23.7.08
19.7.08
Roberto Salgueiro. Historia da chuvia que cae todos os días
Non sei se hai estudos que valoren os efectos psicolóxicos da emigración nas familias do país, pero abondaría coa lectura de Historia da chuvia para decatarse do sobreprezo pagado por moitas delas, por non dicir todas. Os tres personaxes que vemos en escena (pai, fillo e noiva) levan unha vida -diferente segundo a xeración- marcada pola necesidade de satisfacer as necesidades básicas. Cada xeración sufriu e respondeu a diferentes formas de explotación, pero a cara cambiante desta ten presenza constante. Así, Manuel padeceu unha escola mísera e violenta que abandona cedo para atender os traballos da casa; o extravío das vacas supúxolle unha malleira do seu pai que o deixou estarricado varios días na cama. Despois, xa de casado, marcha á emigración e sofre a separación da muller e do fillo, ademais dunhas condicións laborais de escravo. A necesidade manda, pero o fillo Andrés non lle perdoará o que considera un abandono. A morte da nai obriga o retorno, e o fillo apandará coa carraxe e as malleiras do pai que, agora vello e enfermo, recibe o axuste de contas do Andrés. Retornado da emigración, Manuel segue soportando condicións laborais de escravo, e aínda grazas porque lle permitiron cotizar para chegar a unha pensión. A xeración de Andrés, pola contra, loita e logra mellorar as condicións no traballo; pero cúlpase de non logralas tamén para os emigrantes que traballan para o mesmo patrón. A súa noiva tamén sufrirá as condicións asoballadoras da precariedade laboral.
Tres personaxes (catro se contamos o amigo que non aparece en escena) e dúas actitudes: a de resistencia, aínda que por veces cargada de resignación, do pai e da noiva e a, chamémoslle, abandonista do fillo que prefire liscar para a emigración nas Canarias antes que seguir aturando situacións inxustas no país. Andrés cabréase co mundo e págallas o pai, a moza, o amigo. O carácter reflexivo do pai e da moza quizais logren convencelo de que unha fuxida non arranxa a situación na casa nin fóra.
O escenario é un espazo pechado: a cociña. Sabemos do momento do día pola luz que entra pola fiestra. Entre as dúas partes da obra pasa unha noite, que non foi para todos os personaxes de acougo e reflexión. A cociña aínda hoxe en día é un espazo simbólico; o mesmo que antes á calor da lareira, os membros da familia contábanse historias, falaban, arranxaban diferenzas...
Así e todo, esta cociña ten dúas portas. E a este espectador non lle queda moi claro se Andrés vai facer o que lle di ó pai ou vai seguir coa súa arroutada. ¿Teno claro o pai? Mentres Manuel sae pola porta principal para darlle un recado a Luís (amigo do fillo), Andrés "recolle a chaqueta que deixara na cadeira e sae". Pola porta traseira.
Esa chuvia que acubilla os personaxes na cociña, que provoca que rifen e laven vellas feridas, "cae todos os días". Convértese na historia de nunca acabar e soa a ameaza que asexa os tres personaxes que vemos en escena.
Sobre a obra e o autor: Vieiros Lukor.com dá noticia de premios literarios. O parrulo nun vaso, felicita o autor e comenta a obra. El País: "Feira das artes escénicas". El Correo Gallego. Xornal.com. Premios literatura: "El jurado valoró de este texto la dramatización que el autor hace de los conflictos sociales presentes en Galicia hoy en día, como la falta de perspectivas laborales, las cargas familiares, la emigración, y el choque generacional. Además, destacó que se trata de una obra 'comprometida', que emplea un 'gallego vivo', con 'diálogos ágiles, tensos, creíbles y con carga dramática'".
Roberto Salgueiro, Historia da chuvia que cae todos os días, Vigo, Xerais/IGAEM, 2008. Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2007.
Imaxe en Praza das Letras.
16.7.08
Julio Camba: acento, prosodia e allo.
0. Acabo de ler unha escolma de artigos de Julio Camba presentada baixo o título Maneras de ser español. Libro de tapas duras, con foto do autor elegantemente vestido e título en rojo y gualda. Ediciones Luca de Tena, Madrid, 2008. Leva unha interesante introdución de Almudena Revilla Guijarro precedida dun artigo recordatorio do primeiro cabodano do autor asinado por César González-Ruano. O libro componse de nove seccións que van desenvolvendo distintas facetas destas Maneras de ser español, comezando pola definición de "ser español", seguindo pola política (crónicas parlamentarias), o espírito anárquico, a capital, as dúas Españas, a pluralidade de España, a cociña, o periodismo... O artigo máis antigo é de 1904 e o máis achegado a nós dos anos cincuenta. Así e todo, resulta sorprendente a "actualidade" das crónicas parlamentarias. Se lle quitamos algún nome que nos identifique o momento histórico sobre o que escribe, moitas desas crónicas podía asinalas hoxe mesmo... e serían suaves, así e todo.1. O que peor leva Camba é o asunto da pluralidade de España. Esta cuestión pono furioso de vez. Resúltalle imposible ver máis variacións cás do traxe rexional, a comida ou a división provincial. Ás veces mesmo entra en contradicións: quéixase de que os estranxeiros ou mesmo os españolitos que andan polo estranxeiro vexan os seus paisanos disfrazados con sombreiro cordobés e sachando con acento andaluz, pero a Camba pásalle algo semellante cando ve os españolitos en España. A percepción que o arousán ten da pluralidade de España é aguzada na lingua e roma no razoamento. Igual ca hoxe en día, tamén os cataláns levan a peor parte na crítica do "regionalismo" porque sempre leva máis paus quen vai en cabeza.
2. Relación directa con esa perigosa pluralidade española téñena os idiomas vernáculos. Raro en Camba se temos en conta que dominaba varias e comía delas. Ou non tan raro... se temos en conta que das linguas vernáculas non se come. Ha ser isto último. Do catalán fala Julio Camba en clave de traxedia (pp. 186-7): "A todos los españoles suele indignarnos mucho que los catalanes hablen catalán. Hay algo, sin embargo, que nos indigna más todavía, y es el que hablen castellano". E métese logo co acento catalán -ten obsesión polo tema-, como algo "terrible" do que os cataláns non se poden desprender. "El catalán, por razón de su acento, está incapacitado para la mayoría de las cosas en cuanto sale de Cataluña". O artigo que se cita mantén esta liña do cabo á cruz. Seica lle acarrexou ó autor unha boa restra de cualificativos como para adornar toda a súa árbore xenealóxica ata Adán ou máis alá.
Despois de nos describir a traxedia do catalán, pasa a revelarnos o segredo do vascuence. Supoñendo que exista tal lingua, deberá de ter unhas cincocentas palabras; o resto "son una hábil invención" (p. 201). Se hai un rico vocabulario vascuence, o depositario é Mourlane Michelena, que o emprega para falar só.
Os galegos, coma sempre, viaxamos con billete de terceira. "Galicia es un país encantador; pero tiene un inconveniente: el galleguismo" (p. 205). (Escribiu "país", pero creo que non chega a definir esta palabra; se o fixo, non me decatei.) O "regionalismo" cualifícao de "cursilería". Tocante á lingua dese "país" só serve para "hacer versos, conmprar pescado y hablarles a las gallinas" (p. 207). ¿E o acentiño? Pues el acentiño... depende: por un lado, pódese "pasar" (p. 186); por outro, condénanos á mudez artística ("Nosotras somos gallegas y en esta compañía no se puede tener acento"; p. 212). Pero quitado isto,
"el acento es uno de los grandes encantos de Galicia. Cuando yo llegué a Galicia, los primeros amigos a quienes vi prorrumpieron en ayes lastimeros:
-¡Fulaniño! -me decían-. Vendrás muy cansadiño. ¡Pobriño!
Parecía que lloraban, y lo que hacían era manifestar una gran alegría. Son los inconvenientes de este acento tan dulce" (p. 213).
Na concepción lingüística de Julio Camba o acento é unha peza fundamental. É o prebe de calquera idioma. E como tal prebe, pode ser exquisito ou noxento: "... y aún dentro de la misma Francia, país de una cociña tan refinada, los marselleses hablan con un acento que, en su cincuenta por ciento, no tiene nada que ver con la prosodia, sino que es únicamente olor de ajos" (p. 267).
Esta teima de Camba co acento lémbrame a actitude dalgún dos meus alumnos: por Dios, que no se les note el acento que no quieren parecer montunos. Seica que lle chaman a isto autoodio ou autoxenreira ou complexo de inferioridade ou algo así. Haberá que llo preguntar a un psicólogo.
Onde creo que atina de cheo o escritor aurousán é no diagnóstico da culminación do proceso glotófago:
"No creo que haya un idioma gallego distinto del castellano. Lo que sí creo es que se podía inventar" (p. 211).Isto si que é ser avanzado. Espero que lle pase desapercibido ós de Galicia dilingüe.
3. En Camba apréciase unha xerarquización dos idiomas baseada en prexuízos aínda hoxe vixentes: riqueza do país, poder, nivel cultural...
"Pero, además, si nosotros invadimos a Marruecos en nombre de la civilización,Foi publicado en 1909. Motivo: unha das guerras de Melilla. Tempo moi pasado. O malo é que algunhas destas cuestións -as lingüísticas sobre todo- aínda as podemos atopar fresquiñas nos periódicos de hoxe.
mañana vendrán Francia, Inglaterra o Alemania a invadirnos a nosotros con el
mismo pretexto. En Villagarcía hay seis acorazados alemanes, de los que salen
todos los días a recorrer estas campiñas centenares de marinos. Todos ellos
hablan dos idiomas a más del alemán, y ya es sabido que, entre los marineros de
los buques españoles, lo raro es encontrar alguno que sepa el castellano. Unos
hablan el gallego, otros el catalán, otros el andaluz, y la mayoría no saben
firmar. Por grande que sea la diferencia de civilización que hay entre Marruecos
y España, no es mayor que la que hay entre España y Europa" (p. 166).
Abonda xa. Outro día atenderemos os consellos da maritornes (p. 221), que anda por Madrid endereitando os señoritos crápulas.
(Imaxe de Caixanova)
14.7.08
Manuel Lourenzo González. No outono das fragas.
"Manel é un adolescente que goza contemplando a natureza. Un día, divisa un paxaro exótico e decídese a seguilo. Entra tras el nun bosque próximo a Miravelle, a súa aldea. Pese a que a industrialización deixara o bosque minguado, cando Manel intenta saír del, decátase de que é moito máis espeso do que recordaba e acaba perdéndose. Pronto ha descubrir que o bosque está encantado e que o levará a unha viaxe pola historia e as lendas de Galicia".
"Ao tempo que chamaba a todos polos seus nomes e corría a encontrarse con eles, a fraga ía quedando atrás, tan atrás como a noite e os soños. Mais, na mente de Manel, unha palabra seguía a dar voltas como un paxariño rebuldeiro: lembrar".
(Manuel Lourenzo González, No outono das fragas , Planeta/Oxford, 2007. A primeira edición da novela é de 1995, como nos di o autor no prólogo.)
Leron a novela: Bibliotrasancos, que a recomenda para primeiro ciclo da ESO; o mesmo que Biblioteca IES Manuel Antonio.
12.7.08
Francisco Castro. O ceo dos afogados
1. O autor coloca o protagonista ante un desafío inmenso; o rapaz, con minusvalías evidentes, non conta con forzas nin medios para acometelo e saír airoso. Así e todo, triunfa. A crítica de M.P.P. destaca na novela esta "aposta pola utopía"; un rapaz que vive coma enquistado no seu mundo interior é máis consciente da realidade que o rodea ca moita xente "normal" e con poder de decisión que só contempla o mundo como unha fonte da que tirar diñeiro. Na novela denúnciase a insensibilidade dos humanos: os animaliños amósanse máis intelixentes e sensibles que os directores das grandes empresas. Outra das lacras sociais que se denuncian no relato é o control dos cidadáns (traballadores de grandes empresas, neste caso) ó estilo do Gran Irmán orwelliano, representado aquí polo director de recursos humanos. Cómpre sinalar a actitude rompedora cos comportamentos protocolarios que amosan o protagonista e algúns personaxes do seu contorno na procura dunha vida máis acorde coa natureza.
2. A incomunicación é un dos trazos caracterizadores desta novela, mais tamén doutras obras do autor. Na conversa ligada máis abaixo saliéntase esta característica. Resulta paradoxal que o protagonista se comunique perfectamente cos golfiños, pero que lle resulte difícil facelo cos humanos. Tamén é un trazo salientable a múltiple perspectiva dende a que se lle achega ó lector o desenvolvemento da novela.
Fálase da obra:
Nos blogs Fervenzas Literarias e mais Mesturas. Na primeira bitácora atopamos unha longa conversa con Francisco Castro.
Outra pequena recensión atopámola en Latin American Book Source.
Tamén en Lingua de amor, que refire a noticia publicada no Galicia Hoxe.
Francisco Castro, O ceo dos afogados, Vigo, Xerais, 2007. Finalista do 2 º Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.
7.7.08
Rubén Ruibal. Limpeza de sangue (o sangue fai ruído)
Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais (2005). Premio Nacional de Literatura Dramática (2007).
FERNANDO: Así é que nos envelenariamos coa nosa propia merda. Morreriamos, ¿non? E daquela, digo eu, que o que lle facía falta ao mundo era unha diálise pero cun maquinucho ben ganso para que tivésemos que pasar todos por el, e aos cabróns xa os pillaba a máquina e os mandaba a tomar polo cu, eu incluído (p. 108).
A obra artéllase arredor da vida dos protagonistas Fernando e Pantaleón, que acaban facéndose amigos nunha sala de hemodiálise. Ó principio nin se caen ben, e antes non se coñecían de nada; nin sequera pertencen á mesma clase social: Fernando é un ex ionqui parado que vive do esforzo da súa muller; Pantaleón é un home con estudos, cun bo nivel de vida, mellorado economicamente por vender a súa sinatura para legalizar negocios sucios. Pero os problemas de saúde obríganos a compartir espazo, tempo, confidencias e preocupacións. Tamén os levan a un cambio de actitude ante a vida.
Canda estes dous protagonistas camiñan polos escenarios outros personaxes ata completaren as dúas ducias, se incluímos un par de cans que comparten cos humanos algo máis que o hábitat. Entre todos eles temos representantes do mundo da droga e da delincuencia, da corrupción urbanística, da medicina, das pompas fúnebres, da policía, do servizo doméstico... Algúns deles preséntansenos coa nobreza persoal e da profesión, pero os outros amosan o seu lado máis mísero: xutes, atracos, envexas, certificacións fraudulentas, traballos sucios de pago, subornos, ameazas e avisos, a saúde como mercadoría, desprezo pola vida allea...
Os personaxes van coñecéndose uns ós outros e van entretecendo de paso a dobre vida que levan e os conflitos que isto lles crea ó longo de 31 escenas, algunha delas sen diálogo.
A sala de diálise é o escenario máis frecuentado, mais tamén vemos os personaxes na consulta de don Luís, na cafetería e na sala de espera do hospital, no parque público, nunha rúa de mala morte, na marquesiña do bus, na sala de interrogatorios da comisaría, na vella sala de estar da casa de Fernando, na luxosa casa de Pantaleón, na morgue e, derradeiramente, na sala de velorios... onde, se Deus dá vida e saúde, acabaremos todos.
A familiaridade coa que algúns personaxes falan de escenarios concretos da Coruña lévanos a pensar nesta cidade como unha especie de escenario xeral, aberto, no que vivir e moverse.
A mensaxe final:
Alguén empeza a chorar e un tras outro van aendo todos, botando cada un as súas no mesmiño regueiro de bágoas dos derrotados, ese río que non cesa nin con mortes nin con guerras nin con revolucións nin moito menos con cambios de milenio, é sabido que tanto confiar en que o tempo vai amañar as cousas fai que deixemos que pouco a pouco vaian indo a peor (p. 170).
Lemos sobre a obra:
"Realismo sucio e sangue limpo", crítica de Inma López Silva no portal do Consello da Cultura.
