14.6.09

Un político que le...

Un político que le non nos deixa de sorprender. A lectura é unha actividade postergada por xente que anda sempre tan ocupada. Nalgúns significados políticos mesmo é coñecida a bulimia lectora: lembrade aquel líder mundial que lía o libro infantil do revés. (Algún tempo despois fíxosenos saber que fora un sicario del eje del mal quen lle dera a volta co Photoshop.)
O noso presidente lector colle o libro ó dereito. Segundo o suplemento Culturas (La Voz de Galicia, 13-6-09) na súa lista de favoritos, El lobo estepario (H. Hesse) en primeiro lugar. Amplía a escolma con El extranjero (Camus), Cien años de soledad (García Márquez) e Siddharta (H. Hesse). Excelente escolla.
Ata onde sabemos, Hermann Hesse escribiu en alemán; Albert Camus, en francés e García Márquez, en castelán. O francófono e mais o xermanófono teñen versión dalgunha obra enelidiomapropiodegalicia. Polo menos de dúas das antecitadas. O exemplar de El lobo estepario que sostén nas mans o noso lector debe de ser unha edición de Alianza Editorial de 1995.
Agora ben, o que nos preguntamos as mentes retorcidas é:
a) ¿El idioma propio de Galicia non é merecente de contar con versións de obras da literatura universal?
b) Unha escolla tan claramente monolingüe, ¿trátase de frugalidade lectora ou dun exercicio de liberdade contra la imposición del gallego? Compréndase que coa que lle está caendo a este furibundo e imperialista idioma é como para sospeitar e tomar medidas de contención activa.
c) ¿O presidente non le nada en galego? (A prosa do DOG non conta.)
Xa de postos, se lle cadra tomar café algún día cun certo deputado provincial, deses que decidiron aforrar os cartos da compra de libros galegos, podíalle comentar que, se se compran libros para as bibliotecas públicas, aínda que non diga a partida literalmente "para libros en gallego", pois que se poden comprar algúns, así como inadvertidamente, por aquilo do bilingüismo cordial nas bilbliotecas...
Digo isto último porque, por exemplo, na biblioteca municipal da vila de R., que non é sospeitosa de imposición de ningunha caste, puiden ver estes días no expositor de novidades máis de cincuenta libros. Deles, soamente un en galego: Festina lente. Sorprendeume gratamente a presenza entre as novidades dun par de manuais de italiano para turistas.
En fin, a vós, meus dilectos alumnos, repetireivos que ler é un acto nobre que podedes facer con gravata e peluco de marca, mais tamén na intimidade do fogar sen ter en conta traxe nin postura. E agora que se vai achegando o verán, un libro pode ser un excelente compañeiro na praia ou no monte. E prégovos que leades en calquera lingua que coñezades ou pretendades coñecer. Tamén en galego, porque non cos fará nin menos señoritos nin máis parvos.
Abur. Que a lectura vos preste e vos sirva de saúde.

(Por certo, ultimamente, segundo La Voz de Galicia 15-6-09, os políticos amósanse moi amantes dos libros.)

Ningún comentario: