casa, avó e neto xogan ós piratas sen moito respecto polo mobiliario.
Unha noite o avó marcha da casa durante o sono dos outros. A ausencia prolóngase máis dun mes, amárgalle a vida ós que quedan e entristécelle as festas. Pero tamén obriga ó pai a desempeñar o seu papel co neno: a idea de fracaso nesta función queda patente na lectura do conto de Simbad interrompida constantemente polo móbil.
Será o rapaz quen aclare a situación seguindo unha especie de xogo do achado do tesouro proposto polo propio avó: a carta, a mensaxe e a chave, a caixa agachada tras o libro favorito, as fotos e os papeis, a tarxeta co enderezo da taberna...
As cousas acláranse falando. As preguntas acaban por ter resposta acaída. Algunhas actitudes cambian. O reencontro familiar alegra tamén o lector. Non se pode dicir que sexan felices e que van comer perdices, porque o do avó non ten cura, pero co agarimo familiar e un centro de día vaise paliando a situación.
O que si parece que tivo cura foi o alzhéimer voluntario: o de esquecer o que non interesa, aínda que se trate de persoas achegadas.

2. Sobre a obra:
Cuestionario para o club de lectura.

Francisco Castro, Chamádeme Simbad. Vigo, Galaxia, 2009. Ilustracións Manel Cráneo.
Imaxes: Editorial Galaxia e Manel Cráneo.

5.2.10

Morreu Boa Sr, a derradeira indíxena que falaba Bo

Leo a noticia* no xornal Corriere della Sera (4-2-10): "Morta a derradeira indíxena que falaba  Bo, lingua duns sesenta mil anos". No subtítulo: "Cando os ingleses colonizaron o arquipélago, en 1858, eran polo menos 5.000 persoas. Agora quedan 52".
Vivía nas illas Andamán. 
 Do artigo do xornal italiano entresacamos as declaracións do profesor Anvita Abbi: A señora "Boa Sr sentíase moi soa porque xa non tiña a ninguén con quen conversar". O lingüista tamén salienta o seu sentido do humor e a súa risa contaxiosa.
O artigo cóntanos o proceso de colonización: a meirande parte da poboación morreu porque a mataron os colonizadores ou as enfermidades que viñan canda eles. Os indíxenas que non foron "pacificados" pola brava gozaron dun proceso de "civilización" recluídos na famosa "Casa dos Andamáns": ningún dos nenos nacidos alí superou os dous anos de idade.
A asociación Survival International dá algúns datos máis sobre a situación dos sobreviventes: necesidades, fame, alcoholismo, andazo...
Non é un aviso triste, porque isto xa o sabiamos. Cando morre unha lingua estamos perante o derradeiro elo dunha cadea de mortes.
Os que gobernan tamén o saben. 
_______________________________
*A noticia asínaa Stefano Rodi, en Milán.
Tamén a atopamos en La Voz de Galicia (5-2-10). Na edición en papel está na páxina esquerda abaixo; na seguinte, á dereita e arriba, vemos a foto dunha nova Barbie, única, en homenaxe á princesa sueca (p. 31: Sociedad). Non sei como era de nova a señora Boa Sr, pero meréceme máis atención cá boneca. Que a terra lle sexa leve.
Imaxes: Corriere della Sera e Progetto di aiuto...

27.1.10

Noticias de literatura-74

Albert Camus
Cúmprense cincuenta anos da morte do escritor existencialista francés:

Influenciado pola filosofía de Kierkegaard e de Nietzsche, denominador común dos existencialistas, Camus afirmaba que a existencia é insignificante en si mesma e prefería considerarse un "absurdista". Entendía que a verdade e a moral son propias de cada individuo e que non se axustan a modelos universais e absolutos (Galicia Hoxe, 2-1-10).
Xavier Queipo
fala no Xornal de Galicia da súa escrita e mais dos escritores do réxime.
Xavier Queipo
fala con César Lorenzo Gil n'A Nosa Terra por mor da presentación de Felices e diferentes (Laiovento), "conxunto de reflexións dun galego veciño de Bruxelas". Na entrevista dise do libro que é literario, cultural, musical... e sempre político.

Oliver Escobar
publica Galician rhapsody, blues escocés: "50 poemas escritos inglés e galego".

Estreas do ano narrativo 2010.

O Códice Calixtino en galego:
Ignacio Santos recordou que o manuscrito “agocha unha clave interpretativa máis ampla, un auténtico xerme identitario”, pois “se a esencia de Galicia puidese ter unha orixe única ou quedar condensada nun obxecto cultural por excelencia, o Códice Calixtino que hoxe presentamos por vez primeira traducido ó galego, sería sen dúbida un firme candidato”.
“No Códice atópanse descritas as poboacións polas que discorría o Camiño Xacobeo, a nosa terra, as orixes históricas, espirituais, culturais do noso país e a cidade de Santiago. Do texto, en fin, xorde a idea dunha Galicia orgullosa da súa simbólica centralidade, dunha Galicia fondada nun europeísmo aberto, tolerante e enriquecedor”, engadiu o titular da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo (Xornal de Galicia, 11-1-10).

Orham Pamuk
en galego: Galaxia publica Neve, novela coa que o premio Nobel de Literatura pretende entender o islamismo.

Diego Ameixeiras
fala con Xan Carballa sobre Dime algo sucio (Xerais).


Imaxes: Xavier Queipo (Xornal de Galicia; foto Tamara de la Fuente); Diego Ameixeiras (A Nosa Terra; foto Jessica Barcala).

9.1.10

Avilés de Taramancos. A frauta i-o garamelo



Noiva. Lixeireza de vento,
de caravel tecendo abrentes mozos.


Rula que rula e rula no carballo
esquecido en congostras, namorado de ermo.

Mansío enfeitizado polo bosco,
folgo de terra virxe,
nai das terras marelas do misterio.


Poema de ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS, A frauta i-o garamelo, Concello de Noia, febreiro de 2009. Edición conmemorativa do cincuentenario. Prólogo de Xavier Castro Rodríguez. Ilustracións de Baldo Ramos.

30.12.09

Noticias de literatura-73


Mentres comeza a cheirar ó chamusco a publicación das "Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia"...


Marcos S. Calveiro

conversa con Manuel Villar Villaverde: "O mito de que Galicia é unha cultura subvencionada está aínda aí, coma o dinosauro de Monterroso". Marcos Calveiro acaba de gañar o Premio Lazarillo 2009.

Xabier Rodríguez Baixeras
gaña o Caixanova de Poesía con Deserto diamantino. Segundo Galicia Hoxe (18-12-09):


Dividido en cinco partes -a terra nova brasileira, a lingua, o amor, a vellez e a morte-, o novo poemario de Baixeras, como el mesmo recoñece, naceu dunha vontade inéquivoca: "Quixen escribir un libro da miña idade".

B. R. Sotelino fai unha achega á figura e á obra de Xavier Baixeras en La Voz de Galicia (18-12-09).


Paul Auster
Galaxia publica Invisible: Auster "introduce o seu protagonista, un estudante universitario con vocación de poeta, nun perverso triángulo amoroso que o vai involucrar nun acto violento que alterará o curso da súa vida" (Galicia Hoxe, 19-12-09).
Na entrega do Premio Leteo, Paul Auster manifesta:

Sobre este asunto, Paul Auster explicou que está máis cómodo contando así [con múltiples narradores] as historias, porque obtén un resultado máis plural, e recoñeceu que antes usaba unicamente un só narrador porque “igual non estaba preparado” para o maior esforzo literario que supón centrarse en voces múltiples (Xornal de Galicia, 29-12-09).


Carlos Mella
fala con Alberto Ramos no Xornal de Galicia sobre Memorias dun ninguén, autobiografía na que vai debullando, con ironía, a vida que lle tocou vivir:

En canto á ironía, penso que todos deberiamos usala de forma cotiá. É un xeito de ver as cousas dende lonxe. Se a ironía non é ferinte, non cae no sarcasmo, é un simple xeito de ver a vida, máis suave, máis certeiro. O contrario da ironía son cousas como o dogma, o imperativo ou a seguridade. Un pouco de ironía é preguizar para non arrebatarse nas cousas e nos feitos. É contemplar a vida dende unha determinada postura.


Juan Tallón
gaña o Modesto Figueiredo co relato Era el. Aposta pola "identidade e cultura":

Esta cita coa literatura contemporánea en galego pretende converterse nun trampolín para os escritores que utilizan a lingua propia ao tempo que se loita "contra estes novos séculos escuros", segundo as verbas da mantedora do acto de onte, Iria Torreiro Rodríguez (Galicia Hoxe, 27-12-09).


Chus Pato
autora de Secesión (Galaxia), elixido pola Revista das Letras como o mellor de 2009:


O libro de Chus Pato, publicado por Galaxia, naceu como un proxecto de memorias que a escritora converteu -segundo as súas palabras- "nun autorretrato". Trátase, porén, non dun atorretato seu "senón da miña escrita" (Galicia Hoxe, 23-12-09).


Manuel Forcadela
publica Sete leccións de poesía (Espiral Maior):

"O poema galego (...) foi deixando as marcas dunha sociedade en crise, dunha sociedade incapacitada para decidir o seu destino, mesmo para asegurar a súa supervivencia, en loita por ser centro e non periferia, escenario e non sombra, aproveitando da súa lucidez ou puro gozo da súa alucinación, á procura, entre Apolo e Dionisos, da súa propia dignidade" (Galicia Hoxe, 24-12-09).


Manuel Lourenzo e Rubén Ruibal
falan de teatro. E Xosé Monteagudo conversa con Manuel Vidal Villaverde sobre lingua e literatura:

[Un tipo listo] É a miña novela máis madura, temática e estilisticamente. Unha novela sempre debe incorporar a visión autorial sobre a realidade que describe. Pero un autor non debe esquecer que o concepto "novela" implica necesariamente un xogo co lector e a eficacia dese xogo depende de certas regras que convén non obviar. Penso que unha novela pode ser profunda, reflexiva e dicirlle moitas cousas ao lector sobre a realidade que describe sen necesidade de perder por iso a parte de entretemento que é consubstancial ao xénero. As novelas que máis pegada me deixaron foron xustamente esas nas que se produce unha perfecta simbiose entre os dous polos que acabo de mencionar (Galicia Hoxe, 28-12-09).


Ramón Cabanillas
péchase o ano dedicado ó poeta cambadés coa presentación de Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas:

Ramón Cabanillas foi construíndo unha lingua galega supradialectal e elegante á que lle deu "estado de eternidade", coma ninguén antes ca el lle dera; unha lingua onde está moi presente a morfoloxía e un bo quiñón léxico que recolleu da xente labrega e mariñeira do rumoroso val do Salnés e do seu tan amado Cambados natal (Galicia Hoxe, 29-12-09).

Galaxia publica a correspondencia entre Ramón Piñeiro e Franco Grande:

Cando o futuro comezaba (Galaxia, 2009) é o titulo que agrupa as cartas cruzadas entre Ramón Piñeiro e Xosé Luis Franco Grande ao longo de trinta e cinco anos de amizade. Pero é, sobre todo, a intrahistoria incidental dunha xeración, aquela que o propio Franco Grande retratou no seu libro-espello, Os Anos Escuros, e que, coma un rosario de nomes propios e títulos literarios, emerxe no papel desta conversa por etapas, que se iniciou en 1955 e que rematou co pasamento de Piñeiro en 1990 (Galicia Hoxe, 29-12-09).


