A Coruña é a cidade da que parte Inma López Silva na apaixonada viaxe de Memoria de cidades sen luz, unha novela de itinerancia, de exiliados, por onde aparecen personaxes históricos reais e personaxes de invención literaria. Desde A Coruña a Nova York, á procura sempre dunha liberdade e dun amor que lle esvara ao protagonista das mans (Galicia Hoxe, 23-6-09).
Cándido Pazó recupera A piragua:A Piragua, a obra coa que Cándido Pazó foi recoñecido co galardón ao Mellor Texto Orixinal na edición 2008 dos Premios de Teatro María Casares, volve ao Salón Teatro, en Santiago. Co mesmo elenco, pero cunha escenografía, unha posta en escena, segundo explica o propio Pazó, "máis manexable", para facilitar unha distribución "máis masiva", sen depender tanto de "máquinas, e maquinistas, pois os tempos non están para grandes cachés..." (Galicia Hoxe, 23-6-09).
Reigosa presenta A vida do outro:"Non quixen facer unha autobiografía, nin as miñas memorias, nin unha historia da Transición, senón contar o efecto da Transición sobre nós. Sobre os mozos que, nun momento extraordinario, foron convocados, dun xeito prematuro, a exercer cargos: Felipe González tivo ministros de trinta e poucos anos..." (di o escritor a Galicia Hoxe, 25-6-09).
Pamuk en galego: O museo da inocencia (Galaxia):O autor relata dun xeito interesante e con ambición a historia dunha paixón amorosa que se desenvolve en Istambul, entre 1975 e os derradeiros anos do século XX. Pamuk conta a traxectoria de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade, e a do seu obsesivo amor secreto por unha rapaza da clase traballadora (Xornal de Galicia, 26-6-09).
Chus Pato publica Secesión:Un dos sentidos da literatura, case un dos deberes, consiste, para Pato, "en interromper a lingua do pacto, a lingua da razón instrumental". No pensamento que despregan as páxinas de Secesión, o idioma está obrigado a funcionar como "o canto do que nunca aconteceu nin acontecerá xamais". Gilles Deleuze mestúrase con Rosalía nun oficio que volve e revolve arredor de Auschwitz. "Todo o que escribimos son pegadas dunha poética arrasada, sinais dunha musa sen atributos", grava en Cárpatos ao lonxe, o rexistro da súa experiencia no museo do campo de concentración, incluída no volume (lemos en El País, 26-6-09).
Bernardino Graña, membro numerario da RAG:Graña publicou no 1962 20 mil pesos crime (teatro) e no 1966 Profecía do mar, "alfaia poética que se converteu no seu momento nunha icona literaria do país", segundo lembra a RAG nun comunicado dispoñible na súa web. Exerceu a docencia ata o 1991. Desde entón publicou numerosos libros -cultiva os xéneros poético, teatral, narrativo e infantil- e realizou moitas actividades. Foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que o homenaxeou no 1995. Tamén foi distinguido co Pedrón de Ouro. "Non se axustou a modas literarias pasaxeiras", salienta a RAG. A súa última novela, Protoevanxeo do neto de Herodes gañou o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa (Galicia Hoxe, 30-6-09).
María Reimóndez presenta Pirata, "un relato sobre a identidade".Luís Rei Núñez publica Monte Louro:
O xornalista e escritor Luís Rei Núñez vén de publicar Monte Louro (Xerais), unha novela sobre o difícil mundo da posguerra no rural e a emigración. Foi destituído hai só uns días como xefe do servizo cultural da TVG (lemos na entradiña da noticia do Xornal de Galicia, 29-6-09).
Imaxes de Xornal de Galicia: A piragua, María Reimóndez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario