6.9.10

Rubén Ruibal. Delimvois

1. Delimvois é a escenificación dun estado do comportamento dos individuos que teñen a “sorte” de vivir nun Estado Único. O espectador -integrado no mesmo escenario que os tres personaxes da obra- vai vivindo o pesadelo de calquera habitante de Estado Único:
a) O poder exérceo un Comité mudo e omnímodo co que non se pode comunicar directamente.
b) Todo habitante debe profesar unha fe cega no Estado e no seu modelo de sociedade.
c) O Estado Único é o creador dun mundo perfecto e imperecedoiro, por principio.
Mais así e todo
d) A xente ten unha existencia virtual para o Comité para o que non ten máis categoría ca unha rata de laboratorio.
e) Nese mundo perfecto, as persoas vense sometidas a un proceso de “kippelización” (pp. 47-48).
f) Nas leis do Estado Único, o pensamento, a imaxinación e a fantasía son delitos.

2. A obra baséase en Nós (1921),  de Ivanovich Zamiatin (Lebedian 1884-París 1937), obra prohibida pola censura soviética. Aínda que Zamiatin se inspira no seu coñecemento e experiencia do socialismo ruso, inicia unha ampla e rica liña de sátiras futuristas que critican os totalitarismos e o seu obxectivo de controlar cientificamente a vida de todos e cada un dos seus súbditos.
Entre a novela de Zamiatin e a peza teatral de Rubén Ruibal median case que cen anos, pero constatar a actualidade do tema que tratan non deixa de causar certo desazo no espectador, quen se ve implicado na escenificación (unha furna transparente que permite ver e ser visto; que permite vixiar e ser vixiado).
En Delimvois o experimento para controlar os sentidos e a memoria dos cidadáns fracasa. Os tres personaxes que se moven pola furna son “disidentes” xa no seu propio físico: un cego, un xordo e unha científica de sexo indefinido máis próxima ó seu obxecto de estudo ca ó Comité... Como para esperaren un final feliz.

3. Sobre a obra:
  • Noticia da estrea da peza en Compostela “un espectáculo a cargo do grupo portugués Teatro Oficina en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG)”, baixo a dirección de Marcos Barbosa (La Voz de Galicia, 20-05-2009).
  • Alicia crece recolle a crítica de Manuel Xestoso (“Vladimir e Estragón nun mundo feliz”) publicada n’A Nosa Terra: “Delimvois: primeira crítica”.
  • El Correo Gallego, sección agenda, dá breve noticia sobre o horario do espectáculo e a trama da obra.
  • Dossier Delimvois, presentado polo CDG. Fornécenos de información sobre autor, obra, espazo escénico e outros datos de interese.
  • A páxina de Xerais recolle a crítica de Armando Requeixo publicada no Faro de Vigo e no suplemento “Saberes” de La Opinión A Coruña: “Literatura visionaria. Zamiatin en Ribadeo”.
  • Crónica da fuxida eterna” é o título con que nos achega a Delimvois o Galicia Hoxe de 21-05-2009.
  • Vía Láctea: vídeo (42:16 minutos) coa entrevista a Rubén Ruibal por mor do Premio Nacional de Teatro.
  • Diario de Felgueiras dános noticia de Delimvois e doutros espectáculos.


Rubén Ruibal, Delimvois, AGADIC/Xerais, 2009.

4.9.10

Noticias de literatura-83

Xosé Carlos Caneiro fala en La Voz de Galicia por mor da presentación de Un último destino:
Esta novela é unha meditación poética sobre a existencia. As miñas dez novelas son unha novela. Chamarémola novela fenomenolóxica: procuro sempre a esencia dos personaxes, a súa humanidade, non o mero relato das súas peripecias. A miña linguaxe fáustica non tería sentido noutro mundo literario. En Ámote ou Un xogo de apócrifos ou A vida nova de Madame Bovary ou Ébora está plenamente xustificado. Un último destino é a consumación de todo o mundo novelesco anterior (La Voz de Galicia, 6-08-2010).
Ánxel Vázquez de la Cruz presenta Luz de tebra. No artigo “Un escritor tardío”, Pablo Vaamonde fálanos do autor e da súa obra (Galicia Hoxe, 9-08-2010):
Trátase dun feixe de relatos situados en contornos xeográficos que forman parte da súa propia biografía: Tui -a súa infancia-, Santiago -os anos de Universidade- e A Coruña -onde desenvolveu a sua vida profesional durante moitos anos-. É, polo tanto, un libro autobiográfico, na medida que recolle historias de personaxes reais ou inspirados na realidade vivida polo autor, que son retratados nestas páxinas con grande habilidade narrativa e intensa proximidade afectiva.
Artigo en El País (14-08-2010) sobre Ánxel Vázquez de la Cruz e a súa obra.
Diego Ameixeiras anuncia a publicación de Asasinato no Consello Nacional para setembro:
O caso é nada menos que o asasinato dun dirixente do BNG cando sae dunha reunión do Consello Nacional. A novela é «unha clara homenaxe a Vázquez Montalbán», autor dunha novela negra publicada en 1981 que levaba por título Asesinato en el Comité Central (Planeta), na que nunha reunión rutinaria do PC español apáganse as luces e aparece morto o seu secretario xeral; a investigación corre a cargo do comisario Fonseca, designado polo Goberno, e de Pepe Carvalho, o detective creado por Montalbán que cumpre aquí o encargo do PC (La Voz de Galicia, 21-08-2010).
Agustín Fernández Paz tamén anuncia para setembro a presentación d’ As fronteiras do medo, un libro de relatos de misterio.

22.8.10

Xosé Monteagudo. Un tipo listo

0. Xosé Monteagudo cóntanos en Un tipo listo a historia dun desfalco considerable. Manolo, director dunha sucursal bancaria en Vigo, montara unha banca paralela co único fin de facerse cunha boa fortuna persoal.As manobras financeiras do director só se descobren despois da súa morte repentina. Os seus fillos (Darío e Ricardo) vense envoltos nunha perigosa lea xudicial, porque o banco procura recuperar nos herdeiros o roubado polo pai.
Darío, o fillo máis vello e  narrador da historia, leva a cabo dúas pescudas paralelas sobre a figura de seu pai: a profesional, que chega ó cume co desfalco artellado, e a persoal, que bota luz sobre o papel de marido e pai de familia. Ambas as dúas serán os fíos que ganduxen a vida do individuo e da época que lle tocou vivir.
Se aforranmos a indulxencia que se ten cos falecidos, resulta que este Manolo --o fillo tamén se refire a seu pai polo nome-- vén sendo un rapaz morto de fame fillo dun republicano asasinado polos falanxistas. Na posguerra, primeiro por necesidade e despois por comenencia, acepta a axuda e a amizade dun peixe gordo do réxime (non exento de responsabilidade na morte de seu pai) para medrar económica e socialmente. Deste personaxe apredeu que se non tes habilidades para facer diñeiro non es un tipo listo. Tampouco dubida en abandonar a moza embarazada para casar con outra que non ama, pero que considera un bo partido. Os fillos teñen na memoria a frialdade do trato familiar.
Cando o padriño político cae en desgraza e o botan fóra da vida política por un escándalo financeiro, Manolo ve coutadas as medras no banco e queda profesionalmente confinado na súa sucursal, como nunha especie de xubilación.
Darío descobre un cambio na vida de Manolo: o namoramento de María, que fai espertar o lado humano que nunca antes amosara. Así e todo, a morte repentina non deixa lograr esta nova faceta.


1. O narrador tamén nos amosa a súa propia vida, que se vai facendo á contraimaxe da do pai. O diñeiro e o éxito profesional non son os valores máximos polos que se rexe; as relacións que establece cos semellantes baséanse no afecto, no respecto e na ética; asume as súas responsabilidades como pai. Aínda que isto último semella máis unha promesa de futuro, o desexo de non repetir erros de seu pai.
O lector atópase cun relato que confronta sistematicamente dúas épocas, dúas personaxes e dous modelos de vida incompatibles.


2. Francisco Martínez Bouzas inclúe esta novela "dentro do subxénero detectivesco", advertindo que os detectives profesionais son aquí personaxes marxinais. O contratado por Ricardo é simplemente unha cita. Quen leva o peso das pescudas e nos fai vivir a intriga é o narrador (Darío).
Se ben a aclaración do desfalco é o fío principal da novela, o narrador toca coa mesma intensidade outros temas. Deste xeito, amósanos a falta de escrúpulos dos que se fixeron co poder despois da guerra civil; a loita pola supervivencia dos vencidos; a mentalidade dos triunfadores de calquera época e condición, sen asomo do menor sentido ético; as relacións de parella; as relacións pais-fillos...


3. Falan da novela:

Xosé Monteagudo, Un tipo listo, Vigo, Galaxia, 2009.

20.8.10

Dos gallegos sin acento

Nestes días andan algo alporizados algúns xerarcas do Partido Popular por mor do acento da candidata socialista á presidencia da comunidade de Madrid. Como todos sabemos, no PP só se escoita un único acento: o acento patrio, inherente e connatural “al hablar cristiano”. Teñen toda a razon do mundo, e aínda máis, en preocupárense. Se se fala raro ou “cerrao” xa se sementou a bacteria que minará “la unidad de España”. O do acento non é ningunha parruada. Ten entidade abonda como para consideralo o primeiro problema nacional, por enriba do paro, do terrorismo e da existencia dos propios politicos, da corrupción, do amiguismo, dos amaños de oposicións, da privatización de servizos públicos, dos lumes, das chamuscaduras... Todo iso é unha miudalla en comparanza co acentiño. Tampouco importa moito que un xerarca sexa un falabarato sempre e cando non teña acentiño raro: só acento nacional.
Esta lección básica téñena ben deprendida os políticos procedentes do oeste do “telón de grelos”. Reparemos nos que triunfan: todos son, por principio, españoles y sólo españoles; e ningún ten acento gallego nin cheira á verza regional.
Sentados estes principios fundamentais, déixanme cos ollos escarramelados estes dous artigos que leo no xornal Público (20-08-2010). Aviso por adiantado que se trata, seica, dunha publicación algo “rojilla”.
O primeiro texto co que tropezamos (p. 18 da edición en papel) trátase dunha entrevista a Tomás Gutier: “En España el andaluz es la lengua del inculto”. Quixera reparar neste treito que se comenta só:

Nuestra realidad es la de un pueblo conquistado. Fuera de Andalucía se desprecia porque es la lengua del territorio inculto, la del gracioso y así se promueve en todas las televisiones, principalmente en Canal Sur. Con el gallego ocurría, o se ha intentado que ocurra, pero ellos pertenecen al bando de los ganadores y se han hecho respetar.

Haberá que lle preguntar a don Tomás Gutier as razóns de meter o galegos no “bando de los ganadores”. Agora mesmo non me vén ningunha á cabeza. E no tocante ó respecto pola lingua... podemos facerlle recordatorio da polémica suscitada non hai tanto polas acepcións de “gallego” do DRAE ou polo decreto plurilingüe de Feijoo. Representan a quintaesencia do respecto.
O segundo texto, máis vello no tempo, refírese a unha anécdota vivida por Santiago Carrillo, nado en Xixón en 1915:

Con 9 años su familia se trasladó a Madrid y, fiel a su naturaleza guerrera, lo primero que se encontró fue una batalla: "Uno me llamó gallego. Todavía tengo por aquí la señal de la pelea. La calle estaba en obras, uno me tiró una piedra y acabé sangrando por la cabeza".

Aínda que se trata do típico artigo de verán, non temos por que tomalo á lixeira. O de “gallego” deixa estigmas, polo que se ve.

18.8.10

Manuel Lourenzo. Flores de Dunsinane

Na cámara real do castelo de Dunsinane agoniza o vello rei Fleance. Na agonía aparécenselle os fantasmas dos Macbeth, que reviven o seu reinado sanguento e tiránico.
Fleance é fillo de Banquo, compañeiro de armas de Macbeth. No proceso de usurpación do reino, Banquo correu a mesma sorte dos amigos, compañeiros e posibles rivais de Macbeth: foron asasinados, o mesmo que os seus fillos. Pero Fleance salvouse porque fuxiu a tempo (advertido por seu pai, segundo os Macbeth; por decisión propia cando descubriu que  Banquo pretendía facer o mesmo cos Macbeth, segundo confesión do propio personaxe). Pasado un tempo, Fleance retorna e faise coa confianza dos Macbeth, ós que despraza do poder.
Consumada a vinganza, o reino inicia un período de paz. Así o recoñecen os espíritos dos Macbeth. Estes fantasmas non parecen atormentar gran cousa ó vello Fleance. Máis ben é a parella de tiranos a que vén á presenza do rei moribundo para facerlle ver que seguen coa conciencia torturada dos usurpadores que sofren o acoso das súas vítimas. Segundo Lady Macbeth, “a conciencia precisa de repouso” (p. 21); o espectador queda coa sensación de que serán os espíritos dos Macbeth os que non atoparán acougo nin despois da morte dos que o botou do poder.
Na peza represéntase a loita sensatez/cobiza; gaña a segunda, representada por Lady Macbeth: “Eu estou no meu xuízo! Eu vou colaborar contigo para edificarmos un reinado indestrutíbel! Fagamos xuntos o Novo Estado, Macbeth! Co teu prestixio e a miña axuda poderemos construír a eternidade!” (p. 39).

Falan da obra:
  1. Xerais.es: presentación editorial.
  2. Biblioteca Sarmiento, do IES de Curtis: referencia da obra e do premio.
  3. La Región (19-10-2009): dá noticia do palmarés do autor.
  4. Laopiniocoruña.es: noticia do galardón.
  5. La Voz de Galicia.
  6. Galiciaé: recolle as opinións do xurado e do autor.
  7. Xornal de Galicia: noticia da varios premios teatrais.
  8. La Voz de Galicia: recolle opinión do autor sobre esta obra.
  9. Búsola, revista: nova do evento.
  10. Centro Dramático Galego: nova da entrega do premio.
  11. Praza das Letras: noticia do galardón e breve currículo de Manuel Lourenzo.
  12. Galicia Hoxe: entrevista con Manuel Lourenzo na que se fala da xénese da obra e doutras cuestións relativas ó teatro.
  13. A Nosa Terra: noticia da entrega de premios teatrais e outras novas relativas ás artes escénicas.
  14. Laopinioncoruña: entrevista con Manuel Lourenzo na que se fala desta peza e das relacións do teatro co poder.



MANUEL LOURENZO, Flores de Dunsinane, Compostela, AGADIC/Xerais, 2010. Premio Álvaro Cunqueiro.

1.8.10

Noticias de literatura-82

Xavier López Rodriguez publica Hai que ir morrendo, que "trata sobre a dignidade de completar naturalmente o ciclo da vida" (A Nosa Terra, 27-06-2010).
Teresa González Costa fala con Manuel Vidal (Galicia Hoxe, 5-07-2010). A escritora, gañadora do Merlín 2010, fala de literatura e compromiso.

Vicente Araguas fala no Galicia Hoxe (7-07-2010) por mor da publicación de Xuvia-Neda, libro de relatos que homenaxea a súa terra natal:
"Son un traballador da memoria, si. Este é un libro realista, que tamén ten algo de realismo máxico", -a casa que chora, a Pirucha que defeca subida a unha árbore...-. Realidade e ficción constrúen unha atmosfera evocadora, que mesmo provoca no lector a arela de coñecer, sentir os espazos míticos dos que se fala, ou que deles queda. A pegada cinematográfica, como a musical, é intensa: o ritmo, a forza do sensorial...

Cormac McCarthy vertido ó galego por Eva Almazán. Faktoría K edita A estrada (The Road):
A estrada é unha crónica sobre o mundo posterior a unha catástrofe nuclear, que indaga sobre se é posible o amor e a esperanza na devastación total. "Este libro é difícil de resumir: poderiamos dicir que son un pai e un fillo que camiñan pola estrada nun mundo apocalíptico pero quedaría moi curto. O valor da obra vai máis alá, é moi importante a reflexión filosófica e a beleza poética que fai", asegura [a tradutora].

Tamén se recolle a noticia no xornal El Mundo:

Ese pesimismo, esa soledad, ese oscurantismo que recuerda a los 'Séculos Escuros' que hundieron a la literatura gallega durante los siglos XVI, XVII y XVIII, lo transmite el norteamericano en esta crónica del viaje que padre e hijo dan a lo largo de una carretera de un mundo post apocalíptico.

Sin poder evitar teletransportarse a catástrofes como la de Chernobil o 'hechos' como la bomba de Hiroshima, los protagonistas caminan hambrientos y medio desvanecidos, en un decepcionante mundo de frío, nieve, niebla y de profundo silencio. Un carro de supermercado con algunas pertenencias les acompaña, toda una trampa mortal ante los supervivientes en el caminar hacia una posible costa salvadora. ¿Ciencia ficción o triste realidad?

Manuel Portas publica Doce recendo a salgado (Xerais), novela que ten como protagonista a Arousa. (Para os seguidores do tema do narcotráfico na narrativa tamén lles recomendo a lectura de Sarou, de Caride Ogando).
Con temática semellante, aínda que sen sinalar ningún lugar concreto, Manuel Rivas anuncia a próxima publicación de Todo é silencio:
“Acontece nun lugar imaxinario con referencias reais da costa atlántica. Nárrase o ascenso dun capo do contrabando, pero o realmente esencial na obra son as personaxes. O contrabando é simplemente o pano de fondo”, adianta o académico Manuel Rivas (Xornal de Galicia, 27-07-2010).
Xoán Manuel Casado recuperado por ANT, que lle publica Volta e revolta, novela aínda inédita:
Protagonizado por un guionista de cine que regresa desde Francia para ver el lugar donde habían paseado a su padre en el 36, Volta e revolta "es literatura pura, concentrada, dirigida a gente acostumbrada a leer". Casado redactó la obra, sin puntos y aparte y narrada en segunda persona, a comienzos de los noventa. "Contra la obsesión que existe en Galicia por la novela larga", explica González Gómez, "Casado demuestra que se puede escribir una gran novela corta" (El País, 13-07-2010).
Antón Lopo gaña o Gacía Barros 2010 con Obediencia, novela que
narra unha aventura futurista na Galicia do Século XXII, a cal se atopa dividida entre unha república controladora e orwelliana que ten por capital Santiago, e un territorio desértico e desolador baixo o dominio dunha resistencia que se opón a esa tiranía (A Nosa Terra).
Crónica de Mónica González no Galicia Hoxe:
Con esta novela ciencia ficción o autor monfortino volve sorprender nun traballo marcadamente de xénero "e non excesivamente fácil", confesa emo­cionado logo de saber do recoñe­cemento. Igual que noutras novelas como Ganga ou O riso de Isabel Hill, Lopo tece un universo imaxinario con historias parale­las.
Elías Portela (Elias Knörr para os islandeses) publica Cos peitos desenchufados:
que supón “unha nova viaxe literaria baseada na imaxe poética, na súa forza e nas posibilidades da palabra” (Xornal de Galicia, 21-07-2010).
An Alfaya gaña o Premio de Novela por Entregas con Vía secundaria:
Unha historia que se alimenta de varias tramas persoais, un matrimonio en crise, un accidente de tráfico que marca un punto de inflexión a varias vidas e, de fondo, un relato sobre a soidade e a incomunicación nos nosos días, un virus silencioso pero moi estendido (La Voz de Galicia, 21-07-2010).
O xornal patrocinador publica esta entrevista con An Alfaya.
Manuel Lourenzo gaña o Premio Abrente 2010 para textos teatrais con Aquelas cousas do verán:

