14.10.10

Noticias de literatura-87

Marica Campo fala de lingua e literatura para o Xornal de Galicia (3-10-2010) por mor da publicación de Onde houbo lume:

a escritora explora o complexo universo das vidas femininas contadas non como decorado, complemento ou contraste estilístico, senón dende dentro delas mesmas e dende o afán por as comprender na súa especifidade.
Manuel Rivas: artigo de Pablo L. Orosa sobre a obra Todo é silencio:
Nos anos oitenta, cando se produce a internacionalización do narcotráfico, aparecen os vellos nomes, "os que se curtiron no vello negocio". Homes cautos e astutos, que se lucraron a principios de século con calquera tipo de mercancía: wolframio para o armamento alemán durante a segunda Guerra Mundial, dinamita para a pesca -como na actualidade- ou ata co tráfico de persoas.
No entanto, Todo é silencio aborda unha etapa posterior, entre 1968 e principios dos anos 80. O período en que os contrabandistas pasan do tabaco á cocaína e créanse as primeiras redes internacionais do narcotráfico (Galicia Hoxe, 3-10-2010).
Noticia de Todo é silencio no Xornal de Galicia (8-10-2010).
Artigo de Xesús Fraga (La Voz de Galicia, 9-10-2010) que describe o marco sociolóxico que se desenvolve na novela: Rivas: «O peor tóxico do narcotráfico foi a creba das defensas éticas da sociedade».
Faro de Vigo (14-10-2010) recolle a presentación de Todo é silencio.
A esmorga volve ó cine, pero desta vez
O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do proxecto cinematográfico para levar ao cine a famosa obra de Eduardo Blanco Amor A Esmorga. Editorial Galaxia, representada polo seu director, Victor Freixanes, e o director de cine Ignacio Vilar, están a desenvolver conxuntamente “un proxecto netamente ourensán” (Xornal de Galicia, 4-10-2010).
Noticia da rodaxe d’A esmorga no Galicia Hoxe (5-10-2010). A noticia recollida en La Voz de Galicia (5-10-2010)
Andrea Maceiras entrevistada no Galicia Hoxe (5-10-2010) por mor do premio Meiga Moira, acadado con Violeta tamurana:
Unha obra que cualifica como unha "alegoría contra o racismo" na que advirte os seus lectores de que "quen sustenta o dominio sobre os pobos o fai mantendo a ignorancia e o temor ao descoñecido e ao diferente".
Domingo Villar entrevistado en El Mundo (4-10-2010):
Domingo Villar (Vigo, 1971) ha puesto en los estantes de las librerías españolas más de cuarenta ediciones de sus dos aclamadas novelas, Ojos de agua y La playa de los ahogados. Traducidas también a infinidad de idiomas extranjeros (este fin de semana ha estado en Milán presentando La spiaggia degli affogati), ambas han conseguido poner de acuerdo a crítica y público en que las aventuras de Leo Caldas y Rafael Estévez valen la pena. Gracias a ellos el vigués será el único español en el prestigioso congreso alemán de literatura policíaca, Mord am Hellweg.
María Canosa gaña o Pura e Dora Vázquez con O papaventos de Laura:
“Unha historia moi imaxinativa, alegre e fresca, nun entorno familiar cheo de ternura” (Xornal de Galicia, 8-10-2010).
Noticia do galardón e doutros aspectos relacionados en La Voz de Galicia (9-10-2010).
Entrevista con María Canosa no Galicia Hoxe (12-10-2010):
"Dende sempre, vin a literatura infantil e xuvenil como un reto. Comecei a escribir de pequena para xente da miña idade, sobre cousas que me podían interesar a min e os nenos da miña vila. Despois decidín facer algo novo e foi entón cando me decatei que os contos para nenos son máis difíciles do que un pensa. Tes que usar frases curtas, palabras sinxelas, que eles coñezan. A literatura infantil e xuvenil é unha experiencia moi gratificante. Porque os nenos, cando len, teñen unha inocencia e espontaneidade únicas".
Xesús Manuel Marcos: O esconxurador. Recensión de Romina Bal no Galicia Hoxe (13-10-2010):
Unha historia que tende pontes entre tempos e que de seguro te atrapará ata o final. O esconxurador, novela publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira.

12.10.10

Mellorando o presente-01

Transcribo aquí un exercicio de aula. Vou vello e esfolgaxado como para ir facer fotocopias, así que deixo o texto colgado para aforrar paseo e papel. Seica andamos escasos de cartos, pero non de vontade de amolar con deberes.
Dito isto, propoño as seguintes actividades sobre a carta que transcribo:
1. Comentar a lexibilidade do texto.
2. Corrixirlle a ortografía alí onde sexa preciso.
3. Comentar as meteduras de zoca na morfosintaxe e no léxico.
4. Redactar de novo o documento, procurando mellorar coherencia e estilo.
Nin que dicir ten que o texto dá para moito máis que para facer uns exercicios de lingua, mais polo de agora ímonos centrar só nesta materia.

Vémonos mañá.

Texto que transcribo

Querido Luis, espero que esta carta sírvache de reflexión por todo o que me has feito ao longo da miña vida, curta gracia a ti.
Sempre terei a esperanza de que algun día sufras tanto como e sufrido eu ao teu lado. Todos os días con magulladuras, golpes... etc. E ningunha marca de maquillaxe, por moi cara que sexa, esconderá as feridas e a cara de sufrimento que he tenido que aguantar.
¿Non te dabas conta de que pola tua culpa sentíame tan pouco valorada? Todo tiña que estar perfecto cando ti chegaras do traballo si non quería que fose golpeada ou violada polo meu propio marido, nin sequera podía falar, nin en publico nin en privado contido por si metía a pata en algo e empezarasme a berrar.
Quizais a mellor solución sería denunciarte ou irme de casa, pero tiña medo e ademais nunca traballei na miña vida e non quería deixar aos meus fillos a mans do seu pai, o mesmo que pega palizas a sua muller e madre dos seus fillos.
Espero que con esta carta te deses conta do que fixeches mal,
pero por desgraza non hai volta atrás o que si espero e que ningunha outra muller sufra por culpa das tuas mans e oxalá o haia conseguido.


Nota sen gastos: Visto o traballo anterior, vai ser mellor non dicir nada sobre ideas peregrinas como as de igualdade de competencias nas linguas cooficiais, imposición del gallego, liberdade de elección de lingua e outras prosmadas conflitivas. O texto foi producido por indíxena de 14 anos. Ben se ve o perigo de extinción que corre la lengua de la nación española.

10.10.10

Brasil aumenta apoios à tradução

Lemos a nova no jornal portugués Público.
Imaxe de Daniel Rocha
Líbreme Deus de establecer ningunha comparanza. As cifras non a admiten. O que si se poden comparar son actitudes dos políticos foráneos e dos nosos. Desgraciadamente, tamén nisto calquera comparanza é ridícula. Non teño sentido dicir que a cultura brasileira estea "ensimismada". Polas medidas que toman ata parece que cren que a lingua é unha poderosa industria. Por estes lares prefiren explotar as mexericadas de la imposición del gallego, tirar libros ó lixo ou gastar unha pasta en convencernos da bondade do plurilingüismo, co Lalalá como música de fondo.
Como onte non dabamos atopado exemplos concretos para apoiar a parolada, hoxe (12-10-2010) podemos engadir estes dous pillados ó chou:
O da importancia da honra sen cartos ou o da honra lingüística da clase de tropa.
Lamentablemente non hai que esforzarse moito para atopar casos deste teor. Mesmo a prensa ben subvencionada está chea deles.

9.10.10

Verbos-2

Deixo esta ligazón ó test verbos galegos-2 por se queredes entretervos dous ou tres minutiños repasando as conxugacións.

Para acceder ó test, premede no título do post.
Se se detecta algunha gralla, prégase a comunicación.

Nota: p1=primeira persoa de singular; p3=terceira persoa de singular; p6=terceira persoa de plural, etc. 

Abur.

6.10.10

Brais Pinto e o seu mundo. Miniquest


Imos dar  unha volta polo VERBUM para botar unha ollada á exposición

Brais Pinto, o afiador revolucionario

No museo atoparemos un folleto que recolle amplamente a exposición. Tamén nos facilitarán unha unidade didáctica con propostas de actividades. Pola nosa parte, propomos esta sinxela miniquest para facer, individualmente ou por grupos, durante e despois da visita á  exposición.
Para acceder á miniquest, premede no título do post ou na ligazón.

2.10.10

Noticias de literatura-86

Teresa Moure publica A intervención: 
alude a un comando ecolóxico-artístico que xorde na novela como unha reacción social e política á apatía das vidas dos protagonistas (A Nosa Terra, 24-09-2010).
Herta Müller pode lerse de novo en galego. Marga do Val traduce Randea do alento:
En Randea do alento, Müller inicia a súa historia no 1945, cando se inicia a deportación da minoría alemá en Romanía aos campos de traballos forzados en Ucraína (Galicia Hoxe, 28-9-2010).
Sobre Herta Müller en galego é de interese o artigo de Miguel Anxo Fernán Vello no Galicia Hoxe (1-10-2010)
Rubén Ruibal vai ver representada Limpeza de sangue:
Logo de cinco anos no limbo, dous premios de prestixio e unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o dramaturgo Rubén Ruibal parece a piques de sufocar a maldición que persegue o seu texto máis coñecido (Xornal de Galicia, 1-10-2010).
Artigo de Camilo Franco (La Voz de Galicia, 2-10-2010): “Todo o ruído que fixo a Limpeza de sangue
Andrea Maceiras gaña o Meiga Moira (literatura infantil e xuvenirl) con Violeta tamurana:
A obra ten un heroe moi definido, que vence as dificultades a través dunha forte vontade e un desexo firme de servizo e sacrificio pola comunidade humana á que pertence. Asemade, destaca tamén a figura do mentor, exemplo e guía para dar un sentido aos obxectivos marcados.
Propón unha mensaxe non racista, poñendo en valor a tolerancia, sabedoría ancestral e a fusión coa natureza, ao tempo que significa a importancia relativa da verdade e o coñecemento para loitar contra a tiranía e o imperialismo, quen sustentan o seu dominio sobre os pobos a través do mantemento da ignorancia e do temor ao descoñecido e ao diferente (Xornal de Galicia, 1-10-2010).
Noticia da galardoada Andrea Maceiras Lafuente e da súa obra en La Voz de Galicia (2-10-2010).
Manuel Rivas, entrevista (ben ampla) en El Paìs por mor da saída de Todo é silencio:
"Agora, o plano económico pasa a ter o dominio por medio do diñeiro e outros medios de control social: o pazo, o coche que conduces", explica (El País, 1-10-2010).
María do Carme Kruckenberg despídese con A voz da auga:
Tanta expectación débese a un libro novo no que se insire o anuncio da retirada da autora da escrita poética. O posfacio de A voz da auga (Edicións Barbantesa, 2010) expón o carácter definitivo desta obra na que, segundo o texto editorial, "a madurez da verba lírica de María do Carme Kruckenberg alcanza o seu punto álxido" (El País, 1-10-2010).
Teatro do Noroeste pon en escena Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado:
A obra conta a historia dun grupo de cómicos que van facendo o Camiño de Santiago representando un tipo de pezas dramáticas medievais chamadas danzas de morte e, en ocasións, fan tamén algún auto sacramental. Na súa peregrinación teñen como guía o Códice Calixtino pero, debido a que manexan unha edición defectuosa do mesmo, apártanse da ruta e acaban perdidos nun bosque que está preto de Compostela. O grupo de cómicos atópase cun problema, xa que o actor que nas súas funcións fai o papel de Home Inocente fuxe coa actriz que encarna a Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións (La Voz de Galicia, 1-10-2010).
Marica Campo presenta Onde houbo lume, onde
novela a vida de once personaxes, once mulleres solteiras que quedaron varadas por motivos que non tiñan relación coa súa vontade (La Voz de Galicia, 1-10-2010).
Imaxes de Galicia Hoxe (Herta Müller) e La Voz de Galicia (Espello Cóncavo, Andrea Maceiras, Historias peregrinas).

23.9.10

Noticias de literatura-85

Manuel Rivas anuncia a próxima saída de Todo é silencio:
Trátase dunha historia de intriga ambientada nunha vila imaxinaria da costa -chamada Brétema - coa emerxencia do narcotráfico a finais dos anos setenta como pano de fondo. Un triángulo de rapaces -Leda, Fins e Brinco- protagonizan unha narración dominada, porén, polo Mariscal, un personaxe que, en palabras de Manuel Bragado, "quedará gravado na historia da Literatura galega" (Galicia Hoxe, 16-09-2010).
María do Carme Kruckenberg publica A voz da auga (Barbantesa):
un libro que, segundo a autora, marca un círculo existencial onde vai conectando diferentes etapas da súa vida. Son 84 poemas que percorren as catro estacións do ano e os seus 84 anos de vida (Galicia Hoxe, 17-9-2010).
Noticia da presentación da obra e entrevista coa autora no Xornal de Galicia (18-9-2010).
Entrevista con María do Carme Kurckengerg en La Voz de Galicia (18-9-2010).
Xosé Tobío Mayo recuperado:
O frade das dúas almas (Ed. Galaxia) foi escrita en tres ocasións diferentes, (a devandita edición desaparecida, otra redactada desde o labor memorístico da primeira e unha terceira datada por volta dos anos sesenta), os seus once capítulos encádranse arredor dos espazos e da vida aldeá, vilega e urbana (Compostela ten un peso importante e sobresaen algúns espazos típicos) e encaixa no que acostumamos denominar novela de aprendizaxe como sinalan os autores da edición Teresa López e Xoán López Viñas: "A infancia de Leliño e dos seus compañeiros de estudos, Mingos e Manuel, as probas a que son sometidos, a súa iniciación amorosa, a crise vital que se manifesta como crise de fe..." (Galicia Hoxe, 18-9-2010).
Xavier López publica Os libros prestados:
o importante son os personaxes de cada un dos relatos: un catedrático de literatura ao que as súas lecturas de mocidade o levaron a ser voluntario da División Azul; un vendedor de enciclopedias; un pensador, ou un teórico da literatura que sostén que o trascendente non é o que se escribe senón por qué se escribe (Xornal de Galicia, 18-9-2010).
Sobre Libros prestados e outras obras, véxase este post de Ferradura en tránsito.
Inma López Silva gaña o premio Pousadas de Compostela
cun relato titulado O despacho de Molly Bloom, “unha historia sobre un cura trotskysta que un día decide facer o Camiño... e non conto máis”, sinalou a escritora (Xornal de Galicia, 19-9-2010).
Víctor Freixanes publica Cabalo de ouros:
Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos (Xornal de Galicia, 19-9-2010).
Retranca, Premio Ourense de Banda Deseñada.
Aínda que a Santa Compaña os persegue, desta volta coa gadaña da crise -o que os obrigou a reducir a súa perioricidade de mensual a bimestral ante a caída de publicidade-, o certo é que o seu humor gráfico "sen censuras e politicamente incorrecto" conseguiu facerse cun público fiel. A súa sátira diríxese tanto á polémica da lingua como aos "chistes" de Rosa Díez ou o feísmo urbanístico. "O noso interese é falar do que na prensa seria nunca se fala, sacarlles punta ós temas que están na rúa, nas cafeterías, nas tendas... A crítica chega mellor a través do humor. E iso é algo que falta en Galicia. Aquí non houbo nunca revistas satíricas senón que o humor se dirixía máis á reflexión. Agora que levamos tres anos, nótase que os autores que colaboran con nós foron perdéndolle o medo a falar de determinados temas", comenta Kiko (Galicia Hoxe, 21-9-2010).
A Porta Verde presenta Sétimo andar, poesía alén:
Os seus integrantes afirman que máis ca un colectivo pretenden ser un espazo, xa que consideran a poesía como “un espazo aberto onde sempre é posible un encontro que se constitúe nunha máxica coincidencia de soños (im)posíbeis” (Xornal de Galicia, 20-9-2010).
Manuel Núñez Singala, entrevistado no Xornal de Galicia (22-9-2010) por mor da presentación de Menú de enganos:
Ofrécese un conxunto de relatos que teñen un punto en común: o engano. Ademais, preséntase ao xeito dunha carta, xa que en función do tamaño de cada relato e se é máis ou menos dixestivo, cada conto se converte nun entrante, nunha sobremesa ou nun primeiro prato.
Os Ancares, a serra esquecida acaba de saír á luz publicado por Teófilo Edicións. Trátase dunha compilación de reportaxes do periodista Enrique de Arce que denunciaban o illamento e abandono desta terra (Galicia Hoxe, 22-9-2010).