O propio autor reflexiona sobre obra en uvigotelevisión (de onde está tomada a foto). Tamén comenta aspectos da intrahistoria da peza no seu blog Alicia crece.
En Brétemas fáisenos unha viva recomendación da obra.
Noticias do autor e da obra por mor do galardón (citamos só algunhas das que dan a nova algo máis que a secas) atopámolas en El Mundo, El País, Actualidad.terra.es, Ideal.es, 20 minutos publica unha entrevista, La Vanguardia, El Confidencial, Deia, Actualidad Orange, Vieiros liga -polo de agora- media ducia de artigos sobre o autor e a súa actividade teatral, La Opinión de A Coruña...
Hai unha pequena ficha do autor na Wikipedia.
Capa do libro en Alicia crece.
4.7.08
An Alfaya. A sombra descalza
2. Os personaxes femininos están dotados dunha forza especial. Tres mulleres teñen un papel destacado nesta historia: Amadora (a tradición), Esperanza (a transición), Elsa (o futuro). As mulleres "en sombra" (Sagrario e Florinda) non son donas da súa vida e constitúen un elemento desequilibrador no pasado (Sagrario) ou proxectan sombra sobre o futuro (Florinda).
Tamén polos nomes podemos albiscar quen son. Así, temos en Sagrario un personaxe entre tabernáculo de segredos e caixa de Pandora; cando se abren os seus segredos aparecen as miserias da familia. A Florinda as circunstancias non lle deixaron ser máis que unha muller obxecto; non se deu zafado da férula do pai nin da do marido (que tiña a idade de seu pai): ámbolos dous exerceron de amos. Para Amadora, o amor que lle profesa ó marido suponlle mesmo a perda da propia dignidade. Esperanza é o personaxe que mellor honra o seu nome; entra na familia por matrimonio, pero pertence ó grupo social dos vencedores da guerra civil polo que ten que sufrir unha longa etapa de illamento. Así e todo, a relación co seu home baséase no respecto mutuo e na paridade; fan equipo, apóianse mesmo sen falar as cousas. Sabemos que a historia familiar está a coller novo rumbo cando a sogra Amadora lle dá as chaves do goberno á nora Esperanza. A adolescente Elsa á aínda un personaxe en formación. Ten un nome con raíces na tradición e aire moderno, mais que non leva o peso de ningunha carga simbólica. Os seus pais, e sobre todo a nai Esperanza, non queren que alicerce a súa vida nos tristes segredos de familia. A Elsa queren deixarlle a casa ventilada, sen sombras.
Sombras de muller (crítica de Isabel Soto)
Unha lagoa de libros (recolle impresións de lectores mozos)
Biblioboveda (fala da visita da autora e publica fotos)
Xornal.com (dá noticia do premio, fai unha breve sinopse da novela e engade ficha da autora) Brétemas recolle a noticia da inclusión desta obra na lista de honra do IBBY. Podémola ler con máis detalles n' A Nosa Terra e mais en Vieiros.
En Galiciae.com e mais en Galicia Hoxe publican unha entrevista coa autora por mor da concesión do premio Fundación Caixagalicia 2007 a outra das súas obras.
Imaxe de readgalicia.com
18.6.08
Foreiros da lingua
| Coma sempre, hai dous bandos. O dos xacobinos... | ...e o dos xirondinos. Os do medio levan lafeadas nas dúas bandas da cara. |
| Estes xacobinos non son os devotos do santo Xacobe nin aqueles arreminados revolucionarios que se dedicaron a afeitar en seco os seus compatriotas. Son xente ben pensada que sostén contra vento e marea que un Estado só debe ter unha lingua; e se alguén naceu con outra lingua que non sexa a oficial do Estado que a meta no... que a use para lamber as feridas. | Os xirondinos non son os seareiros do equipo de fútbol do Bordeos nin tampouco aqueles federalistas radicais curados de tal doenza cunha dose de guillotina. Aquí debemos consideralos como xente que non se asusta nin gaguexa nin lle tremen as carnes ante un feito diferencial. |
| Un alsaciano, poñamos por caso, se fala a súa lingua materna mesmo o pode facer por mala fe. Porque a mala fe é típica deste recuncho. Cando lle convén sacha en francés ou alemán... O conto é andar á comenencia. Os alsacianos son franceses ou alemáns... asegún. | Ora esa! Un alsaciano fala o seu idioma porque é a súa lingua materna. E punto redondo. Algúns ven fantasmas. |
| ¿Por que lle imos ter medo en Francia a esas linguas que xa están mortas ou que só falan intelectuais "régionalistes" | |
| ¿Para que queredes un patois rexional? ¿Para falar de paxaros e de herbas? | |
| ¿A que vos vén ese evanxelismo lingüístico? É para escachar coa risa. | |
| | A multiplicidade identitaria é unha riqueza. Protexela é protexer a riqueza do República. |
| Ides volvervos tolos para atopar choio se non sodes quen de redactar un currículo en francés. | Onde colle unha lingua, collen dúas. En España atopáronse coa sorpresa de que os que mellor dominaban o castelán eran aqueles falantes de comunidades bilingües. Pensar nunha lingua non nos volve parvos nin nos inhabilita para acoller outra. |
| Sodes os simpatoizantes da anti-Francia. ¿A onde ides coas vosas músicas salvaxes, afumados de herbas provenzais? | O recoñecemento simbólico das linguas "régionales" na Constitución, ¿vaivos impedir que sigades sendo uns lariqueiros na langdemolyèr? |
| Os que falades linguas "régionales" sodes uns reaccionarios neo-nacionalistas. | Lembrade que en bretón ou alsaciano ou occitano... non se torturou en Alxeria. Xa vos asubiaremos cando necesitemos leccións de progresismo en francés. |
| Notre langue est déjà un patois à l'échelle planétaire. Le futur des européens parle Anglais. Ce n'est ni bien ni mal, c'est factuel. (Isto sóame moito. Algo semellante repetíao con sumo pracer certo alcalde de La Coruña). | (Xa veremos o que pasará cando acaben de invadirnos os do Lonxincuo Oriente.) |
| | E os Académicos ¿sodes incapaces de ver que os valores da República poden ter expresión en todas as súas linguas? ¿Non dades visto que a República ten cidadáns noutras linguas diferentes do francés? |
Abur.
12.6.08
Fina Casalderrey. A pomba e o degolado
0. A pomba e o degolado é, esencialmente, unha historia de amor entre adolescentes. Ou mellor, unha descuberta do amor que vén ser a descuberta dunha nova forma de ver o mundo e a vida, de estar no mundo, que supón establecer novas relacións cos familiares, cos amigos e cos compañeiros. Atrás, coma un pesadelo, van quedando problemas que se crían insolubles: a morte do avó, a separación dos pais, o acoso escolar, o fracaso nos estudos, o abandono dos amigos... Por diante aínda quedan cabos que atar: unha nova relación co pai e coa nai, unha noiva...
1. A novela recolle uns poucos anos da vida de André; non moitos, pero son anos de cambios profundos. Cando o pai marcha da casa, o neno aínda non é quen de comprender a situación. Interprétao coma unha viaxe do pai e relaciona o seu cambio de aspecto cando vén de visita con algún traballo que estará a facer para os Reis Magos. Tampouco entende o comportamento errático da irmá nin o malhumor permanente da nai.
http://www.xerais.es/catalogos/proyecto_lectura/XG00128101_1.pdf (ficha de lectura)
Noticia da fundación Caixagalicia.
Blog O aletófilo do Morrazo.
Suplemento Faro da Cultura, 10-5-07.
Recensión sobre a autora.
Recensión da obra en Vieiros.
Programa TVG Libro aberto, 7 de maio de 2007.
Noticia en Galicia Hoxe.
Na páxina do Foro contra o acoso escolar atopamos datos alleos á novela, mais que axudan a situala no seu tempo (hoxe mesmo, coma quen di) e a entender mellor un dos seus temas principais.
8.6.08
Actos literarios en Melide e San Simón
As palabras de Vázquez Pintor son un agasallo: "Que o noso idioma nos sobreviva por moitos anos. E que a literatura sirva para facer feliz ao autor e a quen o lea". Do simbolismo do acto quedamos cunha ensinanza que nunca está de máis: amar e respectar a lingua, a todas as linguas.
O acto literario celebrado na illa de San Simón déixanos tres nomes e tres títulos ós que haberá que lles botar unha ollada : O xardín das pedras flotantes (Manuel Lourenzo González), Xenaro e o misterio da mochila verde (Mar Guerra Cid) e A cabeza de Medusa (Marilar Aleixandre). No Galicia Hoxe e mais na Voz de Galicia veñen unhas brevísimas referencias ós argumentos das novelas e á súa intrahistoria.
Deste periódico recollemos tamén un par de recensións publicadas no suplemento Culturas (7-6-08). Ramón Nicolás agóiralle unha boa acollida a Festina lente, novela de Marcos S. Calveiro. Salienta o crítico o labor de documentación e o esforzo estilístico desta novela ambientada na Galicia do século XVII.
A outra recensión á que nos referimos titúlaa Ana Abelenda "Viaxe á estación das ausencias"; ocúpase nela do último libro de poemas de Ánxeles Penas, Amor deshabitado: "A poeta desanda o camiño da memoria para recuperar a unha adolescente que lía a Neruda e presentía xa o amor como o reino das ausencias". A obra tivo unha longa xestación; segundo se nos di no pé de foto que acompaña á recensión, comezou a escribila nos anos setenta.
(Fotos de Galicia Hoxe.)
4.6.08
Exames
27.5.08
Jordi Sierra. Durmido sobre os espellos. O título.
Seica vos preocupa atinar co sentido do título da novela. Non vos preocupedes: atinarlle ou non non vai ser morte de cristián. Un erro de diagnóstico non vai supor mandar o paciente para a pataqueira, neste caso.
Durmido sobre os espellos. Descartamos a interpretación literal: o protagonista non está deitado a durmir coma un cepo encol dun espello. Acollémonos ó dereito a especular (verbo da mesma familia etimolóxica) sobre o título.
Collemos, pois, o título polo lado simbólico e relacionámolo coa cita de Nietzsche que abre a novela. Esta dános a imaxe dun espello embazado, aquel sinálanos un individuo non consciente. O espello é un elemento de múltiple valor simbólico. Para nós o máis doado é entendelo ó xeito do psicanalista Jacques Lacan: o rapaz que se ve reflectido no espello é consciente de que se está a ver a si mesmo; mais neste caso, o feito de estar durmido impídelle recoñecerse, saber quen é exactamente. E velaí está o miolo da cuestión. Na novela temos un mozo que non sabe verdadeiramente quen é el nin a súa familia; está como durmido sobre a súa propia imaxe vital. Nesa viaxe (iniciática) que fai a Cuba na procura das súas raíces, descubrirá datos que lle devolven unha imaxe máis cabal de si mesmo e dos seus. O espello deixa de estar embazado e o rapaz de estar durmido.
O espello simboliza aquí o coñecemento. Cando Diego "esperte", verá reflectida no espello da historia a verdade da súa familia e das súas orixes. E mentres o espello estea embazado e non reflicta toda a luz da historia, Diego vivirá "na sombra", como nos suxire a cita de Nietzsche.
¿Realmente é isto o que significa o título? Pois non volo sei. Pero se tedes unha interpretación mellor, facédema saber.
Aburiño.
(Imaxe da Wikipedia.)
25.5.08
A honra recobrada das linguas minoritarias
A noticia aparece ilustrada coa bandeira bretona (foto Reuters), branca e negra. Branca pola ilusión de seguiren vivos como país, cultura e lingua; negra polas perspectivas de futuro. Poderían chamarse tranquilamente "gallegos".
O xornal citado fai referencia ó blog Oui au breton, e colle del datos de usuarios que se parecen moito ós que dá un periódico de Vigo na sección "Registro Civil": "Cada hora, desaparece un
Así e todo, a nova do recoñecemento das linguas "régionales" pola Constitución francesa deitoulles unha migalla de ánimo no corazón dos defensores desas linguas, segundo nos conta Libération.
Non son poucas as linguas "régionales". Ó redor de 75 linguas (breton, alsacien, catalan, corse, occitan, créole, béarnais, picard, flamand, basque...) segundo os deputados que non queren que "esmoreza este patrimonio". No xornal ligado cítanse datos do Institut d'Estudis Occitans (IEO) e mais do Partit occitan.
Todos coinciden en sinalar o dato como esperanzador. O cambio de estatus destas linguas "régionales" podería producirse se Francia modifica a Constitución. (Aquí, nas Españas, falouse do asunto por unha cuestión de sexo.) Así e todo, a situación non lles está como para botar as campás a repenicar. O goberno francés non ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (1992), e a actual ministro de cultura considera que tal documento é "contrario ós nosos principios", porque non se pode obrigar a ninguén a falar unha lingua rexional, nomeadamente na esfera pública.
Aínda que, se cadra, non entendín ben isto último.
Na edición do 23 de maio de 2008, LibéRennes colle esta mesma noticia con menos datos, pero tamén salienta a satisfacción e a sopresa da decisión da Asemblea. Asemade, recoñece que se trata dunha medida necesaria, pero insuficiente. Os comentarios provocados pola publicación resúltannos familiares:todos son queixas. A saber:
a) Os que advirten que cómpre andar con ollo coa imposición das linguas rexionais. O feito de recoñecelas legalmente xa é unha imposición. "A ministro" de cultura opina deste xeito: o recoñecemento legal implica o imprescritible deber de usalas. Mesmo en público.
b) Os que espernexan porque para eles as linguas "régionales" son barreiras que impiden a construción dunha patria común. Patria común significa lingua única, común tamén. Os que defenden esas linguas "régionales" son un fato de racistas. Construír unha patria común esixe unha lingua única e universal.
c) Os maximalistas: as linguas "régionales" non son linguas.
d) Os neoculturalistas: o mundo cambia; a lingua tamén. Cada xeración abandona unha parte da cultura dos seus pais para crear outra nova e propia. (Noutra lingua, naturalmente.)
e) Os arreminados que nin queren oír falar daquilo que non lles entra polo ollo dereito. ¿Recoñecer máis dunha lingua na Republique? ¡Érache boa! Acéndeselles o fanatismo xacobino e soltan polos ollos e as babas toda canta carraxe non lles colle no coiro contra eses noxentos rilladores da patria, balcanizadores de Europa, separatistas do grelo, sementadores da discordia entre os homes, babelizadores do entendemento... ¡Mi madriña!
f) Os que cren que as linguas, en realidade, non supoñen atranco ningún. Que sempre é mellor coñecer tres ca dúas.
g) Os linguoagnósticos: que está ben o do recoñecemento legal das linguas minoradas; que xa vai sendo hora de que algúns deixemos de falar linguas sen papeis... Pero que a legalidade tampouco non o é todo. (En realidade, en quen non acreditan e nos seus políticos. Pero iso só pasa en Francia.)
h) Os colonialistas de gatopanzaarriba: a ver se con tantas mingachadas de recoñecementos legais imos impoñer o galego, perdón, o bretón alí onde non se fala.
En fin, que na veciña República hai balbordo de linguas. Mais é posible que non nos sirva de consolo.
22.5.08
Ven pacá que cho pinto. Jacqueline Casal / Marta F. Prelch
.jpg)
4.5.08
Lingua esgallada (41)
Velaquí algunhas expresións recollidas das exposicións orais. Contémplaas dende a óptica do rexistro estándar e indica a solución que creas máis idónea. E para pórlle o ramo á obra, comenta as razóns da rectificación.
410 Para que ela se fixase máis en el
411 Chega un momento en que acábase o loito
412 Que era o que a el salváralle a vida
413 Desarólase en dous mundos
414 Decidira quedarse con el
415 Sale da cárcel
416 Perteneceu ó grupo Nós
417 Puxéronlle un de vidrio
418 Xunto con papel e lápiz
419 Cementerio de cidade
CONDICIÓNS DO TRABALLO
BAC: Rectificación + explicación.
ESO: Rectificación.
Valoración: Actividade para mellora de nota, segundo previsto na programación.
Data entrega: 24 horas despois da publicación neste blog. Non se contan festivos.
Imaxe de Le blog drzz