25.2.08

Lingua esgallada (37)

LINGUA ESGALLADA-37

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e suxire a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

370 Non se rendiu

371 Despois de casarse, el suicidárase

372 Pensaba que si xuntábase e casábase, ela iba morrer

373 Os persoaxes son...

374 A novela transcurre...

375 Tamén ocurre en América

376 Xente da zoa

377 Relación amorosa entre dous xóvenes

378 Zonas alexadas do perigo

379 Eva e Rafa se escaparon e se meteron nunha cova


CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación. Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación. Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos nin sábado inglés.

(A foto titúlase Langue percée.)

24.2.08

Harmonía bilingüe

Miremos cara ó futuro ou cara ó ceo, porque se miramos para os lados ou para atrás na procura da liberdade no uso da lingua... igual nos esmorramos.
Arrastro para aquí este testemuño. Pero na páxina da que o c0llo (Archivo de la experiencia), desgraciadamente, hai máis. E non son nada comparado co que podemos atopar a pouco que escaravellemos.

22.2.08

As mans do medo. Cuestionario (2)

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Como vos comentaba esta mañá na aula, déixovos unhas poucas preguntas máis sobre esta lectura. Velaí van:

7. Baseándote na obra e noutras que coñezas (mesmo no cine), comenta esta curiosidade: cando se constrúe un ser monstruoso con pedazos “prestados”, ¿de que partes do corpo estamos a falar? ¿E de que partes non se adoita falar, porque se supoñen?

8. Repara no relato titulado “As mans do medo”, compara os dous primeiros parágrafos (páxina 9): “Ímolo contar...” / “Hai tres anos que comprei...” ¿Podes explicar ese cambio de narrador?

9. ¿A que criatura, universalmente coñecida, feita de anacos de carne morta, se refire no relato “As mans do medo”? [pp. 17, 24]

10. ¿Como cres que se puido cerrar ese final aberto co que remata “As mans do medo”?

11. “Un conto de Reis”, ¿pode ser considerado un conto de medo? Compárao con outros relatos e xustifica a resposta.

12. Os personaxes principais dos relatos, ¿son infelices? Xustifica a resposta.

13. ¿Atopas nalgún relato personaxes que actúan movidos polo odio á humanidade?

14. ¿Que relato trata o tema da rexeneración física? ¿Vivir eternamente pode ser un castigo? Á luz do conto en cuestión, comenta este aspecto.

15. ¿Que relato se basea no mundo de ultratumba? Nese relato, ¿cal é o motivo polo que o defunto anda á procura dos vivos para levalos consigo?

16. Baseándote no relato titulado “Mondoñedo”, describe as premonicións de morte.

17. Hai un relato baseado na técnica da carta persoal. Sinala cal é e valora a capacidade deste recurso para crear tensión.

(Imaxe en Covarrubias)

20.2.08

O Bóveda de Xosé María Álvarez Blázquez (2)

Alexandro Bóveda, de Xosé María Álvarez Blázquez, Vigo, Ir Indo, 1992.
Tocante ó carácter político, o Bóveda de Álvarez Blázquez é un home tecnicamente moi preparado, hábil para unificar criterios e vontades, temperado, que prefire o convencemento á imposición, que trata de coñecer as opinións dos demais, que procura o seu entendemento e busca a mediación cando se producen conflitos (cfr. pp. 81-82).
O idealismo de Alexandro Bóveda tamén resulta incontestable. Nin o pelotón de fusilamento deu acabado con el. Lembremos que rexeitou fuxir, aínda que puido facelo. Mais non era o seu un idealismo de iluminado. Coñecía as súas forzas, medios e capacidades; e no terreo da política amosou un evidente sentido do pragmatismo: velaí están as tarefas de organización do Partido Galeguista e o labor inxente que supuxo a redacción, difusión e plebiscito do Estatuto do 36.
A lectura de Alexandro Bóveda amósanos unha vida curta pero fulgurante, chea de esforzo e sacrificios pero exitosa, brillante, pero cun final inxusto e cruel. Bóveda foi pasado polas armas, pero el só usou e recomendou estoutras armas: vontade, optimismo e fe.
Vontade para o traballo duro e o combate nobre de quen se sabe vítima, mais rexeita ser algún día vitimario. Optimismo para soñar un mañá de esperanza. E fe para superar os íntimos desgarros (cfr. p. 103).
Non é un mal programa para a educación cívica ou para educación en valores. O descoñecemento da súa figura histórica non debería ser a coroa exitosa dos que o asasinaron para enterrar canda o seu corpo os seus ideais. Debiamos aprender algo da historia. Polo menos o seu biógrafo así o fixo. Se estudamos a traxectoria vital de Xosé María Álvarez Blázquez recoñeceremos en moitos dos seus proxectos os gromos novos dun vello idealismo fondamente enraizado na Terra.
(Imaxe: Caricatura de Alexandro Bóveda, publicada no libro do que falamos.)

19.2.08

O Bóveda de Xosé María Álvarez Blázquez (1)

Alexandro Bóveda, de Xosé María Álvarez Blázquez, Vigo, Ir Indo, 1992.
A publicación de Ir Indo trátase en realidade dunha segunda edición dez anos posterior á primeira, secuestrada polo editor que a encargou: o Banco del Noroeste. Dez anos máis de hipoteca da memoria histórica do galeguista e outro trago amargo máis para o biógrafo.
Encabeza Álvarez Blázquez o seu traballo con tres citas que poderían considerarse como os tres pés nos que alicerzar a figura de Bóveda: o espertar da conciencia, a vida vivida segundo esa conciencia e o significado histórico do personaxe. Destacamos a primeira das citas, referida por Xosé Sesto López:
Eu estaba sentado á beira do meu pai, sentados os dous na soleira dunhas obras. Meu pai lía un xornal. Alguén pasou e rosmou: “Que tempos: agora hastra os obreiros len o periódico”. Si, alí comezou a miña vida política.
Eran aínda tempos en que, segundo algún político, “no necesitamos gente que lea, sino bueyes que aren”. Bóveda tiña intelixencia e posibilidades para facerse político desta caste. Mais a conciencia levouno polo camiño do compromiso co país e a súa xente: “Galicia, o home galego, estaban inxustamente arrumbados nas cunetas do progreso, aferrollados, aldraxados, esquecidos. Ou, o que aída era máis triste, lembrados soamente á hora da explotación e do sacrificio” (p. 36). Pagouno coa vida.
Álvarez Blázquez amósanos o Bóveda que el coñeceu persoalmente. Por iso avisa, con lealdade, ó lector:
Fun amigo de Bóveda, máis que curmán, porque unha mutua corrente de simpatía nos ligou. Sabía eu da súa dimensión política, pero moito máis souben da súa humanidade. Ao longo destas liñas, que escribín con devoción e mágoa, cecais non me fose posíbel en moitos casos acadar a ríspeta obxectividade do historiador imparcial. confésoo e sinto orgullo de dicilo: son parcial de Bóveda, é dicir, comparto o seu pensamento e a súa conduta. Foi baixo desta óptica que aceptei o encargo de escribir a súa biografía. Pero esta parcialidade non impide que nas informacións e xuízos que aquí se verquen siga eu honestamente o recto camiño da verdade. Non facelo así sería tanto como traizoar a aquela vida exemplar e traizoarme a min mesmo (p. 15).
O percorrido biográfico que se nos ofrece incide nestes trazos da personalidade do persoeiro que se manteñen constantes ó longo da súa curta vida: conciencia, compromiso, preparación intelectual e vontade de servizo a Galicia: “O futuro dista é o único que interesa” (do diario político, p. 76). A par do compromiso social, cómpre salientar a súa valoración do civismo, como deixou patente no comportamento observado nos primeiros días do alzamento (cfr. p. 159).
(Imaxes: capas da edición que se cita e mais da secuestrada.)