Balances dun ano de libros:
 Imaxes de Marcos S. Calveiro (Galicia Hoxe), Xavier Rodríguez Baixeras (La Voz de Galicia), Chus Pato (Galicia Hoxe), Manuel Lourenzo / Rubén Ruibal (La Voz de Galicia)
 

29.12.09

Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos

De interese especial para os bachareis


Na Casa Galega da Cultura atoparase a exposición 
RAMÓN CABANILLAS. A ROSEIRA DOS RECORDOS
Rematará a exposición o 31 de xaneiro de 2010. Está comisariada por Luís Rei, autor da biografía máis recente e ampla sobre a figura do poeta de Fefiñáns. Compóñena dez paneis e un audiovisual duns 16 minutos de duración. 
Sobre a exposición propoñemos esta miniquest.
Non vos animo especialmente a acometer o traballo (coñezo a raza), pero convídovos encarecidamente a visitar a exposición. Non vos ocupará máis dunha hora e resultaravos de proveito.
Aburiño.

25.12.09

Andrea Camilleri. A pista de area


0. O comisario Montalbano atopa de mañanciña un cabalo salvaxemente sacrificado na praia que hai diante da súa casa. Avisa para que o retiren, pero a prea desaparece misteriosamente. Máis tarde recibe na comisaría a visita da señora Esterman para denunciar a desaparición do seu purosangue, que gardaba nas cortes dun seu amigo dedicado á cría de cabalos. A señora Esterman estaba en Sicilia para participar nunha carreira hípica e aloxábase na casa dunha vella amiga do comisario.
As primeiras pescudas fannos saber que son dous os cabalos roubados. Na casa do comisario tamén entran ladróns que lle levaron o Rolex herdado de seu pai.
As investigacións van por varias vías: apostas, carreiras clandestinas, vinganza contra o criador de cabalos e mesmo a ameaza ó comisario por parte dun mafioso que ía ser xulgado.
Montalbano coida que a intrusión na súa casa é un intento de intimidación para que o seu testemuño non prexudique o mafioso. Sabe que a amante do delincuente, coaccionada polas ameazas, testemuñará ó seu favor. O comisario monta unha trapela para pillar os que asaltaran a súa casa. Uns descoñecidos chegan e tentan meterlle lume. Vense soprendidos e foxen, pero un deles resulta ferido. A mañá seguinte atopan nun descampado o cadáver dun home en calzóns cun tiro nas costas. A policía científica identifícao como un pobre sicario dos mafiosos e que o tiro que lle meteran nas costas proviña dunha pistola da policía. Montalbano decátase de que o morto participara no asalto á súa casa e que os seus "amigos" procuraron desfacerse do cadáver.
A solución do caso chégalle cando menos a esperaba. Da lavandería devólvenlle unha ferradura que atoparan no peto dos pantalóns. O comisario recolléraa de onda o cabalo morto na praia. Era isto o que procuraban os que lle revolveran a casa. As marcas das ferraduras permitían identificar o dono do animal. Tratábase, a fin de contas, dun intento do criador de cabalos para enganar os organizadores de carreiras clandestinas sacrificando un animal enfermo para facerlles crer que era o que eles lle esixían.


1. Malia a temática e o ambiente desenvoltos na novela, abóndanlle escenas cheas de humor e mesmo lances amorosos non buscados polo comisario, que semella entenderse mellor coas amigas ca coa súa noiva de sempre.
Nesta entrega -duodécima da serie- atopamos un comisario xa cincuentón que vai precisando anteollos para a presbicia.

2. A pista de area é para Uberto Martinelli unha obra mestra: "Entre cabalos, cadáveres, carreiras clandestinas da mafia e carreiras de beneficencia organizadas pola nobreza local, Camilleri leva o lector a mirar dentro dun espello, coa convicción de poder albiscar a verdade, do mesmo xeito que se reflicte a imaxe nun espello, onde a dereita se torna esquerda e viceversa, non é aquilo que parece".

