Imaxe: Unha verdade amarga/Galaxia |
Solto este cuestionario sobre Unha verdade amarga, de Celia Díaz Núñez, coa intención de que sirva para o faladoiro do club de lectura da novela.
- No título da novela figura Unha verdade amarga, pero ao longo da lectura podemos detallar algunhas máis que foron marcando a vida dos personaxes. Ponde algúns exemplos.
- Daniel di: “Todo home ten dereito a saber quen é. E para iso un ten que coñecer quen foron seus pais” (p. 16). ¿Que outros dereitos pode ter unha persoa segundo a lectura da novela?
- Botar man do esquecemento ou do silencio é un recurso utilizado polas familias da novela cando están ante un asunto espiñento. ¿Que opinión vos merece tal recurso? ¿É realmente útil? ¿Resolve ou neutraliza os conflitos? ¿Serve para vivir en paz?
- Na novela hai dous matrimonios (Venancio-Pilar; Daniel-Silvia) que herdan a historia conflitiva que se desenvolve no relato. ¿Que semellanzas e que diferenzas hai entre estes dous matrimonios? ¿Que papel desempeña cada un dos membros desas parellas?
- Entre Aurelio e Alberte (avó e neto) establécese unha relación moi especial. ¿Que é o característico desa relación?
- O álbum de fotos, a caixiña de costura e a cama de ferro convértense na novela nun interesante recurso literario. ¿Que partido lle saca a autora a tal recurso?
- Dende un punto de vista social, Aurelio e Alberte presentan un onte e un hoxe. Establecede unha posible cronoloxía e comentade as condicións de vida de cada etapa.
- Fagamos un exercicio de lectura ficción: na novela (p. ex. cap. 4) hai historias que puideron ser e non foron. Xoguemos a facer propostas que cambien o fío argumental do relato. ¿Poden considerase estas historias que non foron como outras verdades amargas?
- Ademais do tango “Naranjo en flor” hai outras composicións citadas na novela “‘A canzone ‘e Napule”, “Volver”). ¿Que función desempeñan as cancións no relato?
- Ademais das datas citadas expresamente (1943, 1963), ¿que feitos ou obxectos nos axudan a situarnos no tempo?
- O tema da morte ten unhas poucas variantes nesta novela. comentade o efecto que causa nas familias. Reparade especialmente no tempo previo á fin do ser querido.
- Os personaxes móvense da aldea para a cidade. ¿Que supuxo ese cambio nas súas vidas? ¿Trátase só dun desprazamento persoal ou pode aplicarse a todo o país? No último caso, ¿que consecuencias sociais tivo tal cambio?
- “Mais ao cabo, os vellos segredos de familia sempre acaban por aflorar porque nin o amor nin o rancor poden agocharse eternamente” (p. 66). Debatede sobre a importancia da memoria e da desmemoria na vida das persoas, das familias e da sociedade.
- A idea de xustiza segundo os personaxes da novela.
- ¿Podería facerse unha imaxe da evolución da sociedade seguindo os modelos de coche de que se fala na novela? ¿E da crise económica? [Pódese empezar o coloquio polo capítulo 15].
- ¿Que idea do feminismo nos dá Carlos, o irmán de Pilar? [Cap. 15]
- Na novela cóntansenos pequenas historias de parellas. ¿Que as mantén unidas ou que as fai separar?
- Comentade a situación en que quedaban as viúvas da xeración de Lola Pereira. [p. 114]
- ¿Que opinión vos merece o control parental sobre os amores adolescentes? ¿Que caso ou casos se dan na novela?
- ¿Está xustificado o odio que sente Silvia contra os Salgado? [Cap. 21]
- ¿Viviu realmente enganado Aurelio Salgado sobre a realidade do seu suposto fillo bastardo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario