| Imaxe: Editorial Galaxia | 
Para o club de lectura de Sapos e Sereas (de Ana Cabaleiro).
CUESTIONARIO
- No conto tradicional o sapo agachaba un príncipe ao que o bico da namorada volvía ao seu ser. Analizade esta visión clásica e contrastádea coa que se aprecia en Sapos e Sereas.
 - Se non agachan “fermosos e afoutos cabaleiros”, ¿que veñen sendo os sapos dos relatos de Sapos e Sereas? Para comezardes a tirar do fío reparade nas páxinas 88-9: “os sapos non se bican, que os sapos só se tragan”.
 - ¿A quen se dirixe a autora no epílogo?
 - No epílogo cítanse tres mulleres. ¿Quen son? ¿Que teñen en común? ¿Que de diferente? ¿Que herdanza nos deixaron?
 - Comentade as posibles semellanzas das protagonistas dos relatos coas mulleres que se citan no epílogo.
 - Valorade este consello: “Se intentas imitala [a Xudit], procura estar no bando dos que fan as leis” (p. 88).
 - A vida da xente rexistra unha boa restra de “traizóns” como, por exemplo, a crenza nos Reis Magos (p. 17). Rastrexade os relatos e citade algunhas das “traizóns” que atopedes.
 - Comentade se os contos con final feliz son unha ferramenta para educarnos na resignación.
 - Analizade a comunicación no matrimonio Aurora-Xosé no conto “Crónica do poema estragado”.
 - No relato “A noite que o Lobo Feroz coñeceu a Groucho Marx” apréciase un radical cambio de roles dos personaxes en comparanza co conto tradicional que lle serve de base. Comentade este aspecto.
 - Relacionade os elementos dese universo simbólico que nos acompaña dende a infancia (Carapuchiña, Lobo Feroz, Serea…) e comentade o tratamento que se lles dá nesta obra.
 - ¿En que relato atopamos un conflito entre mundo rural e mundo urbano. ¿Como afecta ás relacións de parella?
 - En máis dun relato tócase o tema dos malos tratos. ¿En que circunstancias se dan? ¿Como se enfoca ao tema?
 - ¿Que tipo de papel desempeñan nestes relatos os personaxes masculinos?
 - Ademais das relacións de parella, nestes contos trátanse outros temas como a desertización demográfica, a violencia doméstica, a educación infantil… Comentade estes e outros aspectos segundo o seu desenvolvemento na obra.
 
Ana Cabaleiro, Sapos e Sereas. Vigo, Galaxia, 2017.
Ningún comentario:
Publicar un comentario