Aquelas cousas do verán, ademais, posúe en opinión do xurado grandes posibilidades escénicas mediante a creación "dun universo de ficción onde o bo manexo das convencións ou da intertextualidade dotan a obra dunha calidade e madurez especial".

Trátase dun texto, engaden, "que bota man para a súa composición de moi dosificadas pinceladas simbólicas pero que trata con profundidade e moi interesante e transversalmente a actualidade. É unha peza profunda que fala das relacións entre as persoas cun impecable dominio da tensión dramática" (Galicia Hoxe, 22-07-2010).

Entrevista con Manuel Lourenzo no Xornal de Galicia (26-07-2010):
"Non hai nada autobiográfico nela, pero está influída polas paisaxes humanas e físicas dos lugares nos que vivo. Son os escenarios nos que se moven os protagonistas que teñen un punto en común que é o amor. Hai algunhas historias amorosas que nalgún momento reverdecen ou que quedaron aí. Creo que ten un ton lírico porque busquei unha estrutura coa que prescindir de acotacións e de determinados elementos que non están nas personaxes, omítese a técnica teatral".
Francisco Castro, entrevista no Galicia Hoxe por mor da publicación de O segredo de Marco Polo
(Galaxia).
Elena Veiga Rilo gaña o Biblos-Pazos de Galicia de novela. Baixo o título de "A xeración feisbuc", lemos no Galicia Hoxe (24-07-2010):
A igrexa, a pedofilia, os malos tratos, a violencia de xénero, os marxinados sociais, o mundo da moda, a hipocrisía enquistada e aceptada polos cidadáns, a droga, a transexualidade, a aparencia, a fraude, os traumas da infancia que quedan como tatuaxes na alma... Son algúns dos aguillóns sobre os que dirixe unha crítica "mordaz a irreverente" a moza Elena Veiga (Guísamo-A Coruña, 1991), que con só 19 anos, se fixo onte co VI Premio Biblos-Pazos de Galicia pola novela Morto en fucsia.

Pinto & Chinto publican Contos para nenos que dormen deseguida:
«Son contos para antes de durmir, e non como aquel tan longo que, cando o acabas de contar, xa era hora de que o neno fose ao colexio», reza en la contraportada. O pirata moitabarba, O príncipe e a princesa, A serea e o humano o O volcán durmido son aparentemente historias tradicionales, pero en Contos para nenos... todos ellos guardan un secreto (La Voz de Galicia, 29-07-2010).
Rematamos a recolleita de noticias con esta referida ó peso do capital da cultura no país, así como a constatación da falla dunha decidida e clara política cultural. La Voz de Galicia recolle a expresión "cortoplacismo pataqueiro". O sector do libro e bibliotecas presenta un panorama edénico, segundo a descrición do Xornal de Galicia. Para quen isto escribe, industria cultural e industria lingüística van indisolublemente xuntas. Pero como estamos nun ¿país? libre non nos queda outra que aceptar que haxa quen prefira pendurar tales industrias nos cornos dunha toura. Se cadra, non anda moi desencamiñado.

26.7.10

"Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias"

Copio, pego e deixo a ligazón da noticia que publica o xornal El País (26-07-2010):
Estaba en la Alameda de Compostela y quería llegar a la plaza de Pescadería Vella. Al cruzar en el semáforo de la entrada al casco histórico en la noche del sábado, en plenas fiestas del Apóstol, una periodista de EL PAÍS, andaluza, preguntó a una señora por dónde tenía que ir usando el nombre oficial del lugar, en gallego. Lo hizo al lado de un grupo de independentistas que se concentraban pacíficamente, rodeados por decenas de agentes de la Policía Nacional. Un antidisturbio la agarró del brazo: "Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja. Tú, que eres de fuera, deberías saberlo", le reprendió. Acto seguido le espetó: "Corre, no vaya a ser que te demos unas hostias". Fue antes de que los antidisturbios comenzaran a cargar contra los concentrados.
Menos mal que vivimos nun país democrático "y plural, del que nos sentimos orgullosos".
Imaxe de El sospechoso inusual.