19.9.10

Marcos Calveiro. O pintor do sombreiro de malvas. Cuestionario


Cuestionario guía para o club de lectura d’ O pintor do sombreiro de malvas.
(Nota previa: todas as cuestións procuran unha resposta baseada na lectura da novela.)

  1. Na novela, o narrador ocupa boa parte do seu tempo no gozo de ler.Relaciona as obras obxecto de lectura. Analiza a valoración que a sociedade descrita na obra ten das lecturas que se citan e da xente que le. [Para empezares, bótalle unha ollada ás páxinas 14, 26, 39 e 156.]
  2. ¿Quen narra a historia? ¿Cal é o punto de vista adoptado na novela?
  3. ¿En que época se ambienta a novela? ¿Cales son as características máis salientables desa época?
  4. O título da novela é anecdótico.Explícao.
  5. Quen vén sendo o pintor do que se fala na obra?
  6. ¿Podes establecer unha relación entre a personalidade do pintor e a técnica pictórica que emprega? [Véxanse pp. 20-21, 28 e 73.]
  7. Despois da lectura da novela, ¿como dirías que anda a cabeza do pintor Vincent?
  8. No contexto da obra, ¿que valor ten a expresión “A tristura non rematará xamais” (pp. 167, 173).
  9. Se contrastas a biografía do pintor coa figura que del se dá na novela, ¿temos a mesma imaxe do personaxe?
  10. Analiza a figura do sacerdote.
  11. Analiza a relación narrador-Adeline.
  12. ¿Dáse na obra outra relación que representa o contrapunto da anterior? ¿Quen son os protagonistas? Compáraa coa anterior.
  13. Como lector, ¿consideras que queda algunha liña argumental sen desenvolver?
  14. ¿Que decisión vital toma o protagonista-narrador?
  15. Por certo, ¿como se chama o protagonista-narrador? ¿Que recursos se utilizan para dirixirse a el?
  16. Describe o proceso de deterioración psicolóxica do pintor.
  17. ¿En que modo inflúe a pintor na madurez do protagonista-narrador?
  18. ¿Pode dicirse que a novela describe a confrontación de dous mundos? ¿Cal é a túa opinión ó respecto?
  19. ¿De que outros pintores se fala na obra? ¿Teñen algunha relación co noso pintor? [Véxanse pp. 47, 80, 105.]

Marcos Calveiro, O pintor do sombreiro de malvas, Vigo, Xerais, 2010. Premio Lazarillo 2009.

17.9.10

Roberto Blanco Torres, aínda desaparecido


Para os que nos debruzamos sobre a lingua e a literatura do país a figura de Roberto Blanco Torres é de visita obrigada.
Foi o escritor homenaxeado o Día das Letras do ano 1999. Daquela soubemos que perderamos a persoa cando a carraxe nos cubriu cunha longa noite de pedra, pero tamén descubrimos que nos quedara o modelo ético e estético que cómpre non esquecer.
Hoxe lemos, con emoción e desazo, o artigo "A dobre desaparición de Roberto Blanco Torres", de Cristina Huete (El País, 17-9-2010), que nos debe servir como motivo lembranza e reflexión.
Sobre o mesmo feito, vemos tamén a testemuña de Juan L. Blanco Valdés.