3. Sobre o autor:

  1. Biografía na Wikipedia.

4. Recensións desta novela:


  1. Wikipedia: trama da novela.
  2. Unilibro: breve descrición.
  3. Sellerio editore.
  4. Salvatore Silvano Nigro fala dos contidos.
  5. Club de fans de Camilleri comenta aspectos da novela.
  6. Francesco Erspamer comenta a novela en Harvard Diary.
  7. Marilia Picone, en Stradanove.
  8. MilanoNera.
  9. Lettura finita. Quaderno di un bibliotecario.
  10. Il sottoscritto.
  11. Libri e film.
  12. Quotidiano Net. Artigo de Uberto Martinelli.

5. Sobre a película:


  1. Blogapuntate. Resumo.



Andrea Camilleri, A pista de area. Vigo, Galaxia, 2007. Tradución de Carlos Acevedo.

22.12.09

Non vexo... ni quiero ver

No Xornal de Galicia (22-12-09) atopamos esta noticia referida a un sindicato e mais a un alto cargo da Xunta (Junta). Disque o alto cargo non dá visto en que mellora a orde de Actividades Formativas no estranxeiro a inclusión do requisito de coñecer o galego.
Supomos que o alto cargo non ten dúbidas ó respecto. Se as tiver, podería consultarllas ós sociolingüistas de GB. Estamos seguros que lle darían razón botando man de sisudas pescudas amplamente referendadas por estudosos das máis afastadas partes do mundo.

Por estes lares atopámonos xentes máis pedestres, de escasos estudos. Mais así e todo, ousamos suxerirlle que, segundo os entendidos, un bilingüe harmónico ou cordial, se deprende algo nunha das súas linguas (poñamos por caso matemáticas) pode transmitir eses coñecementos na outra lingua. Daquela, se se tratase de promocionar un idioma coma o galego -Deus non permita semellante tolemia-, ¿tería algún sentido que os participantes en actividades formativas coñecesen tal lingua? Por exemplo: imaxinemos que a Xunta (que ten como idioma oficial o galego, pobriña) envía a Berlín a algún dos seus funcionarios a estudar a mecánica da locomotora WagenStruppen para o tren de alta velocidade; é moi posible que reciba a formación en alemán. Agora ben, cando o formando retorne a Compostela, coa cabeciña ben amoblada e cheíño de ilusión para traballar na altísima velocidade galega, ¿vai redactar o proxecto tamén en alemán? 
Segundo os entendidos, o proceso adoita ser así: apréndese noutras linguas, asimílase e aprovéitase na propia. (Menos en Galicia, que é un sitio distinto.)
No mesmo Xornal de Galicia, na contraportada, comenta Cris Moss a exquisitez lingüística doutros altos cargos da Xunta. Polo Fórum Europa Tribuna Galicia pasaron cargos institucionais doutras comunidades que luciron os seus nomes no idioma de cadaquén. Entre os galegos estiveron la Consejera de Trabajo y Bienestar e mais el Consejero de Medio Rural.
Teñen razón en traducir os cargos a un idioma de máis empaque. En galego serían menos dignos; soarían a carguiño esfameado. Cómpre facerse membro dunha comunidade grande; hai que pensar que somos ciudadanos del mundo.
-¿Y luego de qué parte del mundo venís siendo?
-Pues, ¿de qué parte le vamos a ser? De la del z...rullo. Pero eso si, le somos de la GZ...rullo Calidade.
No fondo, pódenos o complexo de inferioridade.

Imaxe de chiringuitoenparis.

13.12.09

Noticias de literatura-72

Ánxela Gracián publica Pinga de choiva (Xerais). Fala da súa obra, de lingua e de filosofía con Lupe Gómez:
Sempre lin moito. Cando tiña dez anos xa lera toda a biblioteca do colexio. Teríame gustado estudar Cine ou profesións máis artísticas. Filoloxía era unha carreira que estaba ao meu alcance xeográfico e eu tiña amigos que escribían, cos que compartía lecturas e poemas. Quería traballar coas palabras, con esa reflexión filosófica que hai detrás da lingua (Galicia Hoxe, 22-11-09).

Eduardo Estévez e mais Eli Ríos desenvolven un xogo de seducción en Rúa da cancela:
"A idea xa foi, desde o principio, escribir o libro entre os dous, Eli e mais eu. Os meus textos están escritos en primeira persoa, e os de Eli en terceira, desde a perspectiva do seu personaxe. Os meus están en verso, e os dela en prosa. É unha historia que sucede nunha noite, contada dun modo narrativo, de xeito pausado, demorado", explicou Eduardo Estévez (Galicia Hoxe, 25-11-09). Véxase tamén Galicia Hoxe, 22-11-09.

Xoán Babarro gaña o Premio Arume de Poesía:
O xurado quixo destacar que se trata dunha "poesía fresca e orixinal, moi relacionada coa natureza e co medio xeográfico. É unha poesía do galego estremeiro, e dende o punto de vista léxico utiliza dialectalismos do galego oriental. A métrica e as estrofas son moi variadas, e xoga coas onomatopeas e cos recursos gráficos para facer os poemas máis atractivos par nenos e nenas (Galicia Hoxe).
Manuel Darriba fala con Lupe Gómez sobre a novela Branco e outros temas da vida e da literatura.
Manuel Rivas presenta en México o seu poemario A desaparición da neve:
Asegurou que a viaxe lle resultou doada porque a emigración galega construíu unha ponte con México, xa que é unha das máis numerosas no país americano.
O autor, que sentía de antemán gran curiosidade por coñecer o certame literario, explicou que “antes de que McLuhan escribise aquilo da aldea global, xa o inventaron os galegos, esa especie de internet da alma que é a diáspora; Galicia é unha especie de país portátil” (El País, 4-12-09).
Marcos Calveiro, premio Lazarillo 2009 por O pintor do sombreiro de malvas. Segundo recolle o Galicia Hoxe (5-12-09):
A historia que relata Calveiro, segundo el mesmo comentaba no seu blog, "acontece na pequena vila francesa de Auvers, na ribeira do río Oise, durante sesenta e nove días do verán do ano de 1890 e está protagonizada polo rapaz do lenzo que acompaña ao pintor do sombreiro de malvas...".
Marcos Sánchez Calveiro declara a Xornal de Galicia:
“Éncheme de orgullo poder gañar un premio en Madrid cunha novela escrita en galego, ese idioma que algúns din que non serve para nada, competindo en igualdade de condicións con textos en castelán, catalán e éuscaro”.
No Galicia Hoxe atopamos unha ampla reportaxe de V. Oliveira sobre Marcos S. Calveiro e a súa obra.