4.7.10

Xaquín Marín. Cen + cen pés


En total douscentos pés. Os cen primeiros publicados por Ediciós do Castro ós que se lle sumaron outros tantos nesta nova edición. Duascentas variantes dun mesmo e único pé: o do poder esmagador.
Xaquín Marín preséntanos o seu coñecido pé calcador, espido case que sempre; ás veces etiquetado; ás veces con calzado de marca fina; esquerdo ou dereito; branco ou negro... En todos os casos, a función do pé é esmagar a eito as nosas siluetas. O mundo é unha bóla que pode ser couceada por ese pé todopoderoso. O peor aínda é que entre os esmagados hai quen o comprende ou o bota en falta se lle dá un respiro. Ata hai quen soña con preparar os fillos para que os calque un pé da familia. Ninguén se libra do pé, nin o propio autor, que se concede o dasabafo de lle facer un sete co lapis aguzado.
Despois de ollar o libro de Xaquín Marín cómpre anotar unha excepción no valor da expresión “pensar cos pés”, porque estes dos que falamos dan moito que pensar.

Atopamos noticias do libro en:
  • La Voz de Galicia. Sonia Dapena recolle nun artigo a presentación da obra e salienta o seu aspecto acedamente crítico co poder e coa sociedade que o atura.
  • O trasno viaxeiro. Lembra o trazo dramático.

Non se poden saltar os prólogos. O de Alexandre Marín Oliva (“Os pés como metáfora”) resulta un magnífico exemplo da utilidade da lectura para a vida. Advírtenos que non temos nas mans unha obra humorística, senón “un drama sen solución” (se cadra porque os esmagados somos a razón da existencia do pé).
O de Isaac Díaz Pardo (“Lección de anatomía”) é o prólogo da primeira edición. Nel fai unha reflexión sobre o humor e remata por poñer en solfa a “democracia participativa” que tamén se ve atravesada por ese pé, sen moito disimulo.


Xaquín Marín, Cen + cen pés, A Coruña, Embora, 2007.

29.6.10

Noticias de literatura-81

Iolanda Zúñiga fala de Periferia, novela coa que acaba de gañar o Xerais 2010:

"Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras" (Galicia Hoxe, 15-06-2010).
Iago Martínez entrevista a Iolanda Zúñiga, que fala sen pelos na lingua para o Xornal de Galicia (28-06-2010).
Teresa González Costa, premio Merlín 2010 fala de literatura infantil con Vanesa Oliveira (Galicia Hoxe, 16-06-2010):

"Como adultos, cando lemos nun libro os equilibrismos sobre unha corda, entendemos tamén os equilibrismos na vida. Os meniños senten o mesmo, pero dunha forma diferente, máis intuitiva. A infancia é un mundo moi sensible, no que os nenos sofren diferentes situacións que hai ao seu redor. A protagonista do libro, sofre o autoritarismo da súa tía Perfecta e outras cousas relacionadas co pasado de seu pai, que roubaba bicicletas".
Mar Guerra publica Xenaro e a hucha do indiano.
Manuel María: presentación do inédito Cecais hai unha luz.
An Alfaya
premio San Clemente pola novela Areaquente:

(...) en la que narra las vivencias de un fotógrafo que, huyendo de la dolorosa experiencia del desamor, se sumerge en las desolados callejones de un sitio que lleva por nombre el título del libro (Faro de Vigo, 21-06-2010).
A narrativa de An Alfaya caracterízase "por unha mirada de tenrura cara ós máis febles, os nenos, as mu­jeres, os marxinados, e as xentes que non atoparon un espazo digno na so­ciedade" (Galicia Hoxe, 22-06-2010).
Noticia do evento en El País.
Entrevista con An Alfaya con Jorge Lamas en La Voz de Galicia (27-06-2010):
Areaquente é unha personaxe espacial. É a creación e recreación dun espazo físico onde as personaxes físicas vanse desenvolvendo e iso si que é un espazo imaxinario que eu non sei exactamente onde está. Partindo da nada, ti recreas e reinventas ese espazo ideal para que os teus personaxes se movan. É o que necesitou a novela. O que quixen contar está aí, partindo dos elementos que eu necesitaba. Preferín inventar un espazo novo, no senso de que non existe na realidade, pero que posiblemente estea en calquera sitio. Ata houbo persoas que o identificaron con lugares concretos.
Manuel Darriba gaña o González Garcés 2010 co poemario Os indios deixaron os verdes prados:

Sobre o título do poemario, dicía onte Darriba que ten un aire melancólico e irónico, «de certa perda, que é o espírito do libro, esa mirada melancólica sobre o efecto do tempo vai provocando na vida» (La Voz de Galicia, 23-06-2010).

Lemos en Vieiros:
De entre as 78 obras a concurso, o xurado decantouse pola de Darriba baseándose "na súa orixinalidade, a súa tensión dramática, e polo xeito de artellar o mundo do cotián con imaxes visionarias”. O tribunal tamén gabou a “madurez e forza expresiva” duns “poemas breves e concisos, de elevada concentración".
Xoán Babarro e Nuria Díaz premiados con Pura e Dora Vázquez de literatura e ilustración.
Rematamos esta recolleita cunha mala nova:
non se celebrará o Salón do Cómic de Cangas por falta de financiamento ou da crise ou...

17.6.10

Verbos-1

Déixovos este test (verbos-1) para que fagades unha pequena práctica de conxugación verbal. É faciliño. Se detectades algunha gralla, facédeme o favor de ma comunicar. Grazas.
A resposta pódese escribir con maiúsculas ou minúsculas, pero sen esquecer os acentiños.
(Nota: p1= primeira persoa de singular; p4= primeira persoa de plural etc.)
Divertídevos.

Imaxe de mailxmail.

13.6.10

Noticias de literatura-80

Corral Iglesias poblica O livro de barro. Recensión de María Peteira no Galicia Hoxe. Entrevista co autor en La Voz de Galicia.
Premios da Crítica 2010. A noticia, máis extensamente tratada, e outras con ela relacionadas atopámola en Vieiros.
Uxío Novoneyra en cómic:
Uxío Novoneyra: a voz herdada é o título do tebeo que Kike Benlloch escribiu e David Rubín debuxou no que ambos repasan a vida e obra do poeta courelao vista a través dos ollos de Celestino, un personaxe ficticio saído do seu maxín e que encarna a un lector conmocionado cos versos do bardo (Galiciaé, 26/05/2010).
A noticia dános tamén a ligazón para o blog de David Rubín que dedica un post a falar do proxecto.
O armiño dorme
, novela de Neira Cruz, premiada no Brasil:
O armiño dorme -Premio Raína Lupa 2002, publicado por Galaxia no 2003-xa foi traducido ao catalán e ao castelán, ademais do portugués. Son numerosos os recoñecementos que leva recibido en todas estas linguas de recepción. A versión catalana foi destacada coa inclusión na Lista de Honra do IBBY, e a versión castelá considerada polo Banco del Libro de Venezuela como un dos dez mellores libros xuvenís do mundo no 2008. Tamén a Internationale Jugendbibliothek de Múnic incluíu O armiño dorme na prestixiosa lista dos White Ravens, o elenco dos mellores libros infantís e xuvenís a nivel internacional. Este novo galardón vén completar unha traxectoria internacional de O armiño dorme que sitúa esta obra entre as de máis proxección exterior da literatura galega dos últimos tempos (La Voz de Galicia, 1/6/2010).
Carlos G. Reigosa fala con Montse Dopico da súa obra, especialmente sobre A lei das ánimas (Galicia Hoxe, 3/6/2010).
Manuel Fabeiro: o Concello de Noia publica unha edición facsimilar do poemario Quechemare da saudade:
O título da obra fai referencia a unha embarcación de vela pequena, que Fabeiro utiliza como un símbolo para indagar "na realidade da ausencia da terra, a lonxanía, a saudade". O propio autor incluía ao final do libro unha nota na que dedicaba Quechemare da saudade aos emigrantes galegos de Bos Aires, entre os que nomea amigos como Ramón Villar, Luís Seoane, Xosé Núñez Búa, Xosé Conde, Eliseo Alonso e, en especial, a Castelao, "figura que conta cunha relevancia fundamental en parte do contido do libro", apunta Castro. O poemario divídese en catro partes. Na primeira, o poeta vincula vida e traxedia na existencia dos homes do mar. El mesmo, transformado en mariñeiro, evoca a experiencia da lonxanía e da soidade, en versos que lembran a obra poética do poeta rianxeiro Manuel Antonio (Galicia Hoxe, 4/6/2010).
Marcos Calveiro gaña o Raíña Lupa con Centauros do norte:
é unha novela de aventuras ambientada entre as tropas de Pancho Villa, na Revolución que sacudiu México nos primeiros anos do século XX. "Hai moita balasera, moito tren e moito cacto", explica con sorna o autor. "Quixen facer unha homenaxe ás películas do oeste que vía cando pequeno. Só que neste caso non fun ao Monumental Valley senón a México, ao sur desa fronteira que para os estadounidenses é a do Río Bravo e para os mexicanos é a do Río Grande"(A Nosa Terra, 8/6/2010).
El País (9/6/2010) recolle:
El autor de Festina Lente (Xerais, 2008) resume el espíritu de su nuevo trabajo como "homenaje a tantos western que papé cuando era pequeño". Que el imaginario del oeste norteamericano haya desaparecido en las nuevas generaciones no es suficiente para que no se apasionen por él: "A los chavales les gusta, aunque no lo conozcan como lo conocimos los de mi quinta".
Eva Moreda gaña o premio Terra de Melide con A veiga é como un tempo distinto:
A obra (...) fai un percorrido pola inmigración galega en Londres nos anos 60 e 70 narrada cunha visión innovadora (A Nosa Terra, 8/6/2010).
Segundo Galicia Hoxe (9/6/2010):
o máis destacado desta no­vela é "a súa literatura mo­derna, narrada con frescura e cun pulo narrativo mere­cedor de ser recoñecida como a mellor das 25 obras presentadas ao certame". Esta obra presenta o lec­tor un percorrido pola in­migración galega en Londres entre os anos 60 e 70, contada, tal e como in­dica o xurado do concurso, "cunha visión innovadora".
Xornal de Galicia recolle conxuntamente a noticia dos dous autores galardoados.
A Nosa Terra (10/06/2010) publica a entrevista de Eva Moreda con Eva Estévez e o Galicia Hoxe (12/06/2010) estoutra entrevista con Vanesa Oliveira.
Pepe Carreiro publica unha bonita Historia da lingua galega (ANT):
Dende a lingua dos habitantes dos castros, Pepe Carreiro percorre a evolución do galego até a actualidade, coa aprobación do Decreto do plurilingüismo que reduce a presenza da lingua nas aulas. O debuxante vigués, con todo, cre que o idioma ten futuro. "Supoño que as xeracións novas non son tan paravas para abandonar a lingua. O maior perigo é que o galego quede como un dialecto" (Galicia Hoxe, 9/6/2010).
Iolanda Zúñiga e Teresa González Costa premios Xerais e Merlín 2010, por Periferia e A filla do ladrón de bicicletas, respectivamente:
Periferia está ambientada en São Paulo e céntrase nun mundo globalizado, onde a violencia e o narcotráfico, especialmente nas favelas da periferia, marcan os ingredientes da vida urbana no século XXI. (...) O argumento da obra de Teresa González Costa xira sobre a historia da filla dun ladrón de bicicletas, que vive coa súa tía. A súa máxima aspiración é ser equilibrista nun circo con Celerífera, a bicicleta (Xornal de Galicia, 13-06-2010).
En La Voz de Galicia (13-06-2010) lemos:
[Periferia] Transcorre nunha favela de São Paulo, en Brasil, e segundo Zúñiga é unha historia contada a ritmo de rap na que, di, «non utilizo puntos e a parte» e esa influencia do musical vai máis alá das formas. Segundo a gañadora, «a música foi unha maneira de aproximarse ao Brasil dende hai moitos anos e nesta maneira de escribir tamén influíu o rap que se fai alá. Tamén está África como orixe de todo». Teresa González Costa é nova para a narrativa, pero non para o teatro, no que xa gañou premios como o Álvaro Cunqueiro, coa obra Sempre quixen bailar un tango, recén estreada por Galileo, ou o premio Manuel María para textos escénicos infantís. A filla do ladrón de bicicletas é un texto de aventuras cunha rapaza e unha bicicleta que ten nome particular, Celerífera, como protagonistas. Entre os argumentos desta novela para cativos hai tamén algúns elementos de intriga (...).

Este mesmo xornal publica breves entrevistas con Teresa González Costa e Iolanda Zúñiga.
Vieiros: "Iolanda Zúñiga e Teresa González Costa, Premios Xerais 2010".

Non queremos rematar sen felicitar a Bernardino Graña, poeta do mar,  polo seu ingreso na RAG.

10.6.10

Menú para época de exames

Estamos nos derradeiros días do curso, caen os exames coma cantazos e sentímonos algo esfolgaxados. Nesta época toda axuda é pouca. Por iso non estará de máis coidar a alimentación. Como dicía meu avó, unha mantenza axeitada é a base dunha boa saúde; e a saúde, se se coida, pode durarnos toda a vida.
No xornal O Público atopamos esta infografía da dietista Eduarda Alves, onde se nos propón unha grella de comidas (seis no día) pensada especialmente para época de exames.
Que aproveite. E non deixedes de fincar os cóbados.