Ratas, de Xaquín Marín.
0. A introdución de Miguelanxo Prado fai un breve pero detallado percorrido pola vida profesional de Xaquín Marín. Da introdución salientamos aquí dous aspectos:
1. O fundacional. Antes de Xaquín Marín e algún outro "francotirador", como o finado Suso Peña, pódese dicir que non había tradición.
2. O carácter heroico da primeira edición de Ratas (á que lle houbo que cambiar de lingua) e o valor simbólico desta edición de Embora, que a converte en emblemática.
Conclúe Miguelanxo Prado que "estamos ante un dos libros fundacionais da banda deseñada galega, obra emblemática do que é un dos pioneiros desta linguaxe en Galicia. Imprescindible a súa lectura".
1. A presentación editorial lémbranos que estamos ante unha xoia ilustrada, orixinalmente rotulada en galego, pero que por circunstancias que os lectores podemos presupor, tivo que ver a luz en Madrid no ano 1977. O segundo parto, case que trinta anos despois, recupera o traballo orixinal.
Tecnicamente destaca a integración do texto no deseño e a característica de ser cada páxina distinta das outras.
2. Ratas é unha historia de ciencia ficción que nos refresca a vella condición dos humanos de sermos os únicos animais que cometemos dúas veces o mesmo erro.
Os humanos deseñan máquinas cada vez máis semellantes a si mesmos. Chega un momento en que os robots toman o poder e obrigan os humanos a atobárense. Sobreviven como ratas e castizan con elas.
O único home libre é un astronauta que viaxa polo espazo. Cando regresa á Terra, os humanos e os híbridos convérteno no seu líder.
Presentan batalla ás máquinas e reconquistan a liberdade. Pero...
Xaquín Marín, Ratas. Ferrol, Edicións Embora, 2006.
Ningún comentario:
Publicar un comentario