16.6.09

Ramón Caride Ogando. O frío azul

0. Ramón Caride Ogando sitúa a novela nos inicios do ano 1500, baixo o reinado de Isabel a Católica. O cabaleiro Egas de Doncos preséntase intempestivamente no mosteiro de Oseira e esixe falar persoalmente co abade. Fixera unha longa camiñada en plena invernía dende o seu castelo. Vén na procura de información sobre un misterio. O único que ten para empezar é un anel co selo de Oseira.
O abade Lourenzo de Navascues tarda ben tempo en recibilo. Cando o fai, cóntalle unha longa e terrible historia -a da súa vida- que acaba por aclarar o misterio que consome o cabaleiro. No tempo de espera, o abade fórao envelenando paseniñamente.

1. Fora o abade un señor de forca e coitelo ó servizo dos Reis Católicos. O seu carácter lobuno coverteuno no executor perfecto do traballo sucio dos monarcas. Actuou de brazo executor da Inquisición nas terras estemeiras de Xálima, onde coñece unha misteriosa rapaza detida polo tribunal da que se acaba namorando e á quen axuda a fuxir.
Atoparanse de novo en terras galegas, onde procurou afincarse despois de silenciar a coitelo algunha boca perigosa.
A muller morre de parto. Lourenzo de Navascues non quere ver a filla, entrégalla a un titor e mándaa á afastada torre de Doiras, nos Ancares. Desta rapaza namorarase andando o tempo Esgos de Doncos, veciño do seu castelo.
Neste punto, o autor novélanos a lenda da corza branca. Mais agora, o castigo de matar sen querer a persoa máis amada leva aparellada a condena a morte aplicada polo abade, quen tornará a ser aquela mala besta da súa mocidade. As súas tropelías vano levar a rematar baixo os fungueiros dos seus pobres vasalos.

2. O frío azul é unha historia narrada a tres voces: as dos personaxes principais (o abade e o cabaleiro Esgos de Doncos) que explican o misterio que alicerza a novela e mais a voz dun narrador omnisciente que completa a visión da historia para o lector achegándolle aqueles datos externos e alleos ós protagonistas.
Esta voz omnisciente crea tensión e ralentiza adrede o ritmo narrativo.

3. O personaxe do abade, nigromante mesmo, resulta unha figura case que demoníaca. A morte e a destrución van canda el. Aínda que se atribúe o papel de pai da corza branca, quen verdadeiramente fai tal papel é o titor da moza. O abade, pai biolóxico, só o asume cando lle permite tornar a ser señor de forca e coitelo. A súa figura encarna unha época, e en xeral unha actitude, que identifica a xustiza co capricho do poderoso. Actúa sen conciencia nin escrúpulos.

4. Debruzáronse sobre a novela:

Ramón Caride Ogando, O frío azul. Santiago, Sotelo Blanco, 2007. Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2007.

Imaxes: culturagalega.org, turgalicia.es, doncos.com, udc.es

Ningún comentario: