14.2.10

Francisco Castro. Chamádeme Simbad


0. A través dos ollos dun neno de 10 anos vemos os problemas que o alzhéimer causa en quen o padece e mais na súa familia.
Entre o avó e o neno establécese unha complicidade e unha comprensión que escapa ós adultos da familia, se cadra porque a enfermidade do avó convérteos en compañeiros de xogos. Só nun momento de lucidez o vello chama o neto polo seu nome (Paulo); habitualmente son o Capitán e Simbad, nome do personaxe do relato que o mariñeiro lle contaba ó fillo, primeiro, e ó neto despois. O ancián irase recluíndo no mundo da súa nenez.

1. En Chamádeme Simbad atopamos un matrimonio novo cun fillo de dez anos e un vello con alzhéimer que os vai volvendo tolos co seu comportamento estraño e errático. O neno, que se leva moi ben co avó, non entende as cousas dos maiores. Tampouco non entende as frases feitas.
O rapaciño séntese esquecido do pai, home trasfegado polo traballo, que trae a oficina á casa, que vive colgado do móbil e anda sempre atodavelocidade. Cando a nai non está na casa, avó e neto xogan ós piratas sen moito respecto polo mobiliario.
Unha noite o avó marcha da casa durante o sono dos outros. A ausencia prolóngase máis dun mes, amárgalle a vida ós que quedan e entristécelle as festas. Pero tamén obriga ó pai a desempeñar o seu papel co neno: a idea de fracaso nesta función queda patente na lectura do conto de Simbad interrompida constantemente polo móbil.
Será o rapaz quen aclare a situación seguindo unha especie de xogo do achado do tesouro proposto polo propio avó: a carta, a mensaxe e a chave, a caixa agachada tras o libro favorito, as fotos e os papeis, a tarxeta co enderezo da taberna...
As cousas acláranse falando. As preguntas acaban por ter resposta acaída. Algunhas actitudes cambian. O reencontro familiar alegra tamén o lector. Non se pode dicir que sexan felices e que van comer perdices, porque o do avó non ten cura, pero co agarimo familiar e un centro de día vaise paliando a situación.
O que si parece que tivo cura foi o alzhéimer voluntario: o de esquecer o que non interesa, aínda que se trate de persoas achegadas.

2. Sobre a obra:
Cuestionario para o club de lectura.

Francisco Castro, Chamádeme Simbad. Vigo, Galaxia, 2009. Ilustracións Manel Cráneo.
Imaxes: Editorial Galaxia e Manel Cráneo.

Ningún comentario: