Leo a noticia* no xornal Corriere della Sera (4-2-10): "Morta a derradeira indíxena que falaba Bo, lingua duns sesenta mil anos". No subtítulo: "Cando os ingleses colonizaron o arquipélago, en 1858, eran polo menos 5.000 persoas. Agora quedan 52".
Vivía nas illas Andamán. Do artigo do xornal italiano entresacamos as declaracións do profesor Anvita Abbi: A señora "Boa Sr sentíase moi soa porque xa non tiña a ninguén con quen conversar". O lingüista tamén salienta o seu sentido do humor e a súa risa contaxiosa.
O artigo cóntanos o proceso de colonización: a meirande parte da poboación morreu porque a mataron os colonizadores ou as enfermidades que viñan canda eles. Os indíxenas que non foron "pacificados" pola brava gozaron dun proceso de "civilización" recluídos na famosa "Casa dos Andamáns": ningún dos nenos nacidos alí superou os dous anos de idade.
A asociación Survival International dá algúns datos máis sobre a situación dos sobreviventes: necesidades, fame, alcoholismo, andazo...
Non é un aviso triste, porque isto xa o sabiamos. Cando morre unha lingua estamos perante o derradeiro elo dunha cadea de mortes.
Os que gobernan tamén o saben.
_______________________________
*A noticia asínaa Stefano Rodi, en Milán.
Tamén a atopamos en La Voz de Galicia (5-2-10). Na edición en papel está na páxina esquerda abaixo; na seguinte, á dereita e arriba, vemos a foto dunha nova Barbie, única, en homenaxe á princesa sueca (p. 31: Sociedad). Non sei como era de nova a señora Boa Sr, pero meréceme máis atención cá boneca. Que a terra lle sexa leve.
Imaxes: Corriere della Sera e Progetto di aiuto...
Ningún comentario:
Publicar un comentario