21.10.10

Rozario morreu

No Caderno P2 do xornal Público podemos ler este longo artigo de Francisca Gorjão Henriques sobre a morte do derradeiro usuario dunha lingua e, daquela, da propia lingua. Para algúns, mesmo xente de poder, é unha noticia desexable. Para os que temos unha relación afectiva coa lingua propia e, daquela, tamén coas alleas non deixa de ser unha noticia dobremente triste.
Por estes lares lémbrasenos que non temos dereito a ser pesimistas; que abondo pesimismo hai xa como para permitirnos o inútil luxo de sermos pesimistas. Permítaseme non concordar. Os tuberculosos tamén eran optimistas, especialmente cando se facía impensable o retorno á vida. Como galeguiño, cando leo artigos coma este síntome especialmente implicado e lémbrome de poñer as barbas de mollo.
O artigo fala da vida, paixón e morte do portugués crioulo de Cochim, a lingua de William Rozario, mais os seus datos poden ser extrapolables a calquera lingua “regional” minorizada que polo mundo ande. Resumamos:
1. Rozario non lle aprendeu a lingua ós seus fillos porque “já estava em desuso". Chegouse a unha situación en que ningún membro da familia, salvo o pai, era quen de se comunicar na súa lingua. ¿Soa lixeiramente coñecido?
2. A comunidade á que pertencía o falante era pequena. No ámbito en que nos movemos os galicianos, ¿segue soando a coñecido?
3. A consideración social dunha lingua depende moito das decisións políticas. ¡San Caetano nos valla!
4. “Para poupar uma língua da morte, ou trazê-la novamente à vida, é preciso levá-la para as escolas, meios de comunicação, serviços religiosos, "dar espaço para que ela seja usada". Ou seja, reunir o empenho de uma comunidade, já que o interesse científico, por si só, não basta”. (Podemos contrastar esta autorizada opinión coa lectura dalgún decreto de plurilingüismo.)
5. “Quando se extingue uma língua extinguem-se outras coisas com ela”. (O exterminio non é exclusivo de persoas ou animais. No mundo abondan “racionais” que o practican.) No caso das linguas cómpre o exterminio das que non sexan “lengua de la nación”.
6. Unha lingua seguirá viva se a vontade colectiva dos seus falantes así o quere. Pero...
7. "Uma língua que deixa de ser funcional já não está viva, a sua morte anunciada espera apenas pela certidão de óbito". Nalgunha “región” máis ou menos coñecida disparan nesa dirección.
A lectura do artigo é especialmente recomendable para os estudantes de segundo de bacharelato, moitos deles incapaces xa de lles transmitiren unha lingua coma o galego ós seus futuros trinta fillos. (En realidade, as proxeccións demográficas indican que na próxima década seremos uns cincuenta mil galegos menos. Como dixo Manuel Rivas nalgunha ocasión, en Galicia non se emigra, xa nin se nace.)
Como sempre hai máis dunha cunca para quen non quere caldo, aínda podemos tomar dúas máis. A primeira, no mesmo continente: lemos en El País (21-10-2010), edición en papel, páxina 6, a tunda que levaron uns sete mil estudantes tibetanos a mans dos antidisturbios chineses por se manifestaren en defensa da súa lingua. E se cambiamos de continente, damos co que nos conta Susana Irles no artigo “Ao rescate das linguas en perigo” (Galicia Hoxe, 21-10-2010).

Sobre William Rozario vexamos este artigo precedente: Morreu o Crioulo Português de Cochim.


Abur e arriba los corazones.

Ningún comentario: