31.7.09

Noticias de literatura-63

Pablo García Martínez gaña o premio Biblos co proxecto de novela Relato dun estalido xordo:
O autor contextualiza a acción dentro da cultura pop, e a trama principal usa como fío condutor unha noite de troula. "Na miña época, a mocidade eramos uns fanáticos da noite e a noite, como sabemos, é afumada e velada. Moitas veces, detrás desas exaltacións que alimentan os estados de embriaguez escóndense as nosas inseguridades, lagoas e penurias. É un espazo no que nos podemos mostrar máis abertos, espidos para falar coa roupa posta. Na novela digo algo así como "un entroido no que todos levamos máscaras coloreadas polo alcol" (lemos no Galicia Hoxe, 12-7-09).
Suso de Toro. Entrevista no Galicia Hoxe.
Heidi Kühn-Bode na feira do libro de Vigo. Entrevista no Xornal de Galicia.
José Monteagudo Folgar gaña o García Barros coa novela titulada Un tipo listo:
Unha peza de calidade e moi cohesionada, cun ritmo de lectura rápido e sen caídas, e con personaxes de gran autenticidade. A obra ten trazas de crónica familiar e social, ao tempo que propón unha reflexión de alcance ético. Trátase dunha novela para un público lector moi amplo (lemos en Vieiros).
No Galicia Hoxe publica V. Oliveira unha entrevista co autor premiado.
Valentín Alvite Gándara, premio Avilés de Taramancos por O Hotel.
Carlos González Reigosa fala da súa nova novela, premiada co Torrente Ballester. A vida do outro relata o período da Transición. O artigo de Iago Martínez (Xornal de Galicia) recorda a traxectoria literaria do escritor lucense. El Progreso recolle as distintas opinións que no acto da presentación se verteron sobre a novela e a época novelada.
Cesáreo Sánchez publica O paraíso das sombras. Entrevista co autor en Xornal de Galicia:
A nosa historia, é moi de creación dende a adversidade, do que fixemos aínda sen ter os recursos e os instrumentos políticos para nos defender. Vimos de moi lonxe, temos milenios ás costas, que eu intento reproducir dende os ollos dun neno que vai e volve da infancia, e que vai dándolle forma a un relato histórico, mítico, pero tamén moi de a diario.

Imaxes de Galicia Hoxe (Pablo García) e Xornal de Galicia (Cesáreo Sánchez)

6.7.09

Arto Paasilinna. O muiñeiro ouveador (1)

0. Gunnar Huttunen, un home do sur, instalouse despois das guerras na aldea de Suukoski en Laponia. Coa venda do pouco que tiña comprou un vello muíño arruinado, reparouno e púxoo en marcha xunto coa serra de auga.
Aínda que a empresa foi un éxito, os veciños xa o consideraran un insensato por se meter no negocio do muíño. Como tamén divertía os nenos imitando animais e veciños, a sona de tolo botou a rolar como unha bóla de neve. A pinga que rebordou o vaso foi o dos ouveos. Cando Gunnar estaba deprimido ou co ánimo alterado dáballe por ouvear, ás veces noites enteiras. Os veciños non dormen e desexan encerralo nun manicomio, especialmente o médico e mais o ricacho da aldea. Lógrano con malas artes. Mais Gunnar dá fuxido do encerro coa axuda dun falso tolo (Hoppola) que se dedica ós negocios.
A segunda parte da novela é unha fuga permanente do protagonista, que se mofa de veciños e autoridades coa axuda da súa namorada (a asesora agrícola Sanelma Käyrämö), o carteiro (que ten como afección a destilación clandestina) e o axente de policía Portimo, quen só desexa vivir en paz.
Cando o devolven ó manicomio (outra vez con malas artes), o axente e o muiñeiro desaparecen no bosque.
A partir deste feito, os fugados entran na lenda. Os veciños oirán ouvear un lobo grande, acompañado do can do axente, que tamén se fugara ó bosque.

1. Moitos aspectos desta novela traen á memoria do lector O bosque dos raposos aforcados. A lembranza da guerra e as súas secuelas, as situacións estrambilicadas que se contemplan como normais, a vivencia da extravagancia con absoluta naturalidade, o gusto pola vida rural...
Mais o muiñeiro ouveador non é aquel badulaque protagonista d' O bosque dos raposos..., a quen non lle importa enganar a amigos ou inimigos. O muiñeiro é un ser entrañable, amoroso e inofensivo mesmo cando se defende. Pode dicirse que se converte no pandote das tolemias dos outros veciños máis listos e comenenciudos.
Vistos en conxunto, os personaxes do bando do muiñeiro son algo inocentes e confiados. O autor contenta ó lector cun final máis ou menos feliz, pero o certo é que ó noso protagonista non lle queda outra que desaparecer da aldea. Os seus amigos reagrúpanse para viviren en mellores condicións e lógrano, pero son os perdedores da historia.

2. O lector estranxeiro notará na novela, especialmente se a relaciona con O bosque dos raposos aforcados, o carácter particular da vida e da cultura de Laponia, así como os efectos que sobre o ánimo das súas xentes tiveron as guerras sufridas no século XX.

3. Resulta interesante achegarse á novela e á figura do autor dende a perspectiva de:


Arto Paasilinna, O muiñeiro ouveador. Cangas do Morrazo, Rinoceronte Editora, 2007. Tradución de Tomás González Ahola.

4.7.09

Caldo de lingua

Reparo en tres noticias publicadas hoxe (4 de xullo de 2009, sábado) en La Voz de Galicia, xornal non dubidoso á hora de da novas sobre a liberdade lingüística. As noticias aparecen en seccións distintas e sen conexión aparente entre si, pero curiosamente todas tres tocan o tema da lingua (galega, claro).
Na primeira dásenos conta da preocupación pola queda de galegofalantes:
Los equipos de normalización lingüística y el PP, preocupados por la caída de gallegohablantes
Ambas as partes coinciden no diagnóstico, que non é novo nesta altura. Todos os estudos feitos sobre a cuestión veñen anunciando por onde van os tiros. A política lingüística debería servir de chaleco antibalas, mais tamén é ben sabido que como moito tal política hoxe ten a eficacia daqueles "detente bala" que cosían no peito da camisa os requetés que participaron na guerra civil.
Tamén se fala da noticia dun "
decálogo de «consenso» para recuperar el diálogo sobre el gallego en la educación"; este periódico non dá outros datos sobre tal decálogo.
Nun breve das páxinas locais de Vigo recóllese a protesta do claustro do IES de Teis sobre a "enquisa das linguas". O contido do documento do instituto está recollido dun xeito un tanto críptico, ademais de estar mesturado cunha noticia de maltratadores de parellas. É unha pinga máis na chuvia de protestas que xerou a enquisa, falta dun "obxectivo suficientemente definido". Cómpre entender que se trata dun obxectivo científico. Non pretende botar luz sobre unha situación xa abondo estudada e coñecida. Por outro lado, a falta de rigor metodolóxico co que foi feita non permitirá tirar conclusións válidas, salvo aquelas que sexan do gusto dos promotores. Se se lle quere atopar un obxectivo, témolo doado: xustificar a postura daqueles que sosteñen que falar galego provoca halitose.
O terceiro pé do gato póñeno as declaracións de Mariano Rajoy en Cataluña. Para o líder do PP, Galicia é un modelo "en libertad educativa":
«En Galicia todo el mundo puede opinar y eso es más razonable y sensato, para que todo el mundo pueda estar a gusto», afirmó el líder del PP (La Voz de Galicia, 4-7-09, páxina 22).
Comprobada a data (non é primeiro de abril nin vinte e oito de decembro), teremos que acreditar na veracidade das declaracións do político. Así e todo e contra o afirmado na noticia, os que andamos na docencia sabemos que ós profesores non se lles preguntou nada. Aínda máis, recomendóuselles que gardasen as súas opinións e que se limitasen a seguir as instrucións da superioridade. O asunto acabou perante o xuíz, como é sabido.
Tocante á calidade do ensino en Galicia, á que fai referencia o mesmo político, xa veremos o que nos conta o informe PISA.
O que me gustaría saber é o que pensa o sector gorruno do PP (perdón, quixen dicir o sector da gorra, galegofalante de seu). ¿Que farán con el e coa súa lingua cando non sexan necesarios os votos que gardan baixo o xergón?
(Esta tamén é unha pregunta digna da enquisa.)
Hoxe mesmo, a lingua tamén está presente noutros xornais, coma case sempre. Velaquí algunhas mostras:
Voces contra a agresión, con foto da inauguración dos cursos de galego para estranxeiros.
Unha opinión sobre Galicia Bilingüe.
Como en Cataluña...
A romaxe do Faro.
As tres universidades únense...

Véxase tamén Galego, patrimonio da humanidade.

1.7.09

Noticias de literatura-62

Inma López Silva, entre os gañadores do San Clemente pola súa obra Memoria de cidades sen luz:
A Coruña é a cidade da que parte Inma López Silva na apaixonada viaxe de Memoria de cidades sen luz, unha novela de itinerancia, de exiliados, por onde aparecen personaxes históricos reais e personaxes de invención literaria. Desde A Coruña a Nova York, á procura sempre dunha liberdade e dun amor que lle esvara ao protagonista das mans (Galicia Hoxe, 23-6-09).
Cándido Pazó recupera A piragua:
A Piragua, a obra coa que Cándido Pazó foi recoñecido co galardón ao Mellor Texto Orixinal na edición 2008 dos Premios de Teatro María Casares, volve ao Salón Teatro, en Santiago. Co mesmo elenco, pero cunha escenografía, unha posta en escena, segundo explica o propio Pazó, "máis manexable", para facilitar unha distribución "máis masiva", sen depender tanto de "máquinas, e maquinistas, pois os tempos non están para grandes cachés..." (Galicia Hoxe, 23-6-09).
Reigosa presenta A vida do outro:
"Non quixen facer unha autobiografía, nin as miñas memorias, nin unha historia da Transición, senón contar o efecto da Transición sobre nós. Sobre os mozos que, nun momento extraordinario, foron convocados, dun xeito prematuro, a exercer cargos: Felipe González tivo ministros de trinta e poucos anos..." (di o escritor a Galicia Hoxe, 25-6-09).
Pamuk en galego: O museo da inocencia (Galaxia):
O autor relata dun xeito interesante e con ambición a historia dunha paixón amorosa que se desenvolve en Istambul, entre 1975 e os derradeiros anos do século XX. Pamuk conta a traxectoria de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade, e a do seu obsesivo amor secreto por unha rapaza da clase traballadora (Xornal de Galicia, 26-6-09).
Chus Pato publica Secesión:
Un dos sentidos da literatura, case un dos deberes, consiste, para Pato, "en interromper a lingua do pacto, a lingua da razón instrumental". No pensamento que despregan as páxinas de Secesión, o idioma está obrigado a funcionar como "o canto do que nunca aconteceu nin acontecerá xamais". Gilles Deleuze mestúrase con Rosalía nun oficio que volve e revolve arredor de Auschwitz. "Todo o que escribimos son pegadas dunha poética arrasada, sinais dunha musa sen atributos", grava en Cárpatos ao lonxe, o rexistro da súa experiencia no museo do campo de concentración, incluída no volume (lemos en El País, 26-6-09).
Bernardino Graña, membro numerario da RAG:
Graña publicou no 1962 20 mil pesos crime (teatro) e no 1966 Profecía do mar, "alfaia poética que se converteu no seu momento nunha icona literaria do país", segundo lembra a RAG nun comunicado dispoñible na súa web. Exerceu a docencia ata o 1991. Desde entón publicou numerosos libros -cultiva os xéneros poético, teatral, narrativo e infantil- e realizou moitas actividades. Foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que o homenaxeou no 1995. Tamén foi distinguido co Pedrón de Ouro. "Non se axustou a modas literarias pasaxeiras", salienta a RAG. A súa última novela, Protoevanxeo do neto de Herodes gañou o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa (Galicia Hoxe, 30-6-09).
María Reimóndez presenta Pirata, "un relato sobre a identidade".
Luís Rei Núñez publica Monte Louro:
O xornalista e escritor Luís Rei Núñez vén de publicar Monte Louro (Xerais), unha novela sobre o difícil mundo da posguerra no rural e a emigración. Foi destituído hai só uns días como xefe do servizo cultural da TVG (lemos na entradiña da noticia do Xornal de Galicia, 29-6-09).

Imaxes de Xornal de Galicia: A piragua, María Reimóndez.

29.6.09

Saque la lengua y no diga nada

Normalización lingüística

Dos médicos se niegan a atender a un paciente en gallego en Ferrol

Los dos facultativos pertenecían a centros diferentes

Lemos a noticia en Faro de Vigo, 29-6-09; Galicia Hoxe, 30-6-09 e Xornal de Galicia, 30-6-09.
E tivo sorte se non lle diagnosticaron tribitis, tropitis e culturitis de establo (ou cortello). Deberían terlle receitado unhas pastillas de bilingüismo cordial.

25.6.09

Ramón Caride Ogando. Sarou

0. Tema: narcotráfico.
1. Como se recolle na cita de Gore Vidal que encabeza a novela, comeza a historia polo centro. O protagonista, insomne na súa cela, devece pola liberdade condicional e pensa se o avogado non o estará a enganar. A ansia calmaraselle unha miga cando se vexa fóra da cadea e albisque como posible a execución dos seus plans de futuro: cobrar polo seu silencio unha cantidade que lle resolva as necesidades económicas e refacer a súa vida no Brasil canda a súa antiga parella.
Os proxectos son máis brillantes baixo os efectos da coca e do alcohol ca na realidade. Os narcos para os que traballa nonestán dispostos a pagar alegremente o que pide; a parella non quere saber xa nada del e na casa só atopa o agarimo sufrido da nai, porque para o resto da familia é un apestado.
Na súa carreira costa abaixo, o Sito acaba matando o Cardiño (fillo do capo para o que traballara) e mais o seu gardacostas. Horas despois da morte do Cardiño atopan o Sito coa cabeza rebentada dun tiro a carón do seu Patrol no medio dun bosque coa música a todo volume.

2. No relato cóntansenos os derradeiros días do protagonista e dos seus "amigos", xente nova que leva a vida a tope porque sabe que se lle pode tronzar no momento menos pensado.
Mais os personaxes non son só individuos. Son tamén membros desas xeracións perdidas, sen outras opcións de futuro que non sexan un escaso traballo honrado, a emigración ou a actividade ilegal que dá diñeiro abundante e rápido. Cada opción carrexa o seu estilo de vida.
Na novela trázase tamén a radiografía dunha comarca: Sarou. (Podemos practicar o xogo infantil da repetición continua do nome.) Mar e terra amosan as feridas dun estilo de vida aloucado, de ritmos diferentes que non conxenian: praias que deixan de producir marisco para abafaren cos sumidoiros das novas actividades económicas; negocios e talleres de luxo no medio dunha carballeira ós que se accede por corredoiras; vida de luxo para xente sen oficio recoñecido; familias desfeitas polas actividades dos seus membros; mocidade desnortada e sen moral...

3. O narrador omnisciente vainos debullando toda a recente historia da comarca, coas biografías dos seus protagonistas, nun tempo moi reducido e cunha prosa directa e cortante, sen tapullos nin concesións á sentimentalidade.
Quen queira facer unha historia da desfeita do narcotráfico no país atopará nesta novela uns cantos vimnbios para tal cesto:
a) O abandono ou reconversión de vellos oficios. Déixase podrecer a dorna polbeira e cárganse de motores as lanchas de fibra.
b) Vellos patrucios convértense en capos de bandas.
c) Rapaces novos que perden o medo e o respecto dos devanceiros, que se lle escapan ó seu control, pero que tampouco son quen de controlar a súa propia vida.
d) Mulleres novas --e vellas-- que acaban pagando os pratos rotos da desfeita familiar.
e) Actividades económicas que medran sen xeito e non reparten riqueza na contorna. coches de luxo por corredoiras, clubs nocturnos, discotecas, tendas de pel, perruquerías...
f) Ruptura coas raíces. Xa non se pretende facer medrar a casa matriz; constrúense casóns para satisfacción do propio arruallo.
En definitiva, os típicos saltos no baleiro do "progreso" do país.

4. Debruzáronse sobre a novela:

5. Sobre a década de escrita de Sarou, consúltese este traballo de Miguel Louzao.


Ramón Caride Ogando, Sarou. Vigo, Xerais, 1997. Premio Café Dublín 1997.

Imaxes: Edicións Xerais.

21.6.09

Noticias de literatura-61

Withe Raven 2009: tres obras nesta prestixiosa lista. O prodixio dos zapatos de cristal (Neira Cruz), A cabeza de Medusa (Marilar Aleixandre) e Fume (Antón Fortes).
Residente privilexiada, memorias de María Casares, publicadas por Trifolium.
Éxito d' A praia dos afogados, de Domingo Villar: "É fermoso que a xente saiba do meu país polo que escribo” (Xornal de Galicia, 10-6-09)..
Rosa Aneiros, premio Xerais de novela 2009 e premio Fundación Caixa Galicia. Jacobo Fernández, premio Merlín (Xornal de Galicia, 7-6-09). O diario El País recolle tamén a noticia e dedícalle un par de artigos máis de Daniel Salgado nos que se dan as primeiras achegas ás obras galardoadas. Sol de inverno (Rosa Aneiros) é unha novela ambientada na guerra civil. Ás de bolboreta (Rosa Aneiros) trata de "historias cruzadas que acontecen nunha mañá". Mil cousas poden pasar (Jacobo Fernández) é "un libro de aventuras nun mundo fantástico". Galicia Hoxe salienta as palabras do mantedor literario do evento Agustín Fernández Paz. Podemos ver parte do acto neste vídeo de YouTube e unha entrevista coa autora no Xornal de Galicia. Outra entrevista máis en Luces (El País, 12-6-09)
A revista diocesana Amencer dedica un número monográfico á figura do poeta Aquilino Iglesia Alvariño, por mor do centenario do seu nacemento. Galicia Hoxe (13-6-09) recolle a nova da publicación do estudo de Luciano Rodríguez sobre a obra de Iglesia Alvariño. El Progreso recolle a efeméride e mais uns retallos de declaracións un tanto crípticas do secretario xeral de Política Lingüística, que tamén pasou polo acto.
Eva Moreda publica O país das bestas. Entrevista coa autora en El Progreso:
En realidad hay dos historias diferentes. Una de ellas se desarrolla en el año 1936, y cuenta más o menos algo que le pasa a un fuxido. Luego hay otra que se va desarrollando paralelamente, pero en la actualidad. En este caso una chica, una investigadora, llega a una comunidad rural donde hay dos bandos, que son los dueños de los animales que viven en estado salvaje y por otra parte están los comuneros, los dueños de las tierras donde pastan esos animales, y que tienen muchos problemas por su culpa. Ahí es donde nacen una serie de conflictos y ella se ve un poco atrapada en medio a su pesar, hasta que acaba por establecerse una conexión entre ambas historias.
Tamén atopamos unha recensión sobre esta novela no suplemento Culturas (La Voz de Galicia, 13-6-09).
Bieito Romero estuda a simboloxía en pedra do país.
Santiago Cortegoso gaña o Dieste de teatro con 0,7% Molotov:
A obra desenvólvese arredor de dúas personaxes "construídas sobre tópicos como a biodiversidade ou o emprego de enerxías renovables, pero cada tópico que engaden á súa personalidade é un paso máis cara á despersonalización" (Galicia Hoxe, 18-6-09).
Mariña Pérez publica Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante: "A carón da autopoética, sitúanse neste poemario outras cuestións, como a soidade e a destrución do medio -o eldorado descuberto e maltratado-, xa tratados nas súas obras anteriores" (Galicia Hoxe, 18-6-09).
Lois Pereiro, musicado.
Marcos Valcárcel, premio Otero Pedrayo.
Agustín Fernández Paz presenta Lúa do Senegal. Entrevista co autor en Faro de Vigo.

Imaxes: Xornal de Galicia (Rosa Aneiros e Jacobo Fernández); Villapol / El Progreso (Eva Moreda) e Galicia Hoxe (Mariña Pérez).

16.6.09

Ramón Caride Ogando. O frío azul

0. Ramón Caride Ogando sitúa a novela nos inicios do ano 1500, baixo o reinado de Isabel a Católica. O cabaleiro Egas de Doncos preséntase intempestivamente no mosteiro de Oseira e esixe falar persoalmente co abade. Fixera unha longa camiñada en plena invernía dende o seu castelo. Vén na procura de información sobre un misterio. O único que ten para empezar é un anel co selo de Oseira.
O abade Lourenzo de Navascues tarda ben tempo en recibilo. Cando o fai, cóntalle unha longa e terrible historia -a da súa vida- que acaba por aclarar o misterio que consome o cabaleiro. No tempo de espera, o abade fórao envelenando paseniñamente.

1. Fora o abade un señor de forca e coitelo ó servizo dos Reis Católicos. O seu carácter lobuno coverteuno no executor perfecto do traballo sucio dos monarcas. Actuou de brazo executor da Inquisición nas terras estemeiras de Xálima, onde coñece unha misteriosa rapaza detida polo tribunal da que se acaba namorando e á quen axuda a fuxir.
Atoparanse de novo en terras galegas, onde procurou afincarse despois de silenciar a coitelo algunha boca perigosa.
A muller morre de parto. Lourenzo de Navascues non quere ver a filla, entrégalla a un titor e mándaa á afastada torre de Doiras, nos Ancares. Desta rapaza namorarase andando o tempo Esgos de Doncos, veciño do seu castelo.
Neste punto, o autor novélanos a lenda da corza branca. Mais agora, o castigo de matar sen querer a persoa máis amada leva aparellada a condena a morte aplicada polo abade, quen tornará a ser aquela mala besta da súa mocidade. As súas tropelías vano levar a rematar baixo os fungueiros dos seus pobres vasalos.

2. O frío azul é unha historia narrada a tres voces: as dos personaxes principais (o abade e o cabaleiro Esgos de Doncos) que explican o misterio que alicerza a novela e mais a voz dun narrador omnisciente que completa a visión da historia para o lector achegándolle aqueles datos externos e alleos ós protagonistas.
Esta voz omnisciente crea tensión e ralentiza adrede o ritmo narrativo.

3. O personaxe do abade, nigromante mesmo, resulta unha figura case que demoníaca. A morte e a destrución van canda el. Aínda que se atribúe o papel de pai da corza branca, quen verdadeiramente fai tal papel é o titor da moza. O abade, pai biolóxico, só o asume cando lle permite tornar a ser señor de forca e coitelo. A súa figura encarna unha época, e en xeral unha actitude, que identifica a xustiza co capricho do poderoso. Actúa sen conciencia nin escrúpulos.

4. Debruzáronse sobre a novela:

Ramón Caride Ogando, O frío azul. Santiago, Sotelo Blanco, 2007. Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2007.

Imaxes: culturagalega.org, turgalicia.es, doncos.com, udc.es

14.6.09

Un político que le...

Un político que le non nos deixa de sorprender. A lectura é unha actividade postergada por xente que anda sempre tan ocupada. Nalgúns significados políticos mesmo é coñecida a bulimia lectora: lembrade aquel líder mundial que lía o libro infantil do revés. (Algún tempo despois fíxosenos saber que fora un sicario del eje del mal quen lle dera a volta co Photoshop.)
O noso presidente lector colle o libro ó dereito. Segundo o suplemento Culturas (La Voz de Galicia, 13-6-09) na súa lista de favoritos, El lobo estepario (H. Hesse) en primeiro lugar. Amplía a escolma con El extranjero (Camus), Cien años de soledad (García Márquez) e Siddharta (H. Hesse). Excelente escolla.
Ata onde sabemos, Hermann Hesse escribiu en alemán; Albert Camus, en francés e García Márquez, en castelán. O francófono e mais o xermanófono teñen versión dalgunha obra enelidiomapropiodegalicia. Polo menos de dúas das antecitadas. O exemplar de El lobo estepario que sostén nas mans o noso lector debe de ser unha edición de Alianza Editorial de 1995.
Agora ben, o que nos preguntamos as mentes retorcidas é:
a) ¿El idioma propio de Galicia non é merecente de contar con versións de obras da literatura universal?
b) Unha escolla tan claramente monolingüe, ¿trátase de frugalidade lectora ou dun exercicio de liberdade contra la imposición del gallego? Compréndase que coa que lle está caendo a este furibundo e imperialista idioma é como para sospeitar e tomar medidas de contención activa.
c) ¿O presidente non le nada en galego? (A prosa do DOG non conta.)
Xa de postos, se lle cadra tomar café algún día cun certo deputado provincial, deses que decidiron aforrar os cartos da compra de libros galegos, podíalle comentar que, se se compran libros para as bibliotecas públicas, aínda que non diga a partida literalmente "para libros en gallego", pois que se poden comprar algúns, así como inadvertidamente, por aquilo do bilingüismo cordial nas bilbliotecas...
Digo isto último porque, por exemplo, na biblioteca municipal da vila de R., que non é sospeitosa de imposición de ningunha caste, puiden ver estes días no expositor de novidades máis de cincuenta libros. Deles, soamente un en galego: Festina lente. Sorprendeume gratamente a presenza entre as novidades dun par de manuais de italiano para turistas.
En fin, a vós, meus dilectos alumnos, repetireivos que ler é un acto nobre que podedes facer con gravata e peluco de marca, mais tamén na intimidade do fogar sen ter en conta traxe nin postura. E agora que se vai achegando o verán, un libro pode ser un excelente compañeiro na praia ou no monte. E prégovos que leades en calquera lingua que coñezades ou pretendades coñecer. Tamén en galego, porque non cos fará nin menos señoritos nin máis parvos.
Abur. Que a lectura vos preste e vos sirva de saúde.

(Por certo, ultimamente, segundo La Voz de Galicia 15-6-09, os políticos amósanse moi amantes dos libros.)

11.6.09

O único que queda é o amor. Léxico-2

Para os clubs de lectura de O único que queda é o amor (Agustín Fernández Paz).
O xogo consiste en atinarlle co significado correcto das voces que se propoñen.
Para realizar o exercicio, prémase na imaxe ou nesta ligazón:

Test O único que queda é o amor. Léxico-2


Nota sen gastos: Funciona aceptablemente con Explorer. Con outros programas ás veces fai trampas.

7.6.09

Bolboreta curda

Chegounos hai case que un mes un correo do Grupo Cultural Bolboreta Curda que nos relata o resultado dunha campaña de animación á lectura que levaron a cabo en Lugo.
Velaí queda a ligazón. Paga a pena vela.
De paso, aproveitamos a ocasión para facerlles unha prudente advertencia. Tede coidadiño, que se está achegando o San Xoán e se cadra non teñen leña que botar á cacharela.
Aburiño.

Imaxe de Bolboreta curda.

O único que queda é o amor. Léxico-1

Para club de lectura de O único que queda é o amor (Agustín Fernández Paz) deixo este pequeno xogo.

Notade que as correspondencias non son exactas: pode haber voces sen ningunha ou pode haber voces con varias correspondencias. O xogo non vos levará máis alá de cinco minutiños.
Abur. Que a lectura vos sirva de saúde.

Imaxe no blog Letras frescas.


5.6.09

Xaquín Marín. Ratas

Ratas, de Xaquín Marín.

0. A introdución de Miguelanxo Prado fai un breve pero detallado percorrido pola vida profesional de Xaquín Marín. Da introdución salientamos aquí dous aspectos:
1. O fundacional. Antes de Xaquín Marín e algún outro "francotirador", como o finado Suso Peña, pódese dicir que non había tradición.
2. O carácter heroico da primeira edición de Ratas (á que lle houbo que cambiar de lingua) e o valor simbólico desta edición de Embora, que a converte en emblemática.
Conclúe Miguelanxo Prado que "estamos ante un dos libros fundacionais da banda deseñada galega, obra emblemática do que é un dos pioneiros desta linguaxe en Galicia. Imprescindible a súa lectura".

1. A presentación editorial lémbranos que estamos ante unha xoia ilustrada, orixinalmente rotulada en galego, pero que por circunstancias que os lectores podemos presupor, tivo que ver a luz en Madrid no ano 1977. O segundo parto, case que trinta anos despois, recupera o traballo orixinal.
Tecnicamente destaca a integración do texto no deseño e a característica de ser cada páxina distinta das outras.

2. Ratas é unha historia de ciencia ficción que nos refresca a vella condición dos humanos de sermos os únicos animais que cometemos dúas veces o mesmo erro.
Os humanos deseñan máquinas cada vez máis semellantes a si mesmos. Chega un momento en que os robots toman o poder e obrigan os humanos a atobárense. Sobreviven como ratas e castizan con elas.
O único home libre é un astronauta que viaxa polo espazo. Cando regresa á Terra, os humanos e os híbridos convérteno no seu líder.
Presentan batalla ás máquinas e reconquistan a liberdade. Pero...

Xaquín Marín, Ratas. Ferrol, Edicións Embora, 2006.

2.6.09

Certame "A fraga de Esmelle". Gañadores

Eis os gañadores da convocatoria do certame de animación á lectura "A fraga de Esmelle".

Despois da camiñada polas corredoiras desta nosa Fraga de Esmelle, procedemos á proclamación dos que deron chegado á meta.
Son:
Pérez Torrón, Gabriel
1º BC/BT
A 57
Rivas López, Víctor
1º BC / BT
A 56
Sangabriel Domínguez, José Luis
2º BH
A 51
López Vázquez, Olalla
2º BC / BT
A 32
Lago Justo, Luis
2º BC / BT
A 23
García González, Jorge
2º eso
B 09

Noticias de literatura-60

Domingo Villar presenta A praia dos afogados (Galaxia):
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba (Galicia Hoxe).
Entrevista do autor con Ágatha de Santos en Faro de Vigo, 23-5-09.
Sobre este autor e mais sobre Alberto Lema (Sidecar) atopamos unha ampla reportaxe no suplemento Nós (Xornal de Galicia).
María Canosa entrevistada por Javier Romero. Falan da súa obra, especialmente de Faíscas, o seu último libro de relatos.
Alfonso Armada publica TSC. Diario da noite (Xerais).
Santiago Lopo publica Peaxes, novela "que conta a historia dun caixeiro de peaxe de autoestrada que bota unha ollada ás fraccións de vidas que se cruzan con el acotío e fuxe da soidade do seu traballo a través da vida doutros" (Faro de Vigo, 3-5-09).
Luís Valle Regueiro recolle o Premio Caixanova de Poesía por A caída.
Manuel Rivas galardoado pola organización ecoloxista Greenpeace.
Nova entrega de Xosé Carlos Caneiro. Titúlase Blue Moon:
"formada por 37 capítulos, sigue un hilo conductor que se resuelve al final. «É un libro no que, ao igual que os colleiteiros, me reinvento sen deixar de mostrar as miñas características habituais á hora de escribir» (La Voz de Galicia, 9-5-09).
Celia Parra gaña o Avelina Valladares con No berce das mareas e o María Mariño con De novo a náusea.
Valentín Alvite Gándara gaña o premio Avilés de Taramancos de relatos de aventuras con O hotel: "O libro relata unha trama de equívocos dun personaxe que se fai pasar por conde, segundo explicou o xurado, quen destacou que se trata dunha obra orixinal, áxil que resulta ata simpática" (Galicia Hoxe, 23-5-09).
"Patricia A. Janeiro tece en "A perspectiva desde a porta" o relato de varias historias de amor e soidade entrecruzadas no contexto da Operación Castiñeira e o debate sobre a loita armada nos 70" (Galicia Hoxe, 23-5-09).
Luz Pozo Garza publica Deter o día cunha flor. Entrevista da poeta con Lara Rozados en A Nosa Terra, 23-5-09).
Neira Vilas homenaxeado no Verbum. O seu Balbino anda polos 48 anos:
Xesús Alonso Montero, quen se recoñece en Balbino, falou do pantrigo, «ou espiñazo poético da novela», e afirmou que hoxe en día habería que facer edicións anotadas de Memorias para que a xente máis nova puidese contextualizar ou significado dalgunhas cousas na Galicia rural dous anos vinte. «Moitos hoxe non comen pan trigo para non engordar e daquela comelo era un día de festa», dixo ou profesor emérito (La Voz de Galicia, 31-5-09).
Fernández Paz anuncia a edición de Lúa do Senegal:
Fernández Paz aborda o drama da emigración, que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. Para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, o escritor decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo (Galicia Hoxe, 31-5-09).
Na entrevista que lle fan en La Voz fan referencia a outros aspectos do labor do escritor. Incluída a rerencia a O único que queda é o amor.
Bd Banda no Saló do Cómic. Destaca o álbum As serpes cegas. Presentación do novo fanzine O Catalizador.

Imaxes: Patricia Janeiro (foto de Sole Rei no Galicia Hoxe) e Domingo Villar (foto de Juan M. Espinosa, Galicia Hoxe).