Manuel Lourenzo publica Medea dos fuxidos e outras pezas:
Un conxunto de pequenas pezas teatrais que acaba de publicar o dramaturgo e académico Manuel Lourenzo. O obxectivo do volume, segundo subliña o propia autor, é duplo: permitir o goce como lectores pero tamén ofrecer textos de fácil montaxe para afeccionados, escolares ou adultos (Galicia Hoxe, 5-12-09).
Manuel Pérez Rúa premiado co Ramón Piñeiro de ensaio por Retrato da xeración de 1950:
O autor (...) falou do libro como “unha maneira de entender o cambio social” que se produciu nas últimas décadas no que se fai unha comparativa xeracional a través de trinta entrevistas. Neste sentido, o premiado considerou a obra “un álbum ilustrado con voces”, unha forma de “ilustrar o cambio dándolle voz aos participantes” (Xornal de Galicia, 10-12-09).
Miguel González Garcés, vixésimo cabodano. Lembranza do poeta en artigos de Plácido Lizancos, "Non omnis moriar", e Miguel Anxo Fernán Vello, "Lembranza de Miguel González Garcés".
Diego Ameixeiras fala en El País sobre Dime algo sucio:
En Dime algo sucio hai algúns personaxes tremendamente insatisfeitos, tamén no plano sexual. Pero o que lles pasa é que non soportan a vida. Por iso buscan que alguén dende fóra lles veña solucionar o seu desacougo, ben a través da sexualidade entendida como posesión, ou ben a través desa alquimia que os faga sentir desexados polo outro, únicos e reverenciados. Esa xente é tremendamente infecciosa.
Acto de entrega do Premio García Barros de novela a Xosé Monteagudo. A obra gañadora titúlase Un tipo listo. Entrevista con Xosé Monteagudo en La Voz.
Manuel Rivas presenta Episodios galegos. Tempos de esperpento:
"Pasouse dunha fase na que "facer país" era a máxima tanto dun conservador como de calquera membro da esquerda, ao seu reverso, á deconstrución nacional. Pero non só nos seus símbolos como lingua ou cultura senón tamén na materialidade das cousas: cada día temos un recurso menos" (Galicia Hoxe, 1-12-09).

Rivas na RAG:
“Se hoxe falamos dunha cultura viva, dun país portátil , dunha arca en movemento, é porque se mantivo unha cadea de resistencia ecolóxica coas palabras, unha ecoloxía cun dobre sentido, porque na medida en que coidamos do sentido, da alma, das palabras, as palabras coidaron de nós” (Xornal de Galicia, 13-12-09).

El País recolle deste xeito o ingreso de Manuel Rivas na RAG; a noticia en La Voz de Galicia.
Galiciaé destaca no discurso de Manuel Rivas o compromiso coa defensa do idioma e o patrimonio cultural. A Nosa Terra salienta a asfixia da lingua; Vieiros destaca as palabras "memoria, ecoloxía e lingua"; Galicia Hoxe: Manuel Rivas ingresa na RAG para "defender e espallar o idioma, o patrimonio e as expresións culturais de Galicia" e pídelles ás novas xeracións seren "custodias das palabras".

Imaxes: Galicia Hoxe (Ánxela Gracián); Xornal de Galicia (Rivas); Xornal de Galicia
(Marcos S. Calveiro)

11.12.09

Yashmina Shawki. Contos ao carón da lareira

Publica Yashmina Shawki neste volume dous contos precedidos dunha brevísima introdución que lles serve de marco. Estamos nas vésperas de Nadal. O avó alecciona e consola o neto frustrado por non gañar un premio. O vello, á calor da lareira e co recendo do caldo que prepara a avoa no ambiente, tenta aclararlle ó neto que hai cousas máis importantes na vida.
O escenario é vello, e hoxe case que se pode dar por desaparecido. Así e todo, a mensaxe do avó é intemporal: "Hai que ter soños e loitar para que se fagan realidade". Como exemplificación bota man de dous contos:
1. "O xílgaro" dá voz ó trasno dos desexos ocultos de Mercedes, unha sacrificada muller de aldea sempre pendente de todo e de todos menos de si mesma.
Mercedes coida do marido, un bo home algo tosco que non pode vivir sen ela. Mercedes coida a casa e a horta. Mercedes é diabética, e ultimamente non se atopa moi ben. Os médicos non saben como darlle a noticia: está preñada e na súa situación...
Mercedes decide seguir adiante co embarazo e o marido acompáñaa na súa decisión; saben que lle están a dicir adeus á tranquilidade. Así e todo, rechouchía "un xílgaro na póla do carballo que daba á ventá do cuarto. Había anos que ningún paxaro se achegara polo hospital".
2. "O berce" conta a ilusión do vello Antonio. Xubilado había ben anos, con netos casados e un bisneto en camiño, o vello xa non lle facía falla a ninguén. O anuncio do bisneto créalle unha nova ilusión. O vello comeza a facer un berce para o meniño coas súas propias mans. Quere desmostrarlles ós seus que, aínda que non dependan del, significan todo na súa vida. Quería que o agasallo fose unha sorpresa e, para manter o traballo en segredo, comportábase dunha forma estraña que os máis achegados interpretaban como mostras de senilidade. Mais "o berce dixera o milagre. O osco, teimudo e mal encarado vello, incapaz de amosar a súa tenrura fixera o que nunca puido facer antes, abrir o seu corazón".

Deixando á marxe a (in)corrección política da escena marco (a avoa cociña, o home vai recoller o neto á escola, un cálido ambiente familiar, a proximidade do Nadal...) queremos reparar nun par de aspectos educativos:
a) A competitividade e o éxito recoñecido non deben ser as guías do noso labor.
b) Somos un elo na cadea de xente que pasa polo mundo. O esforzo ten sentido cando se proxecta para deixarlles un mundo mellor ós que nos han suceder.
Velaí están, cremos, os temas fundamentais que Yashmina Shawki ganduxa en Contos ao carón da lareira.


Yashmina Shawki, Contos ao carón da lareira. Vigo, Nova Galicia Edicións, 2007.

21.11.09

Noticias de literatura-71

Ramón Nieto, premio Pérez Parallé de poesía 2009 por A estación única dunha illa.
Antonio García Teijeiro fala de poesía con Lupe Gómez:
"Penso que a poesía non se ensina. Ponse preto do lector, leslle, deixas que caia, dise en voz alta. Non se trata de convencer a ninguén, senón de incitalo a que se achegue ata os versos. Cunha actitude natural e positiva filtras a súa esencia e eles bébena por imitación, curiosidade e, co tempo, pola intensidade emocional que leva consigo" (Galicia Hoxe, 13-11-09).
Manuel Darriba fala de Branco (Galaxia):
Esta novela está protagonizada por "dos hombres que formaban parte de una brigada militar, que detienen e interrogan con brutalidad a una mujer; años más tarde se reencuentran. Uno de ellos persigue a otro, que tiene pareja. El narrador es el perseguidor" (El Progreso).
Xosé Fernández Ferreiro fala de lingua e literatura con Alberto Ramos no Xornal de Galicia (14-11-09):
Tentei facer unha literatura máis sinxela, como a que atopamos en A morte de Frank González. Eu sempre busquei facer algo máis accesible porque non podemos escribir sempre como Faulkner. A xente agora está máis preparada, pero antes non era así. Facíase unha literatura excesivamente complicada. Parecía que cada un quería facer o seu Ulises particular. Para chegar á xente había que facer unha literatura máis accesible. Lese pouco agora e sempre se leu pouco, pero a literatura de aventuras chega máis á xente. Ese foi sempre o meu camiño. Ao final podémonos preguntar: “quen leu o Ulises”? E a maioría da xente que fala do Ulises non tocou ese libro na vida.
Galicia Hoxe destaca o escritor Xosé Fernández Ferreiro como "rompedor de clixés".
Uxío Novoneyra homenaxeado en Culleredo:
Baixo o título A voz fundamental de Uxío Novoneyra na Galicia contemporánea, o seminario reunirá a distintos persoeiros da cultura galega para dar a coñecer a figura do poeta. Analizarase a traxectoria humana do autor, a influenza do Courel na súa obra, o seu papel na Asociación de Escritores en Lingua Galega, a súa visión política e a súa faceta artística (A Nosa Terra, 16-11-09).
Yolanda Castaño, premio Ollo Crítico de Poesía pola obra Profundidade de campo:
Eu quería facer unha alusión a unha problemática moi real neste tempo das persoas e mais das mulleres que é ou constante xuízo que se fai a seu aspecto, a imaxe da muller como campo de abono para todo tipo de prexuízos, estereotipos e tópicos (La Voz de Galicia, 21-11-09).


Fotografías: El Progreso (Manuel Darriba); Xornal de Galicia (Fernández Ferreiro).