18.2.08

Burra, no hables lenguas menores

Sen comentarios.
A este paso, volverán tempos idos nos que non convivían cidadáns que se respectaban, senón vencedores que lle perdoaban a vida ós vencidos. Iso cun pouco de sorte.
Agora que imos sendo todos mileuristas ou xubilados con mísera pensión, haberá que ter coidadiño coa lingua. Os empregados non os consideran, porque teñen mil para o mesmo posto. Detrás irá a clientela.
(Imaxe de Xaquín Marín en Vieiros.)

17.2.08

As mans do medo. Opinións e crítica

Para o club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Xa vos deixei nunha anotación anterior desta mesma sección o cuestionario-guía e mais un par de enlaces de interese: ficha do autor e mais o seu blog, no que recolle unhas interesantes notas da presentación da obra.
N' As uvas na solaina podedes atopar máis anotacións críticas. Copio aquí o treito que máis nos interesa como axuda para interpretar a nosa lectura:
Falo de As mans do medo (Xerais). Ten catro relatos redondos: As mans do medo, Lambirón, Mondoñedo e Seis dedos. O último dos citados xa figuraba na Antoloxía do conto galego de medo (1995) de Silvia Gaspar. O vizoso mundo fantástico do lugués ofrécenos agora corpos mutilados e suxeitos a rexeneración dexenerativa, partes do corpo que cobran vida propia, homes peixe, os aparecidos da nosa tradición popular, etc. O medo, consubstancial á especie humana, impreso nos xenes dende o tempo das cavernas: ben o sabían Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft, os mestres do xénero.
Sobre a mesma obra e o ambiente da súa presentación escribe este post o mesmo Marcos Valcárcel, no blog citado. A maior abondmento, botádelle tamén unha ollada a Brétemas e seguide os seus enlaces.
Por mor da presentación da obra publica Vieiros unha pequena biobibliografía do autor.
Os que lle teñades medo á lectura podedes pulsar a autorizada opinión de rapaces novos que xa lle meteron o dente e non saíron fanados: en Pinga lector inclínanse por un relato concreto;
vós podedes ter outras preferencias: non é ilegal. En Paidovento non se estenden en comentarios, pero demostran seren uns verdadeiros leóns. Imitádeos.

16.2.08

Tres (ou catro) noticias e un mono

Se alguén se dedicase a recoller e estudar as noticias lingüicidas que nos serven os medios de comunicación, nestes últimos meses levaría tal enchenta como para fartar ó mesmo Gargantúa.
Algunhas desas noticias son preocupantes, porque soan a bota ferrada; outras ata resultan simpáticas, se non fose porque agochan o noxo enfermizo que non damos tirado de enriba.
Para os nosos alumnos que comentan -criticamente- textos propostos por profesores sádicos seleccionamos estes que agora mesmo enlazamos.
Empezamos co artigo de Susana de la Gala, que se fai eco do sentir dunha señora que, tratándose de homes aceptaría un aínda que fose galego; mais tocante ó idioma... Se recoñecemos que un home non vale realmente para moito, mellor será non preguntar xa o que pensa do idioma. O malo é que o tema xa vén de vello: se repasades algún traballo dos nosos humoristas, mesmo dos que publicaban nos felices anos vinte, atoparedes testemuños deste feito. Ata as señoritas acharían aproveitable un home do país, "si no fuera por ese acento tan gallego". Alá se nos foron cen anos, pero cien años no es nada; nin sequera un tango. Os mozos pensades igual, aínda que non o recoñezades.
Outra das noticias aparécenos en Vieiros e comenta unha reportaxe de Le Monde. A reportaxe é da autoría de Marion Van Renterghem, quen escribe dende un sitio chamado SAINT-JACQUES-DE-COMPOSTELLE (ESPAGNE). (Ya están estos nacionalistas cambiándoles los nombres a los sitios.) Se lemos a reportaxe e concluímos que os galegos somos un fato de ovellas, estamos lendo mal; practicamos pouco o francés. La Galice segue sendo ese recoin pluvieux du nord-ouest espagnol (...) où l'on se pique d'avoir des origines celtes, d'apprécier la cornemuse et d'avoir en horreur la corrida. Menos dá unha pedra. Na reportaxe podemos ler outras finezas que, malia cheiraren ó balor, non deixan de ser verdade.
Mais o que soa ó conto da piollosa é que Mariano Rajoy il refuse de parler le galicien, e mais que os habitantes da "rexión" savent qu'ils ne l'entendront pas prononcer un mot dans cette langue. A guinda da precisión ponlla Alfonso Rueda (PPdG): "Ici, chacun parle la langue qu'il veut".
Quen che nos dera.
Sobre un Rajoy deixou escrito Alexandre Bóveda: "¡O home, ademirable pola súa fe e o seu esforzo, a quen tanto terá que deber Galiza!" (Álvarez Blázquez, Alexandro Bóveda, p. 79). Cremos que se refería ó avó. Este de hoxe non quere probar se o idioma galego é quen de expresar as súas ideas. ¡Pois a nosa lingua évos ben sutil! Se cadra anda algo ocupado na defensa doutras linguas minoradas. Mágoa que estos lodos no vengan de aquellos polvos.
Mentres tanto, a moitos pásonos o que ó vello Isolino.

12.2.08

Cartas de amor (Fran Alonso). Unha recensión

Para o club de lectores de Cartas de amor, de Fran Alonso.
Nunca é tarde de máis para que lle botedes unha ollada á recensión que publica Ramón Nicolás en "Faro da Cultura", suplemento do Faro de Vigo. Nela atoparedes encarreirada máis dunha resposta ó cuestionario que propuxemos como guía de lectura.
Se tedes dificultades en dar coa recensión, dádeme aviso.
Os que teñades máis présa podedes ler este artigo de Rede lectura. Esta páxina, o mesmo que o blog do autor, Cabrafanada, xa os tiñades enlazados noutro post desta mesma sección.
Abur.
(A imaxe é da páxina chanson-livre.net.)

6.2.08

Lingua esgallada (36)


LINGUA ESGALLADA-36

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e propón a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.
Imaxe de fotosdehumor.com


360 A calle do Príncipe
361 Predomina a frase corta
362 Emplea estranxeirismos
363 Pa que coñezca o resto da xente
364 Porque pegoulle por non solucionar o caso
365 Foi que lle veu a buscar a última noite
366 Quemou a pel
367 Ó pouco rato apareceu o irmán
368 Colleu a súa dirección e marchou onda ela
369 Ó llegar alí...
CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.

27.1.08

As mans do medo (de Xosé Miranda). Cuestionario (1)

Cuestionario para o esforzado club de lectores de As mans do medo, de Xosé Miranda.
Aviso previo: Se alguén non entende por onde van as preguntas que llo consulte ó profesor o día despois do exame e, a ser posible sen ter lido o libro. Porque anticiparse ós acontecementos xa se fixo sempre. Cómpre innovar.
Escrita esta estupidez, imos coa
primeira parte do cuestionario:

1. Enumera e comenta algunhas das razóns que demostren que os feitos relatados nestes contos de terror non serían cientificamente posibles.
2. Enumera e comenta as "razóns" que fan cribles os feitos narrados nestes contos.
3. Le os relatos titulados "As mans do medo", "Seisdedos" e "Mondoñedo". Analiza o motivo das mans, especialmente visible nestes tres relatos.
4. ¿Podes relacionar os relatos titulados "Primeiro calafrío" e "Segundo calafrío"?
5. Lido o libro, ¿que situacións dirías que nos causan medo?
6. Analiza os finais dos relatos. Comenta as súas características e a súa utilidade dende o punto de vista narrativo.

NOTA SEN GASTOS: Como vedes, este é un pequeno cuestionario que apunta a unha análise xeral da obra. Para máis adiante daremos a coñecer un segundo cuestionario que apunte a aspectos máis miúdos.
Ánimo.

Lingua esgallada (35)

LINGUA ESGALLADA-35

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e coloca na recadro correspondente a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

350
Este tamén escóndese
351
Descubre que o seu compañero é traficante de droga tamén
352
Traficante morto na cárcere
353
Esceas de coro
354
Se compone con o narrador principal
355
O máis destacado é o recaudador
356
A nai do rapaz que van a matar...
357
No primer capítulo
358
É a novia de Óscar
359
Sigue un orde cronolóxico
______________
CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos nin sábado inglés.

Imaxe de fotosdehumor.com


22.1.08

Galego no rocho

Na lea da campaña (sempre andamos nela), os nosos políticos sacan a lingua a pacer. E velaí que uns din e outros retrucan e os primeiros volven e os outros revolven e así sucesivamente. Non dará chegado o día que metan a lingua no caldo. A deles, non o idioma.
Refírome con este exordio ás noticias que deixo enlazadas. Unha atopámola en Vieiros e a outra no Galicia Hoxe.

Non concordamos, así e todo, co político socialista: no país si hai conflitividade lingüística. A proba máis evidente está na lea (mágoa que só sexa verbal) que sosteñen os políticos. ¿E que podemos dicir deses grupos que se asocian contra o plan de normalización? Chégalles só coa sospeita de que se poña en marcha un proceso de nivelación de linguas cooficiais para que se queixen da "coacción". ¿E que se agacha debaixo de etiquetas como "bilingüismo cordial"? Pois sinxelamente a corrección política de mensaxes como "voute deixar morrer de inanición mellor que meterche un escopetazo".
Se repasamos a historia, veremos que abandeirando o abafamento da lingua sempre houbo máis dun político (con poder, claro).

O demais son morondangas. Hai quen ten escrito o epitafio: "Entre todos la mataron y ella sola se murió".

Que Deus nos atope sorrintes.
(A imaxe é de http://seriewikin.serieframjandet.se/index.php/Hagbard_Handfaste. O personaxe do funil na cabeza é o meu diplomático favorito.)

20.1.08

Lingua esgallada (34)

LINGUA ESGALLADA-34

Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e coloca na recadro correspondente a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.

340 Un persoaxe de personalidade moi voluble

341 Os que intentan convencerlle de que cambie o paisaxe do cadro

342 Tiña que ver cunha muller que había aparecido morta na praia

343 Empézalle a contar o que había pasado no crimen

344 É do primo do curmán da muller

345 Os papeis que lle había mandado para el do cárcere

346 Un home golpéalle por detrás, na nuca

347 O marido da rubia era o que había asesinado a rubia

348 A muller había morto polas súas historias

349 Acude solo

CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog.



19.1.08

Defensa ecolóxica da lingua

Leo con agradable escepticismo o artigo que Manuel Rivas publica en El País. Titúlao "Mensaxe para Mariano". A lectura tróuxome á cabeza un estudo de Colin Baker, no que se compara a riqueza lingüística a un xardín cheo de flores. Trátase dunha sisuda exposición sobre o bilingüismo e os fundamentos da educación bilingüe que Mariano nin Paco van ter tempo nin gana de ler por andaren demasiado ocupados, os pobres.
O artigo de Rivas está escrito en galego, como se pode ver. Quero sinalar que o autor podería vivir moi ben sen tal idioma e que se o defende non é polo peso do bandullo. Bota man de razóns como a da enerxía interior que supón unha lingua; de que as linguas non lle pesan a quen as leva; de que as linguas non son abstracións, senón que teñen corpo e alma; de que as linguas son o almeiro da civilización... En fin, razóns que só se poden entender co corazón.
Recoñezo que gocei coa lectura do artigo de Rivas, e que me alegra atopar xente que escriba cousas así sobre a lingua que se ama. Mais dubido que a mensaxe chegue ó destinatario. Se a memoria non me falla, xa estivo de vicepresidente da Xunta e non lembro que movese un dedo en defensa do "idioma propio de Galicia". Naceu cos tímpanos apedrados como para percibir vagalumes e xoaniñas. E non é o único. Ós poucos días de acceder ó cargo citado, houbo quen gabou a eficacia do novo gobernante. Eficacia en castellano, como tiene que ser. Nas hemerotecas podemos atopar máis dun exemplo. ¿Que se lle vai facer?, preguntou o galego.
Deixémonos de desvaríos. ¡Antes mortos ca políglotas!
(A imaxe atoparédela en LiLeLa. Non é unha invitación ó pastafarismo lingüístico.)