En total douscentos pés. Os cen primeiros publicados por Ediciós do Castro ós que se lle sumaron outros tantos nesta nova edición. Duascentas variantes dun mesmo e único pé: o do poder esmagador.
Xaquín Marín preséntanos o seu coñecido pé calcador, espido case que sempre; ás veces etiquetado; ás veces con calzado de marca fina; esquerdo ou dereito; branco ou negro... En todos os casos, a función do pé é esmagar a eito as nosas siluetas. O mundo é unha bóla que pode ser couceada por ese pé todopoderoso. O peor aínda é que entre os esmagados hai quen o comprende ou o bota en falta se lle dá un respiro. Ata hai quen soña con preparar os fillos para que os calque un pé da familia. Ninguén se libra do pé, nin o propio autor, que se concede o dasabafo de lle facer un sete co lapis aguzado.
Despois de ollar o libro de Xaquín Marín cómpre anotar unha excepción no valor da expresión “pensar cos pés”, porque estes dos que falamos dan moito que pensar.
Atopamos noticias do libro en:
- La Voz de Galicia. Sonia Dapena recolle nun artigo a presentación da obra e salienta o seu aspecto acedamente crítico co poder e coa sociedade que o atura.
- O trasno viaxeiro. Lembra o trazo dramático.
Non se poden saltar os prólogos. O de Alexandre Marín Oliva (“Os pés como metáfora”) resulta un magnífico exemplo da utilidade da lectura para a vida. Advírtenos que non temos nas mans unha obra humorística, senón “un drama sen solución” (se cadra porque os esmagados somos a razón da existencia do pé).
O de Isaac Díaz Pardo (“Lección de anatomía”) é o prólogo da primeira edición. Nel fai unha reflexión sobre o humor e remata por poñer en solfa a “democracia participativa” que tamén se ve atravesada por ese pé, sen moito disimulo.
Xaquín Marín, Cen + cen pés, A Coruña, Embora, 2007.
Ningún comentario:
Publicar un comentario